O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou o venres, 1 de marzo, a estrada PO-255, ao seu paso polo concello de Covelo, onde se van a levar a cabo nos próximos meses traballos de reforzo do firme que tamén beneficiarán aos concellos da Lama, Fornelos de Montes e A Cañiza. Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Pablo Castillo, así como polo alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez.
Os traballos, que contan cun orzamento de 411.248 euros, suporán o reforzo do firme localizado da PO-255, que enlaza A Lama con A Cañiza.
O obxectivo da obra é a rehabilitación estrutural deste firme que se atopa moi afectado polo tránsito de vehículos, así como a reposición da sinalización horizontal. José Manuel Cores Tourís explicou que o proxecto atópase a punto de ser licitado, polo que as obras de mellora desta estrada executaranse “o antes posible”, permitindo reforzar o firme cun fresado de 5 centímetros de espesor do pavimento existente de mestura bituminosa co obxectivo de mellorar a seguridade viaria desta estrada. Posteriormente, e previo rego de adherencia, procederase á extensión e aplicación de nova mestura bituminosa.
O orzamento desglosado por concellos permite comprobar que o maior investimento executarase no tramo da estrada que transita a través dos concello de Covelo, con 266.337 euros, e a Fornelos de Montes con 69.765 euros. O orzamento para o tramo en A Lama é de 46.510 euros, entres que na Cañiza serán 28.636 euros.
Segundo explicou o delegado territorial, esta actuación é un claro exemplo do esforzo da Xunta por manter a rede de estradas autonómicas nas mellores condicións e que está a desenvolver a través do Plan de reforzos de firme. Unha aposta do Goberno galego pola conservación das estradas de titularidade autonómicas e polo incremento da seguridade viaria, que ten o seu reflexo nos orzamentos do pasado ano, cun incremento moi importante na súa dotación, pasando de 15 a 20 millóns de euros.
“Estes investimentos demostran que para a Xunta a seguridade das estradas e a súa conservación son materias absolutamente prioritarias”, engadiu Cores Tourís, “porque estamos a falar da vida das persoas e non hai nada por enriba diso. E, neste senso, para a Xunta de Galicia, ten tanta relevancia a execución de novas estradas como a conservación en bo estado das que existentes”.
Explicou que a Consellería de Infraestruturas está a realizar tamén importantes esforzos tamén a través do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 e, máis concretamente, en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con este tipo de obras de conservación extraordinarias.
En definitiva, concluíu, a Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.