Domingo, 4 Maio de 2025

O Centro Cultural da Lamosa de Covelo xa conta cunha cociña grazas á Deputación

Os fondos da Deputación tamén serviron para realizar obras complementarias como a reposición de madeiras deterioradas polas humidades ou a drenaxe das augas

O Centro Cultural da parroquia da Lamosa é un dos lugares de referencia para as distintas asociacións de Covelo, que empregan este edificio para a organización de actividades sociais, culturais e formativas así como para o seu propio funcionamento. Este lugar de encontro da sociedade do concello precisaba da instalación dunha cociña -unha aclamada petición da veciñanza- así como da realización de obras complementarias, actuacións que tiveron un orzamento de 21.500 euros e que foron sufragadas da man do Plan Concellos 2020. Ata as instalacións achegáronse os deputados provinciais Santos Héctor e Ana Laura Iglesias nunha visita na que tamén estiveron o alcalde do concello, Juan Pablo Castillo, e unha das concelleiras de Covelo.

Os fondos provinciais serviron para dar resposta unha das necesidades máis demandadas por estas asociacións: a instalación dunha cociña con mobiliario e electrodomésticos suficientes para a organización de cursos de cociña, xornadas de preparado de produtos locais ou eventos culinarios para todos os públicos. Deste xeito, as obras -que se realizaron na planta baixa do edificio- consistiron nas instalación de fontanería e electricidade así como na construción dunha saída de gases ao exterior. Da man do proxecto tamén se levou a cabo a fabricación e colocación dos mobles de cociña así como a instalación dos electrodomésticos (vitrocerámica, forno, microondas, frigorífico…).

Ademais, malia que o edificio se atopaba en bo estado de mantemento e conservación antes das actuacións foron necesarias algunhas obras complementarias. Tratouse da reposición de madeiras deterioradas polas humidades, o correcto illamento das paredes afectadas polas mesmas, a drenaxe das augas que se filtraban e a construción dunha pequena beirarrúa exterior de pedra. Ademais, desprazouse unha toma de auga exterior existente e procedeuse á evacuación das augas pluviais procedentes da parcela.