A modernización do alumeado público do municipio é un dos grandes retos que se marcou o alcalde da Cañiza Luís Piña dende a súa toma de posesión en xuño de 2019. A rede pública de alumeado estaba obsoleta e supuña un dos maiores gastos do Concello. O reto de modernización pasa a ser, polo tanto, unha das maiores inversións económicas do Concello e a renovación do alumeado nas parroquias de Petán e Oroso é un paso mais dentro deste proceso.
Inicialmente foi aprobada a adxudicación no mes de xaneiro de 2022 pero debido aos graves problemas de tesoureria tivo que suspenderse a obra temporalmente. As obras financiadas polo Instituto para a Diversificación Enerxética (IDAE) teñen que pagarse primeiro e posteriormente o IDAE realiza o pago ao Concello unha vez acreditada a súa realización.
Solucionado o problema financieiro coa firma dunha operación de crédito bancaria que permite realizar estes pagos e que será amortizado no momento no que o IDAE execute o pago ao Concello, o 26-01-2023 levantouse a suspensión temporal do contrato, e iniciáronse os traballos de renovación do alumeado.
Aforro superior ao 50 % e maior luminosidade
A actuación nas parroquias de Oroso e Petán supón o cambio de mais de 500 puntos de luz, substituíndoos por novas luminarias LED de última xeración: 516 puntos modelo LED- 30 W, 61 modelos LED-50W e 8 modelos LED-60W. Tamén se realiza a instalación de 24 novos contadores de ultima xeración – anteriormente so existían 2 contadores-. Realizaranse ademais os cambios de cableado onde sexan necesarios.

O proxecto tamén contempla o cambio do tipo de facturación, xa que se eliminarán todos os puntos que ata agora se facturaban en alzado, cun alto consumo enerxético e penalizacións nas facturas, colocando novos contadores. Actuación que se traducirá nun importante aforro de mais do 50 %, reducindo a factura mensual.
Esta renovación integral sen precedentes, dotará a Oroso e Petán dunha moderna instalación eléctrica, co cambio de todas as luminarias a LED de última xeración, aportando aos barrios máis luminosidade, cambiando a luz laranxa por luz branca. Ademais suporá a reducción da emisión de contaminación lumínica, un importantísimo aforro nos consumos enerxéticos, e un importante aforro de emisións de 75,9 toneladas de CO2 ao ano, cumprindo así cos obxectivos do Pacto Verde da Unión Europea e o Pacto dos Alcaldes polo Clima de reducir a contaminación.
Esta obra, cunha inversión de 358.160 €, está financiada ao 100 % entre o Ministerio de Transición Ecolóxica, cunha aportación do 80 % do total e a Deputación de Pontevedra, que a través do Plan Concellos 2021 aporta o 20 % restante. Polo tanto cómprese coa filosofía de axuste contable do alcalde Luís Piña de tratar de non utilizar os recursos propios debido á actual situación económica que sufre o Concello.
As subvencións para o aforro e eficiencia enerxética financiados polos Fondos Europeos a través do IDAE, Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía do Goberno de España, permitiron ao Concello acometer esta gran reforma.
A inversión total, en todo o territorio municipal, inicialmente estaba cuantificada en 2.523.890,92 € pero tras as baixas producidas durante as adxudicacións dos 6 expedientes de obras, alcanza os 2.419.516 €.
Deste importe, 1.935.612,80 € son fondos europeos do instituto para a diversificación enerxética do goberno de España, 408.477,60 € son fondos dos Plan Concellos 2020 e 2021 da Deputación de Pontevedra e 75.455,60 € son do fondo de compensación medioambiental de 2021 da Xunta de Galicia.