Mércores, 13 Novembro de 2024

Isma Lago continuará ao fronte do Saeplast BM Cañiza

O Club Balonmán Cañiza ven de renovar a Isma Lago como adestrador do Saeplast Balonmán Cañiza de Primeira Nacional para a vindeira tempada 2021/2022. Baixo a súa dirección o Saeplast BM Cañiza acadou a mellor tempada da historia do club en Primeira Nacional, cuarta posición con 37 puntos.

Os resultados desta magnífica tempada levaron a que o club e o xoven adestrador acadasen un acordo para a continuidade de Isma Lago na vindeira tempada.

Isma Lago chegou á capital da Paradanta no ano 2016 para facerse cargo da coordinación da sección masculina do club, adestrando equipos da canteira e levando a cabo iniciativas como a promoción do deporte entre os escolares da comarca ou o Campus de verán do BM Cañiza, ao tempo que formaba parte do plantel do primeiro equipo. Na pasada tempada, Isma Lago, coa titulación de Adestrador Nacional pola RFEBM, deixa as pistas para pórse á fronte do proxecto.

Con esta renovación serán xa un total de seis tempadas as que este adestrador vigués afincado na Cañiza complete neste club feito que, en palabras do propio Isma Lago, “é unha auténtica honra seguir ao fronte deste proxecto que vai máis alá de xogar ao balonmán”. “Estou moi contento por contar co respaldo da Directiva, do presidente e, atreveríame a dicir, da Cañiza” engade o adestrador do Balonmán Cañizaque, de cara a vindeira tempara, marca dous obxectivos claros “consolidar ao Balonmán Cañiza como un dos equipos da zona máis alta da táboa e dar un paso á fronte no traballo coa base e de captación que este ano viuse mermado a causa da COVID”.