Sábado, 3 Maio de 2025

O Pavillón Municipal de Deportes da Cañiza contará cun video marcador grazas ao convenio entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte

O alcalde da Cañia, Luis Piña e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa asinaron hoxe un convenio para dotar ao Pavillón Municipal de Deportes dun vídeo marcador cunha pantalla led de 10 m2, e que contará cun orzamento de 20.000 euros.

De acordo coa memoria remitida polo Concello para a elaboración do convenio, esta pantalla para eventos deportivos conta cunhas dimensións de 400x250x8 cm, e conta cun ordenador de control con software específico para uso deportivo e multimedia; un software específico para procesador LED de reproducción multimedia avanzada; software multideporte específicamente diseñado para a utilización da pantalla LED como marcador electrónico deportivo e adaptado ás normativas das federacións deportivas, ademais dunha consola para o manexo do marcador e bocinas de aviso.

Este convenio ven a sumarse a outras actuacións deste tipo desenvolvidas pola Secretaría Xeral para o Deporte dentro da liña de apoio aos clubs federados que compitan en primeira liña.

Cómpre lembrar que o pasado 5 de febreiro, o alcalde Luis Piña reuniuse co xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, para tratar este tema e o 22 de febreiro achegóuselle dende o Concello unha solicitude formal dando conta da necesidade deste elemento no pavillón da Cañiza dado que, nestas instalacións, dispútanse importantes partidos de balonmán ao terse clasificado o Club Balonmán Cañiza en categorías de alto nivel.

Este convenio asínase co obxectivo común de conseguir un óptimo nivel de funcionamento desta infraestrutura municipal, de forma que o Concello poida prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.

Concello e Xunta son conscientes de que o incremento e mellora das condicións que esixe a práctica deportiva que reclama unha mellor dotación de infraestruturas municipais, necesidade á que da resposta este convenio.