Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Entra en vigor unha nova ordenanza reguladora de feiras e venda ambulante na Cañiza

A Ordenanza, aprobada definitivamente por Acordo do Pleno o pasado 30 de setembro de 2021, deroga a  anterior e regula o exercicio da venda ambulante no termo municipal de A Cañiza, establecendo a Feira Tradicional da Cañiza que seguirá celebrándose todos os días 6 e 20 de cada mes (coa particularidade de que cando cadre en festivo manterase a súa celebración) e a Nova Feira da Cañiza que se celebrará todos os últimos e antepenúltimos domingos de cada mes. Tamén regulará as Romaxes anuais das Pascuillas e da Natividade da Virxe da Franqueira.

A nova Ordenanza, aprobada  inicialmente o pasado 27 de maio, responde ao compromiso adquirido polo Goberno Municipal coa Comisión de Vendedores das feiras da Cañiza de manter as feiras antiguas e crear unha feira nova. Compromiso rubricado o  28 de agosto de 2020, data na que se asinou un «Acordo histórico» entre o alcalde Luis Piña e os representantes dos feirantes para o mantemento da feira antigua e a creación dunha nova.

A nova feira é unha aposta económica que xurde co  fin de crear un novo espazo comercial e dar un novo servizo de fin de semana aos veciños e visitantes para impulsar, fortalecer e fidelizar a economía local.

Así, a feira do vindeiro luns 6 de decembro, festivo nacional, celebrarase o propio día. Ademais, todos os feirantes que desexen renovar os postos das feiras tradicionais ou solicitar ubicación para as novas feiras poderán facelo durante todo o mes de decembro.