Domingo, 4 Maio de 2025

A Clásica Álvaro Pino, un éxito absoluto

O alcalde Luis Piña e o exciclista Álvaro Pino repartiron bocatas de xamón aos participantes

Este domingo 3 de outubro, celebrouse a 6ª edición desta marcha ciclodeportiva ‘Clásica Álvaro Pino’, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolvéronse polas estradas do municipio da Cañiza.

O percorrido pola Cañiza iniciouse subindo ao Alto de Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806m), pasando pola Praza Maior para o primeiro avituallamento, Achas, Parada, Luneda (onde estaba marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e A Franqueira.

Sobre as 11:30h a Praza Maior da Cañiza converteuse no centro de avituallamento. Durante máis de media hora repartíronse 400 bocadillos do mellor xamón da Cañiza a todos os participantes.

Segundo manifestou o alcalde Luis Piña “qué mellor xeito de agradecer á organización por ter escollido A Cañiza para formar parte do trazado da Marcha, que agasallando aos ciclistas  co noso mellor manxar: o xamón da Cañiza. Abandeirado da nosa oferta gastronómica”.

O alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer a colaboración dos xamoneiros da Cañiza que donaron gratuitamente todo o xamón para esta proba. Xamonerías “Os do Resero”, “Pirri”, “Piri-Piri”, “Kenia”, “Paradanta” e “Área de Servicio Repsol de A Cañiza”.