Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza comeza a traballar na recuperación da citania castrexa das Grades

O alcalde Luis Piña anunciou esta iniciativa que amais de recuperar un gran asentamento fortificado permitirá a rexeneración do ecosistema no que se empraza e inclúe este potente activo na oferta turística do Concello

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anunciou onte o inicio do procedemento para a «Recuperación dos Castros Cidade de Achas e A Cerquiña» que pasa, primeiramente, pola adquisición dos terreos a través dun proceso de expropiación. O Concello acaba de asinar o inicio deste procedemento para a contratación dunha empresa redactora do proxecto de expropiación.

Ata o momento, Piña mantivo tres reunións cos propietarios das parcelas que maioritariamente están a favor da recuperación deste gran xacemento arqueolóxico de 10,04 ha de terreo forestal.

A maioría destes propietarios tamén son favorables á cesión dos terreos, pero debido a que os títulos de propiedade de moitas parcelas aínda están rexistradas a nome de antepasados, para acelerar os trámites de cambio de titularidade a favor da Entidade Local, o mecanismo máis axeitado e rápido é o da expropiación.

Castros Cidade de Achas e A Cerquiña

A recuperación desta gran  fortificación castrexa suporá para o Concello da Cañiza sacar á luz un importante patrimonio cultural, rexenerar ambientalmente a contorna e engadir este activo á oferta turística do Concello e mesmo da Comarca, con capacidade para atraer visitantes e turistas e reactivar a economía local.

Trátase de dous asentamentos fortificados, o Grande Castro da Cidade das Achas e o Castro da Cerquiña, que destacan polo seu impresionante sistema defensivo, dotado de grandes parapetos e murallas, como se recolle en varias memorias e anteproxectos que o Concello da Cañiza xa ten ao seu dispor e que propoñen a posta en valor destes dous espazos e do patrimonio cultural da Cañiza.

As actuacións teñen por obxecto documentar os restos arqueolóxicos existentes no castro da Cidade e divulgalos entre os veciños mediante charlas, visitas e obradoiros, fornecendo un recurso patrimonial e turístico do municipio. Asi mesmo, inclúese tamén a creación dunha imaxe e nome para o proxecto de divulgación arqueolóxica, cun logo exclusivo e forte presencia nas redes sociais e prensa.

Desenvolveranse charlas divulgativas previas á intervención, co obxectivo de concienciar aos veciños e implicalos no proxecto; o rozado do xacemento e corta de especies arbóreas, principalmente eucaliptos, que non permiten contemplar o tamaño e grande dimensión do xacemento e por último unha importante intervención arqueolóxica co obxectivo de cubrir un mínimo de 8 sondaxes de 2×2 metros polos puntos de maior potencialidade arqueolóxica.

Co obxectivo de constatar restos arqueolóxicos, a intervención estará aberta ao público e divulgada mediante visitas puntuais.

Completar a oferta turística

Tal e como explica o alcalde da Cañiza, Luis Piña, trátase dunha intervención de gran valor para o turismo “non so da Cañiza senón tamén da comarca que axudará a fortalecer a cohesión territorial da zona da Paradanta e por suposto axudará A Cañiza a mellorar o seu abanico e competitividade turística”.

Ademais esta actuación axudará a poñer freo á perda da biodiversidade xa que o estado de abandono no que se atopa e a falta de uso das parcelas propiciou a ocupación da superficie por especies invasoras, danando a biodiversidade autóctona deste paraxe.

Finalmente, Luis Piña asegurou que con esta actuación “conseguiremos recuperar a memoria da nosa orixe como Comunidade e os inicios da nosa cultura e pobo e empoderalos a través da divulgación e visitas turísticas que tamén axudarán a crear riqueza impulsando a economía local».