Sábado, 3 Maio de 2025

O PP da Cañiza reclama ao Goberno local que garanta a limpeza dos colexios

O Partido Popular reclama ao Concello da Cañiza, e ao seu alcalde, Luis Piña, que garanta a limpeza dos colexios de acordo cos protocolos de adaptación ao contexto da COVID e acabe coa incerteza que está xerando entre as familias. O voceiro do PP, Miguel Domínguez, di que as nais e os pais están pedindo que se responsabilice xa da limpeza dos centros de ensino e deixe de poñer escusas.

“Parece que está máis cómodo queixándose do custe da limpeza dos centros educativos da Cañiza que buscando solucións, e pasan os días e continúa sen aclarar se vai cumprir ou non co protocolo de volta ás aulas”, sinala, “a Piña non lle importa arriscar a saúde dos nonos fillos, a fin de contas, os seus fillos van a un colexio privado de Vigo”.

Domínguez recorda que a limpeza dos centros de ensino é competencia dos concellos, como así o recolle o artigo 25.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local. “O texto é moi claro, e por iso o Goberno local debe asumir a súa responsabilidade sen máis dilacións e cumprir coa Lei”.

Nesta liña, incide en que neste momento a colaboración é fundamental, e por iso é necesario o esforzo de todas as administracións, tamén do Concello da Cañiza, para priorizar e asumir os custes ou modificacións nos horarios dos servizos de limpeza para poder cumprir coas directrices marcadas no protocolo. “Estamos nunha situación excepcional na que todas as administracións deben implicarse, e neste caso ao Concello correspóndelle cumprir co protocolo para garantir a limpeza e desinfección dos centros de infantil e primeira do noso concello, e deste xeito, dar unha resposta en firme que aporte seguridade ás familias”.

Por último, pídelle a Piña “que deixar de lado canto antes a propaganda e comece a responsabilizarse da súa xestión como alcalde, xa que parece que esqueceu que a súa nómina é a cambio de xestionar, tomar decisións e ofrecer solucións”.