Sábado, 3 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza solicita á Xunta a dotación dun camión e equipos de excarceración para o GES

Para equipar e activar o GES o Alcalde solicitou oficialmente a Vicepresidencia o pasado 28 de abril a entrega de medios materiais para poder ofrecer un servizo de calidade e pronta resposta

Segundo explicou esta mañá o alcalde Luis Piña, no Pleno celebrado o 15 de abril, a Corporación votou a creación dun GES na Cañiza, adheríndose ao Convenio Marco suscrito entre a Xunta, a FEGAMP e a Deputación de Pontevedra en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, polo que A Cañiza pasou a formar parte dos 29 GES de Galicia.

Para poñer en funcionamento este Grupo, o alcalde solicitou oficialmente o pasado 28 de abril á Vicepresidencia 1ª da Xunta, a dotación e achega dos medios necesarios para cumprir co obxectivo de atender á poboación no menor tempo de resposta posible, dun xeito áxil e eficiente considerando que vivimos nun territorio de montaña, cunha complexa orografía, caracterizado pola dispersión poboacional e a existencia de núcleos e zonas con viais estreitos e de difícil acceso.

O anexo III do Convenio Marco, referente aos medios materiais cos que contará cada GES co fin de proporcionar un servizo de calidade, axustado ás tarefas encomendadas, dispón que o Grupo debe contar cun vehículo todoterreo, vehículos de extinción, batelumes, ferramentas e EPIS.

Para solicitar estos vehículos e equipamentos, o alcalde apela ao tratado persoalmente co Vicepresidente 1ª da Xunta e á cláusula oitava do Convenio no referente ao financiamento dos GES en materia de emerxencias e extinción e incendios, que no apartado 2 recolle que tanto a Dirección Xeral de Emerxencias como a Dirección Xeral de Administración Local e a Consellería de Medio Rural achegarán financiación para cubrir os gastos correntes en servizos e bens.

En base ao anterior dende o Concello se solicitou á Xunta a achega  dun  camión de extinción de incendios, 1 vehículo tipo autobomba urbana lixeira para afrontar primeiras intervencións nun lume urbano nas zonas de difícil acceso, equipos de excarcelación e demáis material e efectivos de emerxencias e EPIS e vestiario específico para poder contar con profesionais ben equipados.