23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsRes PublicaParabéns a ADENCO, parabéns a Ponteareas

    Parabéns a ADENCO, parabéns a Ponteareas

    Ponteareas 1989. Un busto de Francisco Franco preside a Praza Maior e un alcalde con firmes raices no rexime ditatorial e recoñecidas conviccións franquistas detenta un poder omnímodo na localidade á que chama Puenteareas. Hai só catorce anos que morreu o ditador e apenas oito dunha tentativa de golpe de estado. Ponteareas é un pobo en branco e negro ancorado no nacionalcatolicismo e no que semella que o reloxo do tempo se parou. Nada indica que vaia arrincar.

    Santiago de Compostela 1989. A capital galega e universitaria ferve. Acabo de chegar e o movemento ecoloxista, antimilitarista, estudantil nacionalista ou de defensa da lingua cautívame e ilusióname. Todo é descubrimento: conceptos como ecoloxismo ou insubmisión, movementos sociais cheos de persoas comprometidas, actos, concentracións e manifestacións,… Domingo de mañá. En Compostela, baleira de estudantes e funcionarios, respírase a vila: a xente pasea polo Vilar e a Rúa Nova, a banda de música actúa en Platerías, a xente sae de misa… Na Praza do Toural, coma todos os domingos, hai un posto informativo de ADEGA, o referente do ecoloxismo galego. Paro, vexo, falo, entusiásmome e penso: hai tanto por facer, tamén en Ponteareas. Fronte ao ofrecemento de implantar ADEGA no meu pobo decántome pola nosa tradición minifundista e así, igual que en Guimaraes “nasceu Portugal”, na praza do Toural concibíuse ADENCO, a Asociación para a Defensa da Natureza do Condado quen, tras unha breve xestación de varias semanas, naceu o 24 de febreiro de 1990, hai agora trinta anos.

    Ese nacemento era simplemente unha manifestación, un síntoma, e non sería o único, dun mar de fondo que se viña xestando naquela Ponteareas resignada e deprimida. Unha nova xeración ponteareán con ansias de cambiar o mundo dende a utopía comezaba a agomar e organizarse, axudados de maneira incondicional polos que, como Guillermo Rodríguez e a súa Peneira, nos precederan no compromiso cun mundo mellor: Xurxo López, Kiko Neves, Marcos López, Xosé Barcia, Fran Eiró, Delio García, Luciano Fernández, Helena Gil, Kiko Gil, Fani Covas, Xosé Manuel David, Guillerme Sendín, Jose Rodríguez, Óscar Pérez, Eva Carpente, Xosé Ramón Rodríguez, Daniel Costal e moitos e moitas máis, converterán a súa enerxía en movementos sociais que farán tremer as anquilosadas estruturas do poder local, intocabeis até entón.

    O que emerxera en 1990 coma un grupo movido pola preocupación ambiental axiña verase acompañado coa aparición da expresión cultural desa xeración que funda Irmanciños da Fala, coa súa contestataria, irreverente e culturalmente inigualábel Faladeira. Non pasará un ano para que, coincidindo coas eleccións municipais de 1991, esa xeración atope a súa expresión política no nacionalismo e a súa formulación orgánica no BNG, até entón forza residual e marxinal e hoxe forza maioritaria e goberno en Ponteareas.

    O documental “ADENCO 1990-1995: cinco anos de ecoloxismo no Condado”, realizado en 1995 e dispoñíbel desde esta mesma semana na rede, é un documento audiovisual histórico imprescindíbel para lembrar o que era a Ponteareas do postfranquismo e entender, coa perspectiva que nos dan tres décadas transcorridas, o que supuxo para a recente historia de Ponteareas a eclosión desa xeración que, configurándose como vangarda do seu tempo, foi quen de poñer pobo, moito pobo, detrás.

    Máis alá do traballo de educación medioambiental que marcou a toda unha xeración de nenos e nenas ponteareáns que, da man de ADENCO, aprenderon nas escolas e fóra delas o respecto e o cariño polo noso entorno natural, a nosa loita en causas como A Picaraña ou o río Tea conquistou a boa parte da sociedade ponteareán e converteu ao grupo ecoloxista nunha potente organización con perto de medio milleiro de persoas asociadas.

    A ollada atrás a través do documental pode sorprender a calquera, especialmente aos máis novos que daquela aínda non naceran. Hoxe, un lume nun vertedoiro en Euskadi é noticia polo grave risco para a saúde que supón; en 1990 ADENCO pelexaba contra un goberno que queimaba e queimou o lixo durante anos no vertedoiro da Picaraña asulagando de fume tóxico as parroquias próximas e a vila, provocando lumes forestais na contorna e contaminando auga para consumo humano captada nas súas proximidades. Hoxe, reciclar vidro ou papel é algo natural; en 1990 ADENCO, sen apenas medios e baixo ameazas do alcalde, implantou un sistema rudimentario pero eficaz de reciclaxe de vidro e papel porque o goberno se negaba a facelo.

    Se a realidade medioambiental ponteareán e a resposta política en 1990 resultaría hoxe inconcebíbel, a vulneración de dereitos fundamentais que sofremos por parte do goberno local é a mellor proba de que a Ponteareas daquel tempo vivía aínda baixo a sombra do monumento que presidía a súa Praza Maior: ameazados de morte por colocar bidóns para a a recollida de vidro diante da negativa daquel goberno a instalar colectores de reciclaxe; xulgados e absoltos por colocar carteis e informar con megafonía sobre a contaminación dunha praia fluvial non apta para o baño que era ocultada conscentemente polo goberno local; unha policía que recibía ordes directas do alcalde para retirar pancartas, despegar carteis das paredes que reclamaban liberdade de expresión ou para averiguar a identidade de mozos e mozas que colocaban carteis críticos coa súa xestión ambiental; un alcalde que xustificaba a censura na televisión municipal das protestas e manifestacións de ADENCO dicindo que “no voy a invitarlos a comer en mi mesa” e un presentador dese medio que explicaba esa ocultación lembrando que a súa función era “darle a ustedes información que les haga agradable el vivir, no complicarnos la vida, está montado este servicio así para dar noticias, pero noticias constructivas”. Así era Ponteareas.

    Tres décadas despois, calquera persoa que por idade poida ter perspectiva histórica, sabe que non é un exercicio de soberbia nin presuntuosidade afirmar que a fundación de ADENCO o 24 de febreiro de 1990 marcou un punto de inflexión, un antes e un despois, na realidade social e política de Ponteareas. O postfanquismo ponteareán do atado e ben atado, que arrincara en 1975, entrará en crise e tambalearase a partires da creación do grupo ecoloxista, dando así paso a un proceso, non de transición, afortunadamente, senón de ruptura conflitiva, virulenta e longa de máis (1990-2015) e, finalmente, á normalización democrática plasmada, por vez primeira en oitenta anos, na alternancia política que cristaliza en 2015.

    O mellor reflexo dese cambio, impensábel en 1990, que supuxo a creación de ADENCO e o seu labor, é que quen estaban á fronte daquel grupo ecoloxista perseguido por unha policía local política, hoxe son responsabeis de dirixir ese corpo; quen loitaban por unha Picaraña libre de vertidos de residuos hoxe están transformando ese monte nun parque forestal; quen denunciaban os vertidos ao Tea e lograran mobilizar a un milleiro de persoas en 1994 en defensa do río nunha histórica manifestación, hoxe teñen encarreirada a ampliación da depuradora e a solución a un grave problema arrastrado desde hai tres décadas; quen colocaban bidóns para recoller vidro nas rúas hoxe implantan a compostaxe no rural; e o que é mellor, trinta anos despois do seu nacemento ADENCO continua vivo e mantendo incólume o seu espíritu reivindicativo da man dos que, como Anxo Fernández Saborido, colleron o testemuño e foron quen de traelo até 2020.

    Parabéns a ADENCO, parabéns a Ponteareas.