Venres, 2 Maio de 2025

A Academia Galega de Gastronomía visita Arbo

O Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, Museo Arabo, de Arbo recibiu na pasada semana a visita da Academia Galega de Gastronomía. Acompañados polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, os visitantes tiveron a oportunidade de percorrer o museo, lugar onde constataron a estreita vinculación dos veciños e veciñas de Arbo coa lamprea e o viño.

A expedición da Academia Galega de Gastronomía, encabezada polo seu vicepresidente, Francisco García Bobadilla, –expresidente da rede de paradores nacionais e exdirector xeneral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia– visitou tamén a vinoteca do edificio, onde puideron degustar os viños das as adegas de Arbo con D.O Rias Baixas. Na visita, videos interpretativos deron a coñecer a historia da lamprea, as pesqueiras e como e onde péscase.

Os e as asistentes puideron degustar lamprea en varios estilos: á bordalesa, rechea, asada á brasa, con fideos e tirabeques ou en empanada. Unha cociña “de excelencia”, “variada”, “de coidada gastronomía tradicional” e que contribúe a “exaltar os produtos autóctonos”. Estes son, entre outros, algúns dos cualificativos que recibiu a oferta gastronómica de Arbo, centrada fundamentalmente nestes dous produtos milenarios: o viño e a lamprea.

O Alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou que “a lamprea, o viño e as pesqueiras son o reflexo da forma de vida, da cultura e a tradición de Arbo”. Afirmando tamén que este tipo de encontros forman parte da forte estratexia de promoción que esta levando a cabo o Concello de Arbo para promocionar “os seus atributos, as súas festas e a súa inmellorable oferta gastronómica e hospitalaria e proximidade da nosa hostalería”. “A tempada de lamprea este ano está a ser todo un éxito e verémolo reflectido en abril cando recibiremos a máis visitantes que nunca na nosa prezada Festa dá Lamprea que terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril”, rematou o alcalde de Arbo