Sábado, 3 Maio de 2025

Este domingo, primeira cita cos roteiros en Covelo

A tempada comezará co roteiro de montaña da Forca do Lobo

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar no primeiro roteiro de sendeirismo deste ano 2023, organizado dentro da programación estable de oferta de lecer na natureza que ofrece o Concello.

Este domingo día 29 as persoas interesadas poderán camiñar polo sendeiro da Forca do Lobo PRG-231 de 13 kms de percorrido e dificultade alta. A duración da actividade é de aproximadamente 5 horas sendo a hora de inicio ás 9 horas dende o Lugar de Campo.

As persoas que queiran participar deberán inscribirse no número de teléfono 654 500 652 (Julio Eiroa). A organización recomenda levar calzado e roupa axeitada así como alimento reconstituínte e bastón de camiñar.

O programa “Roteiros e serradoiro dos Carranos” que oferta de balde o Concello de Covelo contan co acompañamento dun guía de montaña e co apoio da Deputación de Pontevedra.

O guía e biólogo, Julio Eiroa, recoñecido recentemente co premio Síntete Covelo polo seu fondo coñecemento e defensa do patrimonio natural do Concello, adentrará ás persoas participantes na riqueza da fauna e flora da montaña.