8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Deputación mobiliza 1,8 millóns de euros para novas obras de mellora...

    A Deputación mobiliza 1,8 millóns de euros para novas obras de mellora da mobilidade e seguridade peonil en Arbo

    As actuacións desenvolveranse nos concellos de Meis, Moaña, Arbo e Barro

    A Deputación de Pontevedra deu o visto bo a outros 1,8 millóns de euros para obras de mellora da seguridade viaria e peonil nas estradas provinciais. A Xunta de Goberno Provincial aprobou catro actuacións nos concellos de Meis, Moaña, Arbo e Barro para continuar recuperando espazo público no marco do modelo provincial de mobilidade segura.

    Dunha banda, o Goberno provincial deu un novo paso para a execución de dúas ambiciosas actuacións en Meis e Moaña, coa aprobación dos expedientes para a adxudicación das obras. Trátase da mellora da seguridade viaria na EP9402 Mosteiro-Barrantes (Meis) e o das obras de recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP 1104 Moaña-Coiro (Moaña).

    No primeiro caso, en Meis a institución provincial investirá 217.606 euros, no marco do convenio xa asinado co Concello. As obras desenvolveranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+250, no núcleo de Mosteiro. Consistirán na adecuación da plataforma do viario e marxes, atendendo a criterios de seguridade viaria e mobilidade amable. Con esta actuación, a Deputación asume amais o compromiso adquirido coa veciñanza de Meis para arranxar un problema histórico de inundacións neste tramo da estrada.

    No treito anexo á praza de España deste núcleo proxéctase a execución dunha plataforma de uso compartido para peóns e automóbiles, con prioridade para os primeiros. No seguinte tramo, a actuación consistirá na renovación da capa superficial da estrada e resolveranse tamén os problemas de drenaxe da vía. Ademais, reforzarase a seguridade viaria mediante a adecuación de beirarrúas, a execución dun paso de peóns e unha mediana de separación de carrís sobreelevados e reforzos de sinalización e iluminación. Estas obras únense ás xa desenvolvidas na praza de España, financiadas co Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos da institución provincial.

    No que atinxe á mellora da EP1104 Moaña-Coiro, en Moaña, desenvolverase entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780. Na humanización desta infraestrutura, unha das máis agardadas no Morrazo, a Deputación vai investir 690.000 euros. O proxecto enmárcase no convenio asinado este ano entre a institución e o Concello, que fora cualificado de exemplar e pioneiro no Morrazo pola presidenta Carmela Silva e a alcaldesa, Leticia Santos.

    O obxectivo desta obra é a creación de espazos específicos reservados a peóns e espazos de convivencia de tráfico (vehículos e peóns), con criterios de seguridade e mobilidade sustentable. Deste xeito, reservarase un itinerario peonil a nivel do viario, que se distinguirá cun pavimento de diferente material e cor que os dos carrís de circulación. Como medidas de calmado de tráfico, executarase un paso de peóns sobreelevado, redutores físicos de velocidade, sinalización máis restritiva e estreitamento de carrís. Así mesmo, no treito máis conflitivo deseñarase un espazo de convivencia de tráfico mixto, dando prioridade ao peón. O acceso á zona de convivencia realizarase mediante ramplas, co obxectivo de reducir a velocidade.

    Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou dous novos convenios cos concellos de Arbo e Barro. O primeiro deles permitirá a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil nas estradas EP5202 e na EP5203, e está presupostado en 663.204 euros, dos que a Deputación asumirá o 70% (464.242 euros) e o Concello o 30% restante (198.961 euros).

    Máis polo miúdo, en Arbo actuarase na EP5202 entre os puntos quilométricos 1+100 e 1+165 e na EP5203 do 1+150 ao 1+529, ao fin de humanizar a rúa nos treitos comprendidos entre a estación de ferrocarril e a estrada PO-405, así como o que discorre fronte á capela de San Antonio, o que mellorará notablemente a seguridade viaria na zona do proxecto e a súa contorna. O proxecto resólvese coa dotación dun percorrido peonil en toda a lonxitude da actuación e cun ancho suficiente para o tránsito de persoas. Amais, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado, e dotarase de canalizacións para o soterramento da rede de cable eléctrico, tanto a de telecomunicacións como a rede eléctrica. Así mesmo, construiranse dous pasos peonís sobreelevados, ao obxecto de reducir a velocidade dos vehículos.

    No que atinxe ao convenio co Concello de Barro, a actuación prevista permitirá a recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP0508 Curro-San Amaro ao seu paso pola praza de San Amaro. O orzamento do convenio ascende a 303.282 euros, dos que a Deputación asume o 70% (212.297 euros) e o Concello o 30% (90.984 euros).

    Esta estrada comparte percorrido co Camiño Portugués e coa calzada romana do Itinerario Antonino Vía XIX. A praza de San Amaro é un lugar moi transitado, aínda que na actualidade, non dispón de beirarrúas, beiravías nin itinerario reservado para os peóns. Coa obra proxectada, preténdese o acondicionamento da estrada ao fin de mellorar a  funcionalidade da vía e a súa seguridade para o tráfico rodado e peonil.

    Dotarase á praza, situada nun entorno con elementos patrimoniais de gran beleza como a Igrexa de San Amaro, dun pavimento e mobiliario urbano que permite recuperala para as persoas. Deseñarase unha zona de convivencia elevada e con prioridade peonil, co emprego de pavimentos de pedra e mobiliario urbano moderno. A maiores, contémplase unha nova rede de pluviais, así como melloras en servizos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións, a execución dunha nova rede de fecais e novo alumeado público con luminarias LED.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.