O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, solicitoulles aos veciños da Cañiza un “apoio masivo” a Alfonso Rueda e ao Partido Popular nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, “xa que, sen dúbida, somos a mellor opción para manter as elevadas cifras de investimentos que se realizaron desde a Xunta durante estes catro anos”.
Luis López lembrou que o compromiso do PP coa Cañiza “é medible e non opinable”, xa que cifrou os investimentos da Xunta nesta lexislatura en 16.922.248 euros en infraestruturas, achegas municipais para obras e servizos e axudas para actuacións nos sectores da empresa, o comercio, a hostalería e o sector agrogandeiro. Ademais, garantíu que, en caso de que o PP revalide o Goberno galego, vaise superar esta alta cifra de investimentos, “que se sitou nunha media de 4,2 millóns de euros por ano e rebasou os 800 euros por habitante cada exercicio”.

O presidente provincial participou, nesta quinta xornada de campaña, nun percorrido pola feira da Cañiza xunto á secretaria provincial, Luisa Piñeiro; o voceiro municipal, Miguel Domínguez; e outros membros do PP local.
“Alfonso Rueda coñece perfectamente A Cañiza, un concello onde comezou a súa traxectoria profesional, onde coñece a todo o mundo e que visita asiduamente desde hai décadas, polo que ten unha sensibilidade especial por esta terra e polas demandas e necesidades dos seus veciños. Polo tanto, e co aval dos elevados investimentos que o noso presidente impulsou desde a Xunta na Cañiza ao longo destes catro anos e a garantía de que vai seguir atendendo a este concello como se merece, creo que é a mellor opción para os veciños da capital da Paradanta fronte a un posible multipartito de esquerdas que sempre abandona por completo aos concellos do rural e do interior, xa que teñen as súas preferencias e intereses noutros territorios”, aseverou Luis López.