Sábado, 3 Maio de 2025

O PP da Cañiza denuncia que o goberno local contratou as luces de Nadal de 2019 a unha empresa que acometeu a obra de forma supostamente ilegal

Industria sanciona a Ximénez polas luces de Nadal da Cañiza.

O Partido Popular denuncia que a empresa que instalou o ano pasado as luces de Nadal na Cañiza, Ximénez, foi sancionada pola Consellería de Industria por non contar co Certificado de Instalación correspondente, xa que se trataba de unha instalación ilegal.

O voceiro local do PP, Miguel Domínguez, afirma que dende o principio existiron moitas irregularidades sobre este contrato: “Piña adxudicou un contrato menor a Ximénez, que á súa vez subcontratou a Iluminaciones Alvaz, que colocou máis luces das contratadas e que foron facturadas aparte”. Polo tanto, segundo Domínguez “pode existir unha clara ilegalidade ao superar o límite de contratación dun contrato menor ou existir un fraccionamento do contrato para evitar sacar a colocación das luces en aberto, o que permitiría que puidese presentarse a concurso calquera empresa”.

Supervisión iluminaciones Alvaz

Por todo isto, INSTALECTRA (asociación de empresarios eléctricos) presentou unha denuncia ante a Consellería de Industria, que realizou unha inspección da instalación feita por Alvaz. As conclusións do informe elaborado tras esa inspección din que non existe solicitude nin autorización para a conexión eléctrica por parte da empresa suministradora ENERGY; que non existen os boletíns da instalación eléctrica para presentar en Industria; tampouco existe certificación da instalación; e que non contaba con toma de terra, co perigo que isto conleva para os veciños, que puideron sufrir un accidente con datos irreparables, valoran os populares.

“Sendo coñecedor desta denuncia, Luis Piña permitiu facer unha instalación ilegal no noso Concello que puxo en perigo aos veciños e veciñas, mentres eles estaban alleos á realidade, con tal de presumir da contratación de Ximénez dicindo que era a mesma empresa que poñía as luces en Vigo.”

A Consellería de Industria sancionou a Ximénez por realizar o alumeado navideño da Cañiza sen o Certificado de Instalación. “Pediremos explicacións ao pleno e veremos si a responsabilidade de Piña queda só aí”, declara Domínguez, que entende que o concello non garantiu a seguridade das instalacións contratadas e feitas en solo público, e polo tanto, a seguridade dos veciños. “A garantía dáse presentando o boletín de instalación en industria, cousa que non se fixo e que o Concello tampouco requiriu á empresa, poñendo en risco a seguridade de todos”.