O alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu na Casa do Concello a Pedro R. Bofill, creador do primeiro cartel da Feira do Xamón e que lle fora encargado no ano 1967. Na recepción Bofill deixou a súa pegada por escrito no Libro de Honra do Concello ademáis de dedicar e rubricar varias copias do seu cartel.
O alcalde Luis Piña fíxolle entrega dun agasallo e lle manifestou o seu agradecemento por ter aceptado esta invitación. O rexedor local tamén agradecía a Alfonso Martínez Comesaña, veciño da Cañiza e amigo persoal de Bofill, “por mediar para que este encontro tivera lugar no Concello”.

A xuntanza tivo máis sorpresas para todos xa que, ademais do cartel do Xamón, Bofill deseñou a portada do libro das Romaxes da Franqueira, escrito por Ramón Carbanillas que recrea a loita dialéctica entre o Mouro e o Cristiá e que se representa todos os anos na Romaxe do 8 de setembro da Franqueira. Un motivo máis de unión con este ilustrador autodidacta que aprendeu o oficio por libre ata que puido cursar os estudos de Belas Artes.
A historia dun cartel
Os primeiros organizadores da Feira do Xamón tiñan por diante, na primavera do ano 1967, unha ardua labor que comezaba coa elección da data de celebración, fixada para o 15 de agosto e a difusión da festa. Na promoción da feira xogou un papel fundamental a prensa e en concreto o xornal Faro de Vigo. Os xornalistas Cameselle e Velle, coas súas achegas xornalísticas, deron á feira o impulso que necesitaba para o seu lanzamento definitivo.
Por outra banda era importante buscar un deseño atractivo do cartel. Tamén o Faro de Vigo axudaría nesta empresa, cando o director artístico do xornal, Javier Sánchez Puga, encárgalle ao ilustrador Pedro Ruiz Bofill o deseño do cartel que 54 anos despois permanece intacto.

Pedro Ruíz Bofill
Pedro Ruiz Bofill (Barcelona, 1935), máis coñecido como Bofill, é licenciado en Belas Artes e profesor xubilado de debuxo de Ensinos Medios. Foi membro do persoal de Faro de Vigo durante máis de corenta anos, de 1960 a 2000, traballando tanto para a imprenta como para o diario, onde fixo ilustracións, historietas, caricaturas e tiras cómicas.
Bofill desenvolveu o seu traballo en Faro nunha época a cabalo da censura e decadencia que viviu o humor gráfico galego despois da Guerra Civil e o rexurdimento que experimentou nas últimas décadas do século XX.
Foi un dos debuxantes que axudou a superar eses anos escuros e a entrar de cheo na nova idade dourada do xénero.
No campo do cómic, é autor dos tres volumes da serie As aventuras dun neno galego, con guión de Xesús Franco, publicadas pola Xunta de Galicia nos anos 80, e da Historia ilustrada de Vigo, a Historia ilustrada de Ourense e a Historia ilustrada de Arousa e O Salnés, editadas por Faro nos 90.
Debuxou, ademais, case todas as portadas dos libros de O Moucho, a popular colección da editorial Castrelos, de Vigo, que constituíu todo un fito editorial na Galicia da segunda metade do século XX.