Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza pon en marcha un programa de Atención Temperá

Luis Piña, alcalde da Cañiza, e Fernando González, director xeral de maiores e persoas con discapacidade da Xunta, reuníronse en San Caetano o pasado xoves.

Nesta reunión falaron sobre as axudas da Xunta de Galicia 2022, dirixidas aos concellos para poder adherirse á Rede Galega de Atención Temperá, e que, no caso da Cañiza, terá que cumplir cunha serie de condicións por ser un concello con menos de 10.000 habitantes.

A prestación terá que realizarse mediante xestión compartida mancomunándose con outros Concellos. A Cañiza porá a disposición do Servizo instalacións e xestión.

Luis Piña agradeceu a disposición e atención do Director Xeral  quen en todo momento manifestou o interese de que este Servizo teña un punto de atención na Cañiza e informou ao Alcalde sobre as liñas de subvencións que sairán en 2022 para poder desenvolver este importante programa.

Qué é a Atención Temperá

A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias e ao seu contorno. Ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A finalidade:  facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fill@s para detectar as dificultades con prontitude.

Dende o servizo de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.