O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse este pasado venres 8 de marzo na Casa de Cultura da Cañiza con apicultores locais para facer entrega de 70 botes de líquido atraente que permitirán iniciar nesta primavera os traballos de neutralización dos niños. Esta é a terceira campaña que o Concello cañicense pon en marcha para poñer freo a praga que supón a vespa asiática e os graves danos que ocasiona a apicultura.
Segundo se explicou na xuntanza, cada bote contén 500 ml de produto para disolver en litro e medio de auga e deste xeito –con dous litros de líquido atraente– crear 8 trampas. De xeito os 70 botes entregados permitirán colocar na zona e arredores un total de 560 trampas.
Esta iniciativa reúne a máis de 40 apicultores profesionais e non profesionais da Cañiza que suman un censo de máis de 3.000 colmeas, todos dados de alta no rexistro apícola da Consellería de Medio Ambiente e ten como obxectivo capturar ás raíñas velutinas para evitar que aniden e se poida reducir o impacto e a merma na nosa abella autóctona.
Segundo explicou Luis Piña, na reunión do venres quedou reflectida a intención dos apicultores de estender o produto máis aló das súas propias colmeas de xeito que se poida abranguer máis terreo e facer máis efectiva a campaña.
Esta campaña da continuidade á iniciativa do Goberno Local, de marzo de 2021, de axuda a esta rama productiva do noso sector primario, que fabrica un mel moi valorado xa pola calidade da flora de media montaña do noso municipio.
Cómpre lembrar que o pasado 20 de febreiro o alcalde Luis Piña asinou a adhesión do Concello a un novo convenio e protocolo coa Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FEGAMP para a “coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte a vespa asiátiva velutina para o ano 2024”.
Este ‘Programa de Vixiancia’ recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá e inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.