Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Luis Piña visitas as obras do Pavillón Carballo do Marco

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou onte as obras dos vestiarios do Pavillón Municipal Carballo do Marco, que están subvencionadas ao 100% polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

A contía total da subvención ascende a un total de 46.714,15 euros. Esta reforma permitirá ofrecer un servizo de calidade aos usuarios ademáis de dotar ao pavillón dunha apariencia máis moderna, funcional e saudable. Cabe destacar que neste investimento tamén está incluída a obra de cambio do tellado do campo de fútbol do Vieiro, recentemente iniciada.

A reforma inclúe as obras de renovación das instalacións de electricidade e fontanería con instalación de novos aparellos sanitarios; execución de novos revestimentos en paredes da zona de duchas de todos os vestiarios  e pintado do resto de paredes con pinturas resistentes á humidade e antimofo; colocación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo no chan dos vestiarios e do corredor de acceso aos mesmos; sustitución do falso teito  de madeira por aluminio;  instalación de duchas con elementos antivandálicos e con temporizador para aforrar auga e reparación das paredes dos corredores.

Unha obra que, como xa manifestara o alcalde o pasado ano, encaixa na política do Goberno municipal de rehabilitación e mantemento dos bens municipais existentes, aplicando “rigor orzamentario”, ao non ter que aportar o Concello ningún recurso propio.

Unha reforma moi necesaria

Construida no ano 1983, esta instalación deportiva é unha das máis utilizadas polos clubes da localidade, onde se desenvolven importantes actividades e competicións. Con todo, durante os seus 37 anos de vida, os vestiarios do pavillón apenas sufriron modificacións, presentando importantes deterioros e desperfectos acumulados ao longo do tempo.

Ademais, as condicións de salubridade tampouco eran as máis óptimas para este tipo de instalacións, xa que a ventilación natural era insuficiente polo que provocaba humidades e un ambiente insalubre, motivo de queixa dos usuarios.

Por todo isto, o alcalde Luis Piña, dentro do seu primeiro Plan Concellos da Deputación, incluiu esta obra de rehabilitación, encamiñada a mellorar as condicións de salubridade e ventilación dos vestiarios másculino, feminino e dos árbitros.