Venres, 13 Decembro de 2024

A Cañiza reforza a limpeza de viais municipais coa adquisición dun novo brazo desbrozador

Este novo brazo ven a sumarse aos tres cos que xa conta o servizo de mantemento dos camiños e pistas municipais

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anunciou onte pola mañá que o parque móvil municipal dispón xa dun cuarto brazo desbrozador para o mantemento dos viais e camiños públicos. Un brazo máis pequeno, menos pesado e máis manexable pero con igual capacidade de actuación para a limpeza de cunetas, xa que se adapta mellor ás dimensións dos viais.

Este novo elemento desbrozador vén a reforzar o servizo de mantemento de viais municipais, considerando que A Cañiza conta cun territorio cunha grande dispersión xeográfica e un elevado número de pistas e camiños públicos que hai que manter en óptimas condicións.

Por iso, esta nova máquina ven a ser imprescindible para a execución dos traballos de limpeza e mantemento que unha vez ao ano é preciso realizar en todos estos viais. A súa operatividade será de gran valor sobre todo nas pistas máis estreitas.

Cun investimento de 20.000 €, contou cunha subvención da Deputación Provincial de 18.000 € a través da Liña 1 do Plan Concellos 2021. Para a súa adquisición o Concello aportou 2.000 € de fondos propios.