Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello da Cañiza repartiu máis de 400 bocadillos entre os participantes da Clásica Álvaro Pino

Este domingo 22 de maio, celebrouse a 7ª edición desta marcha ciclodeportiva, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolvéronse polas estradas do noso Municipio.

Un gran fondo cicloturista que percorreu as terras de 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), con tramos de 2.000 metros de desnivel acumulado.

O percorrido polo noso Municipio empezou subindo ao Alto de Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806 m).

Sobre as 11:30h a marcha fixo a primeira parada na Praza Maior da Cañiza para o avituallamento. Durante máis de media hora concelleiros e traballadores do Concello xunto coa organización da proba, repartiron máis de 400 bocadillos do mellor xamón da Cañiza entre todos os ciclistas. Esta parada serviu tamén para que os deportistas puideran reagruparse e evitar así a dispersión.

A ruta continuou hacia a parroquia das Achas, Parada e Luneda (onde estaba marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e  finalmente pasaron pola Franqueira para continuar a marcha hacia a Meta de Ponteareas.

Como xa declarou o alcalde, Luis Piña, na presentación da edición deste ano,  «o Concello volveu a colaborar coa «Clásica» repartindo  bocadillos do mellor xamón da Cañiza, en agradecemento aos organizadores por ter elexido o noso Concello para formar parte do trazado desta competición que xa é un referente no ciclismo autonómico».

O Alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer a colaboración dos xamoneiros da Cañiza que donaron gratuitamente todo o xamón para esta proba. Xamonerías “Os do Resero”, “Piri-Piri”, “Kenia”, “Paradanta” e “Área de Servicio Repsol de A Cañiza”.