Domingo, 16 Marzo de 2025

Un total de 629 propietarios reciben no Concello os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Oroso, A Cañiza

O Salón de Plenos do Concello da Cañiza acolleu o acto de entrega dos títulos de propiedade da concentración parcelaria de Oroso aos 629 titulares que de xeito organizado foron atendidos polos funcionarios da Consellería de Medio, un acto no que participaron o conselleiro de Medio Rural, José González e o alcalde da Cañiza, Luis Piña. Foron un total de 740 hectáreas que se reorganizaron pasando de 13.110 parcelas a 1.890, cunha media de 3.915 m2 conseguindo, con esta medida, unha superficie 6 veces maior que as parcelas antigas que tiñan por media uns 564 m2)

Nesta entrega tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O alcalde Luis Piña amosou a súa satisfacción por terse rematado esta concentración parcelaria, iniciada hai 34 anos e na que o Concello tamén tivo un papel determinante no último mandato ao colaborar coa Consellería de Medio Rural para acelerar o peche do procedemento.  No ano 2020 dende o Concello “conseguimos espertar e reactivar este expediente que estaba bloqueado porque a Consellería non tiña consignada partida orzamentaria para poder inscribir os títulos na Notaría da Cañiza e posteriormente rexistralos no Rexistro da Propiedade de Ponteareas”, manifestou o alcaldeda Cañiza. “Grazas a este impulso conseguimos, despois de moitas reunións, que a Consellería de Medio Rural dotase partida orzamentaria para rematar o expediente” engadía o mandatario local.

Ademáis dende o Concello conseguiuse recopilar e actualizar os Documentos de Identidade de moitos dos titulares, necesarios para avanzar no expediente e, nestes últimos días, dar difusión á entrega.

“Nos vindeiros días –engadiu Luis Piña– enviaremos un comunicado para informar cómo poden retirar os títulos de propiedade aqueles veciños que hoxe non puideron acudir ata o Concello. Informaremos do procedemento e lugar que se designe a tal efecto”.