Venres, 18 Xullo de 2025

A presenza da Deputación no Condado Paradanta alcanza orzamentos históricos

“Un investimento histórico; algo que nunca acontecera”, así cualificou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os 81,8 millóns de investimento que a institución provincial realizou nas comarcas do Condado e A Paradanta nos dous mandatos que están a piques de concluír. Carmela Silva compareceu nun almorzo informativo, celebrado en Ponteareas, para dar conta do traballo desenvolvido entre 2016 e 2023. “Somos a Administración que máis inviste no Condado-Paradanta”, afirmou sobre este volume de recursos provinciais que permitiron a execución de 977 obras, a realización de case 2.300 actividades socioculturais e deportivas e a creación de 1.201 postos de traballo en servizos municipais para persoas desempregadas nos concellos de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra, A Cañiza, Arbo, Covelo e Crecente.

A aposta da Deputación polo impulso aos concellos do Condado e A Paradanta neste tempo supón un 69% máis de recursos que os que chegaban durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución. Por concellos, Ponteareas recibiu 17,8 millóns de euros, Mondariz, 9,6 millóns de euros; Mondariz-Balneario, 3,7 millóns de euros; As Neves, 9,1 millóns de euros; Salvaterra, 9,5 millóns de euros; A Cañiza, 10,6 millóns de euros; Arbo, 7,1 millóns de euros; Covelo, 7 millóns de euros e Crecente, 6,6 millóns de euros. “Todo repartido con criterios obxectivos e con cero euros de libre disposición da Presidencia, en contraste cos 20 millóns de euros dos que antes dispoñía o anterior presidente provincial”, remarcou. A este reparto por concellos, Carmela Silva, sumou os 951.450 euros investidos directamente pola Deputación no Castelo de Sobroso para executar actuacións como a musealización ou a recuperación da súa contorna natural coa plantación de árbores autóctonas.

A presidenta subliñou que os hábitos do PP no pasado dende a Deputación continúan na actualidade dende a Xunta de Galicia. Acusou ao Goberno galego de investir unicamente nos concellos gobernados polo Partido Popular. Neste contexto enmarcou a concesión de tres obras do plan Hurbe aos concellos de Arbo, Salvaterra e Crecente; as sendas peonís en estradas autonómicas exclusivas para Arbo e Salvaterra; a rede de abastecemento de auga só para Arbo; a mellora dos centros de saúde unicamente en Salvaterra e Crecente e a execución dunha única obra de depuración nas comarcas e asignada a Salvaterra. “É difícil atopar un euro da Xunta en concellos onde non goberne o PP”. Responde, engadiu, a “un modo de facer política”. “A Deputación inviste nos nove concellos con criterios obxectivos; a Xunta só inviste nos concellos onde goberna determinado partido político”.

O Plan Concellos, cun total acumulado de 40,7 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes últimos 8 anos, achegando un fluxo de financiamento estable que se traduciu en 530 obras. En Ponteareas executáronse 84 obras (9,3 millóns de euros) de saneamento e abastecemento tanto no centro urbano como no rural. Impulsáronse obras de eficiencia enerxética, instalouse o céspede artificial e o marcador no campo de Pardellas e as envolventes térmicas nas fachadas da Casa do Concello e o centro de formación Asprodico. Agora mesmo estase executando o centro cívico da Praza Maior, a humanización de Sarmiento Rivera, a integración do auditorio Reveriano Soutullo na malla urbana e a renovación das plataformas elevadoras da Praza de Abastos. En Mondariz saíron adiante 82 obras (4,1 millóns de euros) para facer realidade o circuíto de pump-track, o amoblamento da biblioteca, a recuperación de escolas e colexios, o quiosco da praia fluvial e melloras no centro social. Nestes intres tramítase a mellora de camiños municipais e a ampliación da senda de Coviña a Laredo. En Mondariz-Balneario financiáronse 23 obras (2,1 millóns de euros), entre outras a rehabilitación dos xardíns do Gran Hotel ou a rehabilitación da cuberta e fachadas da Casa do Concello. Agora estase a restaurar o palco da música e acondicionando a segunda planta do Concello para o Museo da Auga. No caso de As Neves foron 74 as obras (4,4 millóns de euros) e pavimentouse o camiño do Pousadoiro, melloráronse as escolas de Cerdeira, Taboexa e As Neves e traballouse na humanización dos accesos ao Centro Sociosanitario e no acondicionamento do aparcadoiro da rúa Cruceiro. Agora estanse reparando as piscinas, asfaltando camiños rurais e adecuando a antiga escola da estación. En Salvaterra rematáronse 71 obras (6 millóns de euros) como as novas termas de Teáns, a reforma dos locais do parque de A Canuda, a rehabilitación da antiga Casa do Concello como biblioteca ou a compra dun camión de recollida de lixo. Nestes intres estanse mellorando camiños municipais, reparando casas culturais e pavimentando os accesos a Meder, Fiolledo,Leirado e Arantei. En A Cañiza foron 44 as obras realizadas (4,4 millóns de euros) entre elas a ampliación da rúa da Calzada, a mellora da iluminación en Achas e Valeixe, así como no centro urbano, a rehabilitación das cubertas e fachadas dos pavillóns da Cañiza e das Touzosas, a ampliación do cemiterio municipal. Agora estase construíndo un skatepark e un pump track,  a nova captación para o depósito de Porto Augavella e adecuando o parque de San Roque, en Luneda. No caso de Arbo saíron adiante 39 obras (3,5 millóns de euros) para, entre outras actuacións, mellorar camiños rurais e o recinto das piscinas municipais. Agora estase a ampliar o acceso á igrexa de Santa María e a capela de San Pedro e urbanizando o camiño da Bouza. En Covelo foron 55 as obras financiadas polo Plan Concellos (3,7 millóns de euros), entre elas a restauración patrimonial da contorna da igrexa de Lamosa, pavimentacións rurais e mellora das pistas polideportivas. Agora estase humanizando a contorna de Barciademera, da igrexa de Santiago de Prado de Canda e pavimentando camiños. Finalmente, en Crecente remataron 58 obras (3,2 millóns de euros) para renovar a cuberta da pista polideportiva de Filgueira, mellorar o tanatorio e a casa de cultura de Albeos, así como consolidacións de muros e camiños. Agora estase traballando nos parques infantís, no acondicionamento da Casa Consistorial e en camiños rurais.

Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 21 grandes obras nas dúas comarcas cunha achega global de 7 millóns de euros. As actuacións deron cobertura a obras transformadoras en equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en igualdade de condicións e concorrencia competitiva. Financiáronse así proxectos como a humanización da contorna do colexio  e a urbanización do parque central en A Cañiza; a reforma da rúa Rosalía de Castro, a mellora da rede de auga e a ampliación do centro cultural de Rubiós en As Neves; a mellora do viario municipal e a humanización da praza de Barciademera, en Covelo; o enlace da Casa do Concello coa praza de España e a modernización do complexo dos campos de fútbol da Lagoa, en Mondariz; a reordenación da mazá formada pola piscina, o centro de saúde e outras dotacións de Ponteareas; a mellora da seguridade con pasos de peóns sobreelevados en Salvaterra e os itinerarios de corredores verdes de Covelo. Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando sete grandes obras: a modernización da piscina da Cañiza, a humanización da travesía Era da Liñaza das Neves, a rehabilitación do núcleo de Paraños en Covelo, a humanización da praza de Ana Pastor en Crecente, a área de deporte urbano de Mondariz, o camiño escolar seguro ao colexio Ramiro Sabell de Ponteareas e a humanización da rúa de Marqués de Viana de Salvaterra. Estas últimas actuacións cunha achega global de máis de 3,2 millóns de euros da Deputación.

As estradas provinciais do Condado e A Paradanta recibiron máis de 15,5 millóns de euros cos que se realizaron máis de 400 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación. Tamén se financiaron os seis plans de mobilidade urbana sustentable aprobados nesta comarca. Entre as principais obras realizadas está a plataforma sobreelevada e cunetas tendidas no trazado da estrada ata a igrexa de Santa Marta de Ribarteme (428.396 euros), a pavimentación integral da estrada Setados-Ribarteme-Vide (335.501 euros), a senda peonil no treito antigo ao colexio de Leirado (312.139 euros), o acceso a Luneda (283.956 euros), a recuperación da ponte das Achas, que está a piques de comezar (411.015 euros); o itinerario peonil na estrada A Cañiza-Pousa (406.995 euros); o asfaltado integral da estrada entre Arbo e A Cañiza (602.943), a mellora peonil na baixada á estación de Arbo (663.204 euros) ou a senda peonil e urbanización entre Maceira e Graña (Covelo), con outros 288.755 euros. A Deputación ten xa sobre a mesa outros 6 grandes proxectos na liña do seu modelo de mobilidade integral: a senda de Guillade e urbanización da avenida Sarmiento (Ponteareas), a senda á estación das Neves, a humanización do tramo antigo da estrada na igrexa de Cabeiras (Arbo), a senda no treito antigo de Valdomar (Covelo) e a senda na baixada á Residencia de Maiores (Crecente).

En canto aos fondos europeos captáronse case 2,1 millóns de euros para proxectos de iluminación sostible, mellora enerxética dos bombeos nas redes de depuración e abastecemento, instalacións de  xeotermia e substitución de caldeiras de gasoil. Beneficiáronse a totalidade dos concellos. A Deputación achegou tamén ao Condado e á Paradanta case 1,9 millóns de euros en distintas axudas aos concellos para combater a pandemia de Covid-19, única Administración que transferiu fondos específicos para este fin.

Por servizos provinciais destacan os máis de 2,8 millóns de euros investidos pola área de Turismo, que vén de conseguir 1,5 millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística en Destino para estas comarcas, apostando así polo turismo de interior. A área de Igualdade repartiu 48 subvencións aos concellos e financiou 172 cursos, ademais de ducias de actividades. Dende Cohesión Social repartíronse 3,7 millóns para financiar os Servizos Sociais Comunitarios, as axudas de emerxencia e a teleasistencia, ademais de 22 subvencións a asociacións sociais para programas de axuda a colectivos vulnerables. Dende a área de Emprego organizáronse 135 iniciativas de formación e inserción laboral. Dende Transición Ecolóxica 30 subvencións a cooperativas agrogandeiras por importe de 620.000 euros e investíronse case 600.000 euros en impulsar os 13 parques forestais desenvolvidos co apoio provincial. O plan de apoio á compostaxe Revitaliza asignou máis de 1,5 millóns de euros. Á área de Cultura fixo posible a celebración de case 1.600 actuacións culturais de música e teatro. Dende o servizo de Patrimonio, Memoria Democrática e Lingua financiáronse intervencións arqueolóxicas e a sinalización de catro igrexas, dúas mámoas e un cruceiro e unha pía bautismal en Ponteareas. O servizo de Deportes repartiu 1.650.000 euros en axudas a 81 clubs, 23 deportistas e 16 escolas deportivas. A Deputación asesorou a 243 empresas co seu programa SmartPeme e impulsou a Administración Electrónica en tódolos concellos destas dúas comarcas. Finalmente, achegou case 515.000 euros aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais da Cañiza e Ponteareas.

Salceda solicita, ao abeiro do Plan Concellos, subvencións para a realización de melloras nas instalacións deportivas municipais

O Concello de Salceda de Caselas vén de presentar para a convocatoria do Plan Concellos 2023, da Deputación de Pontevedra, un plan de actuacións para a mellora de instalacións deportivas municipais.

A primeira das actuacións presentadas consistirá na renovación e reforzo do valado das pistas polideportivas municipais exteriores. Substituirase o peche actual por un máis consistente e se se reforzará fixándoo a unha estrutura de perfil metálico interior que contará na súa parte inferior coa colocación duns paneis para dotar de maior robustez á estrutura.

O orzamento base de licitación para a execución desta actuación será de 22.986,13 € (IVE incluído).

A segunda intervención mellorará a pista de pádel e calestenia e terá como obxectivo o subministro de materiais para a substitución do céspede de uso deportivo para a pista de padel outdoor e a colocación dun pavimento de caucho que creará zonas de seguridade nos elementos do circuito de workout baixo os elementos de calistenia.

O orzamento base de licitación para esta segunda actuación será de 14.432,73 € (IVE incluído).

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “A solicitude de financiamento destas actuacións, unida á intervención que imos realizar no Pavillón Municipal, supoñen actuar de forma integral sobre diversos elementos das instalacións que se atopan dentro do complexo polideportivo Altamira, no que practica deporte unha boa parte da veciñanza”.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”Continuamos a traballar firmemente na mellora e rehabilitación do conxunto das instalacións deportivas municipais, como neste complexo do pavillón ou na piscina municipal, para mellorar a calidade de servizo que prestamos a veciñanza que práctica deporte nas súas diferentes modalidades”.

Vivendas Públicas, eliminación das listas de espera dos Servizos Sociais e Odontoloxía Pública para Ponteareas no programa de goberno de EU e Podemos

Podemos e Esquerda Unida Ponteareas seguen co seu calendario de xuntanzas programáticas abertas a toda a poboación da vila para elaborar o programa de goberno para as eleccións municipais de maio. 

A última xuntanza da  pasada semana centrouse nos servizos sociais, vivenda e sanidade pública. Entre as medidas incluídas no seu programa atopamos a creación dun parque de vivendas públicas, a posta en marcha de vivendas sociais e a recuperación do funcionamento do Consello Social Sectorial, proxecto co que BNG e PSOE comprometéronse e reivindicaron na época do goberno do PP  e que non cumpriron o chegar o poder.

Na reunión tamén aprobáronse propostas de mellora na Ordenanza de Emerxencia Social, en materia de saúde mental formulan dotar a Ponteareas da figura de psicoloxía, enfermería escolar, realizar campañas xuvenís de prevención do suicidio e xestión de emocións  e crear un servizo de odontoloxía pública municipal. Por outra banda, erradicar as listas de espera nos Servizos Sociais garantindo unha cita en corenta e oito horas desde o momento da solicitude é unha medida que será incorporada no momento que se chegue ao goberno.

Outras medidas acordadas e que serán postas en marcha de inmediato son o Estudo Municipal de Vivenda que recolla, entre outras cousas, un censo de vivendas deshabitadas, promover un servizo de Planificación Familiar na localidade, pór en marcha unha cociña municipal pública e de calidade que dea servizo aos comedores escolares e á emerxencia social e que teña reparto a domicilio para aquela veciñanza que non pode desprazarase. En materia de saúde pública acordouse suprimir a venda de produtos non saudables en institucións públicas como escolas, instalacións deportivas e centro de saúde, tanto as que se atopan en cafeterías como en máquinas expendedoras.

Estas medidas van enfocadas, en palabras do recente escollido candidato á alcaldía, Manoel Ucha, “a facer de Ponteareas unha vila que non deixa ningunha persoa atrás e que aposta por colocar a vida e os coidados no centro”.

A cuarta xuntanza celébrase na sede de Esquerda Unida Ponteareas (Rúa Amado Garra, 12) o sábado 25 de febreiro ás 10h para acordar o programa de goberno nas áreas de feminismo, dereitos LGTBI e educación. Todas estas reunións están abertas o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes.

Luis Piña visita as instalacións da empresa SMPV S.L.

0

No marco das visitas que o alcalde da Cañiza está realizando ás empresas asentadas no  parque industrial e empresarial da Cañiza, este 7 de febreiro tivo a oportunidade de coñecer as instalacións da empresa «Specialty Marine Products And Ventures S.L.», adicada á fabricación de aceites esenciais e de substancias aromáticas e naturais, cunha plantilla de 16 empregados, todos eles da Cañiza e unha facturación de 4.132.000,00 € en 2022.

Unha empresa localizada na I Fase do Polígono Ribadil, que dende o ano 2012 forma parte do grupo ibérico EFPBiotek con máis de 100 años de existencia.

Como pudo coñecer o alcalde da man do director do Grupo EFPBiotek, Antonio Caçao, e da  directora de Produción, Maria João Marques, a empresa dedícase á fabricación de ingredientes cosméticos a partir de subproductos obtidos na industria alimentaria de refinado de aceite de oliva e na actualidade ten desenvolvidas máis de 50 referencias de produtos cosméticos que se presentan como alternativas “verdes” aos ingredientes derivados do petróleo.

En palabras do seu director “para a empresa é moi importante ter produtos sostibles, baseados nunha economía  circular, para non impactar o medio ambiente”.

Antonio Caçao, Luis Piña e Maria João Marques

Os seus produtos innovadores alcanzan xa un volume de negocios de 20.258.000 €, coa axuda de 61 empregados ( todos os traballadores das súas fábricas) que exporta o 96% da súa produción para todo o mundo.

É un grupo en forte expansión internacional.

SMPV SL, situada no concello de Cañiza, alcanzou soa, en 2022, unha facturación en EUR de 4.132.000 e ten 16 empregados ao seu cargo, buscando sempre empregar xente da vila.

“Para o futuro ten importantes proxectos de investimento para expansión e automatización da súa planta e entre os seus obxectivos xerar máis postos de traballo, máis facturación e garantir o futuro da unidade industrial no Polígono da Cañiza.”

Como vén manifestando o alcalde dende que iniciou esta rolda de visitas, o pasado 13 de xaneiro, “dende o equipo de Goberno estamos traballando para impulsar, promocionar e dar a coñecer o tecido empresarial asentado na nosa zona industrial, co obxectivo de atraer novas actividades mercantís e oportunidades de negocio e de traballo para os cañicenses”. Nesta liña “o noso territorio conta con grandes potenciais empresariais, grazas ás comunicacións terrestres que nos conectan directamente coa meseta, coa costa e mesmo con Portugal. Oportunidades que queremos difundir e poñer en valor».

O Partido Popular de Tui anuncia a incorporación de Anabel Solla

0

O Partido Popular de Tui anunciou que Anabel Solla pasará a formar parte do equipo de traballo que Nico Montes está a conformar de cara ás eleccións municipais do 28 de maio. Anabel ocupa os cargos de presidenta da Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI), da que tamén é socia fundadora, secretaria da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra e é a vocal da Vicesecretaría de Igualdade do PPdeG.

“A maioría de tudenses cremos que Tui merece un Goberno que escoite aos cidadáns. Nunca me dou medo asumir novos retos e aínda menos se iso serve para mellorar a vida dos veciños e veciñas da miña cidade”, expresaba Anabel Solla.

Técnica Superior en Administración e Finanzas, actualmente é a responsable de administración dunha PyME adicada á importación e exportación do sector da pesca. Ademais, leva máis de vinte anos formando parte do tecido asociativo de Tui.

“Coa integración de Anabel no noso proxecto gañamos en experiencia de xestión. É unha muller valente que leva moitos anos ocupando cargos de responsabilidade, onde sempre demostrou o seu compromiso e gran traballo. Coa súa incorporación continuamos formando o mellor equipo para presentar o mellor proxecto”, declarou o candidato ás eleccións de Tui, Nico Montes.

Mondariz abre a inscrición para o concurso de carrozas e comparsas do Entroido 2023

0

O Concello de Mondariz xa ten publicadas as bases do XIV Concurso de Carrozas e Comparsas do Entroido 2023 no taboleiro de anuncios da súa Sede Electrónica (mondariz.sedelectronica.gal). O evento terá lugar o domingo 19 de febreiro pola tarde, e o prazo de inscrición no Rexistro Xeral municipal rematará o venres 17 de febreiro, ás 14:00 horas.

Nesta ocasión, a organización do Entroido 2023 corre a cargo do propio Concello de Mondariz porque a asociación de veciños/as que habitualmente actuaba como entidade organizadora non pode asumir a responsabilidade. Para o tradicional concurso de carrozas e comparsas destínanse este ano 3.200 €. Establécense premios para as mellores comparsas (150 € para comparsas de entre 12 e 20 participantes, 250 € para comparsas de máis de 20 participantes) e para carrozas (250 € para carrozas de entre 15 e 30 participantes, 400 € para carrozas de máis de 30 participantes). Tamén haberá premios por categorías: á comparsa con mellor vestiario, 100 €; á comparsa máis creativa, 100 €; á carroza máis elaborada, 150 €; á carroza máis creativa, 150 €; e ao colectivo con mellor animación de rúa, 100 €. O premio especial á creatividade será de 100 €. Pechadas as inscricións, poderán inscribirse igualmente outras agrupacións, pero sen dereito a premios.

O desfile do Entroido 2023 de Mondariz iniciará o seu percorrido no CPI de Mondariz (avenida Grupo Escolar) ás 17:00 horas. Nesta edición agárdase recuperar a normalidade perdida pola pandemia.

O Porriño e a xunta humanizarán e acondicionarán un espazo verde público na vila

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, avaliaron un proxecto municipal para o acondicionamento e humanización dun espazo verde público situado entre as rúas Pío XII, Antonio Palacios, Ramón González e avenida Domingo Bueno.

A obra consistiría na posta en valor deste espazo, de máis de 7.000 m2 de superficie, xerando novas oportunidades de uso para mellorar a calidade de vida da cidadanía. De feito, o proxecto do Concello inclúe a plantación de novas especies vexetais para dotar a contorna de máis espazos de sombra así como a instalación de novo mobiliario. A maiores, mellorarase a comunicación peonil co centro urbano da localidade, renovarase o parque infantil existente e crearase unha zona de graderío co obxectivo de poder celebrar eventos ao aire libre -concertos, conferencias, etc-.

A maiores, durante o encontro, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira a intención do Concello de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor.

Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.

De feito, a Xunta decidiu apostar en 2023 por ampliar ata o 15% a bonificación do canon de Sogama a todos aqueles concellos adheridos -como é o caso do Porriño, que promovan a redución de residuos e/ou o incremento da reciclaxe de envases lixeiros, trasladen a rebaixa ao recibo que pagan os usuarios e, como novidade, asuman o compromiso de introducir a recollida separada dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 a través do quinto contedor.

Vinte e cinco mulleres desempregadas de Baiona participan na segunda edición de ‘Galegas Dixitais’

0

A acción formativa “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres, coa que colabora a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, comenzou esta semana no centro multiusos Ángel Bedriñana.

O programa, organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está  financiado polos Fondos europeos Nexo Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situacion de desemprego ou en mellora de emprego.

Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero .

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración.
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración.
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración.

O programa desenvolverase ata o mes de marzo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán por en práctica o aprendido.

O Concello de Ponteareas valora positivamente a mellora da seguridade na N120 e urxe a solución definitiva

O Goberno municipal do BNG-PSOE de Ponteareas valora positivamente o reforzo de seguridade viaria anunciado polo Goberno do Estado para a N120. A Delegación do Goberno anunciou o reforzo da sinalización de todo o tramo urbano de Ponteareas mediante a disposición de novas sinais luminosas adicionais ás xa existentes e a disposición da sinalización horizontal consistente en dentes de dragón e liñas quebradas para mellorar a percepción dos condutores e condutoras de tramos especialmente sensíbeis, ademais de dispoñer un semáforo con pulsador na contorna da Capela dos Remedios.

“Concello, Plataforma e veciñanza levamos moitos anos loitando para conseguir que se leven a cabo neste tramo melloras que nos permitan ter ao fin unha estrada segura, xa que non podemos permitir que máis persoas se deixen a vida nela”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández. Tras o anuncio destas novas medidas, a rexedora urxe celeridade na tramitación da aprobación do expediente de información pública e do proxecto definitivo de trazado de construción de glorietas e tratamento de marxes na N-120 dende o centro urbano ata Xinzo. A construción destas dúas rotondas é unha demanda histórica feita por parte de Concello, Plataforma e veciñanza para mellorar a seguridade viaria nesta estrada.

O Goberno municipal do BNG-PSOE pide que se peche día e hora para manter cos representantes do Goberno do Estado unha xuntanza para facilitar a coordinación entre administracións e reafirmou a súa disposición a colaborar e traballar man a man coa administración estatal para levar a cabo as melloras de seguridade viaria na N120.

O Concello lembra ademais que aínda existen outras demandas necesarias para garantir a seguridade da veciñanza no tramo desta estrada ao seu paso pola vila, como a de reforzar zonas sensíbeis como a contorna do IES do Barral “onde case 400 escolares camiñan a diario por unha estrada nacional sen beirarrúas nin máis medidas de seguridades que as adoptadas polo Concello diante do centro”.

O alumnado do CPI da Cañiza recada 1.500 kilos de produtos de alimentación e hixiene para o almacén solidario do Concello

0

Os case 280 alumnos de infantil, primaria e 2º de ESO do CPI da Cañiza participaron na VII Carreira Solidaria do Día da Paz, iniciativa solidaria desenvolvida polos polos profesores do centro escolar liderados e coordinados polos 2 profesores de Educación Física de Infantil e Primaria. A iniciativa conseguiu involucrar ás familias, nenos e nenas, profesores e ao Concello nunha actividade solidaria e desinteresada para acadar alimentos con destino ao Almacén Solidario Municipal de Alimentos da Cañiza.

Os pequenos voluntariamente podían participar nunha carreira con cantas voltas puideran percorrer ata un máximo de 5. Por cada volta tiñan que doar un producto de alimentación, limpeza ou hixiene persoal. A vontade de todos os participantes fixo posible que se recadasen máis de 1.500 kilos de productos.

Por este motivo, na visita ao CPI que realizou o alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado do director do Centro, Adrián de Cima, felicitou e agradeceu a todas as familias e alumnado a súa participación e tivo unha especial felicitación ao profesorado do CPI da Cañiza e aos dous profesores de Educación Física de Infantil e Primaria polo esforzo na organización desta actividade.

O Almacén Solidario Municipal de Alimentos atende na actualidade a 36 familias e está xestionado polos servizos sociais municipais que é quen tramita as altas e baixas así como a distribución dos lotes de alimentos ás familias, facilita e acondiciona os espazos onde se sitúa o almacén e vixía o cumprimento das normas hixiénico-sanitarias.

O Multiúsos da Xunqueira de Redondela acollerá no mes de abril unha nova edición do FicAndaina

0

O FicAndaina abre a convocatoria para a recepción de películas

O redondelán Multiúsos da Xunqueira acollerá, entre o 16 e o 23 de abril, a décimo primeira edición do FicAndaina, Festival internacional de curtametraxes e diversidade Funcional de Redondela, organizado por ASCEDAN e a Asociación Andaina. Nesta nova edición, a dirección do festival estableceu seccións a concurso e unha de exhibición para público infantil. As tres secciones a concurso compóñense da modalidade de ficción, documental e novel.

[su_image_carousel source=”media: 67311,67308,67310,67312″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A duración das películas será superior a 2 minutos e inferior a 20 minutos fóra dos documentais que non poderán exceder dos 10 minutos. Dentro das actividades do Festival, destaca a presenza de obras cinematográficas de carácter internacional, premiados en diferentes festivais e galas cinematográficas nos últimos anos. Máis aló  das proxeccións, as actividades do festival compleméntanse con charlas, talleres e outras actividades relacionadas co cinema e a diversidade funcional.

Destaca tamén a oferta educativa das xornadas escolares con pases exclusivos destinados a centros escolares da comarca, onde este ano espérase recuperar as cifras prepandemia, onde máis de 1.500 alumnos pasaron polo Multiusos Dá Xunqueira durante a celebración de festival.

Protección Civil de Tui realizou máis de 300 servizos durante o 2022

0

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou en 2022 un total de 304 servizos nos que as persoas voluntarias da asociación empregaron 2.475 horas. En concreto ao longo do ano pasado Protección Civil de Tui interveu en 82 accidentes de tráfico e en 7 accidentes laborais.

Os e as voluntarias asistiron a 37 eventos culturais e 31 eventos deportivos. Tamén foron requiridos en 16 incendios urbanos e en 6 incendios forestais. En 21 ocasións acudiron a retirar árbores caídos, e en 22 ante a presenza de animais soltos. Por outra parte os membros de Protección Civil actuaron en 24 servizos sanitarios, e realizaron 58 servizos varios coma limpezas de manchas de aceite, derrubo de fachadas ou ante a presenza de balsas de auga nas estradas.

Protección Civil conta na actualidade con 20 persoas que realizan o seu labor de forma voluntaria e altruísta. Esta mesma semana se incorporarán coma aspirantes tres persoas máis. Os e as voluntarias no momento de ingreso na agrupación realizan un curso básico, e van ampliando a súa formación con cursos de especialización en incendios urbanos e forestais, accidentes en estrada, desfibrilación semiautomática, coordinación operativa de plans de emerxencia ou en igualdade, entre outros. Ao longo do ano pasado, ao abeiro das distintas axudas convocadas para este tipo de agrupacións, Protección Civil incorporou ao seu parque móbil un novo vehículo tipo pick up, unha motocicleta e un remolque con material para actuar nas súas intervencións.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa o seu agradecemento ás persoas integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui “pola súa dedicación e esforzo incansable ao longo do ano, actuando en todas aquelas ocasións nas que son requiridos, tanto en eventos culturais e deportivos, coma nas incidencias que se rexistran no termo municipal”. Destaca tamén o alcalde o seu labor solidario citando o concerto que organizaron en decembro no Teatro Municipal no que recolleron 3.400 quilos de alimentos para SOS Tomiño Baixo Miño.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, salienta coma os e as voluntarias de Protección Civil de Tui “están sempre dispostos a axudar en situacións de emerxencia” agradecéndolles “a súa dedicación desinteresada e altruísta”, e destacando o seu papel cando se producen accidentes ou incidencias que requiren dunha actuación inmediata.

A Xunta impulsa en Mos un programa de voluntariado interxeneracional centrado nos coidados ás persoas maiores

0

A Xunta de Galicia impulsa, da man do Concello de Mos, un programa de voluntariado interxeracional centrado na atención ás persoas maiores do municipio. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, animaron hoxe á participación da veciñanza nesta iniciativa, que leva por título ‘Compartindo experiencias de vida’.

Este proxecto, que hoxe se presentou, contempla a realización dun amplo programa de actividades nas que xente nova e persoas maiores compartirán experiencias. Entre as accións que se levarán a cabo, salientan os faladoiros, lectura, exercicios físicos na casa, musicoterapia, actividades lúdicas ou ensinanza de instrumentos tradicionais. O obxectivo desta proposta é que as mozas e mozos se impliquen no coidado e atención aos veciños de máis idade desta localidade pontevedresa.

O Concello de Mos é unha da vintena de entidades locais e de acción voluntaria que desenvolven proxectos a través da primeira edición do programa de voluntariado interxeracional no rural posto en marcha polo Goberno galego. A través de experiencias como a que se levará a cabo en Mos quérese favorecer a formación e intercambios de coñecementos entre os maiores e a mocidade.

Oportunidades

Neste sentido, a directora xeral de Xuventude destacou que a finalidade é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade. Así, explicou que o voluntariado interxeracional permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da xente nova.

Trátase de que as persoas de máis de 55 anos compartan a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poderán devolver este coñecemento achegando á xente maior nocións en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.

Titorización

O programa de voluntariado interxeracional conta cun orzamento de 760.000 euros, púxose en marcha a finais do ano pasado e continuará durante 2023, principalmente en lugares do medio rural. Esta novidosa proposta está dirixida a entidades de acción voluntaria, tanto locais como asociativas. Todos os proxectos están integrados por grupos interxeracionais e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargase de titorizar a un mozo.

O Pleno do Porriño aproba unha iniciativa do BNG para mellorar o aparcadoiro público da rúa Leandro Diz

O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar unha moción presentada polo BNG na que a forza nacionalista instaba ao Goberno local a dotar unha partida orzamentaria para executar de forma urxente as obras de pavimentación en asfalto e sinalización de prazas no aparcadoiro da rúa Leandro Diz, amais instalación dunha rede de iluminación que garanta a seguridade na zona e a construción dun pozo de recollida das augas pluviais.

O Concello do Porriño formalizou, despois dunha negociación iniciada xa polo anterior goberno municipal, contratos de arrendamento de varias fincas na rúa Leandro Diz, para destinalas a aparcadoiro de vehículos ou outros usos de interese público.

Estes terreos de terra carecen a día de hoxe dun pavimento regular, dunha iluminación axeitada e en gran parte dos mesmos prodúcese unha acumulación de auga que impide o uso para o que foron arrendados.

Ponteareas incorpora unha mestra composteira para a xestión de residuos ao abeiro do Plan Revitaliza

O Concello de Ponteareas conta cunha mestra composteira para o proxecto de actuación en materia de residuos que levará a cabo o municipio. Contratada ata agosto de 2024 con posibilidade de prórroga durante un ano máis, a mestra composteira é persoal laboral interino e a súa conta cunha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para sufragar parte do custo salarial.

“Coa incorporación desta persoa experta, que leva xa tempo traballando con nós, dende o Goberno local continuamos coa nosa aposta pola compostaxe e a reciclaxe dos residuos do municipio de forma sostíbel, ecolóxica e eficiente”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Para a concesión da subvención, a Deputación tivo en conta diferentes parámetros como a experiencia acumulada polo Concello no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe, ademais da realización de outras accións destinadas a fomentar a separación en orixe e a posibilidade dos municipios de conseguir o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais mediante composteiros.

As oportunidades formativas da mocidade, a golpe de visita na Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

O Concello de Ponteareas abriu este martes as portas da quinta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas, un evento pioneiro que converte á vila nun grande escaparate educativo “co que rapazas e rapaces da vila e da comarca terán nun mesmo espazo a ampla oferta formativa que teñen ao seu alcance, favorecendo unha reflexión sobre o seu futuro e o seu devir profesional”, como explicou durante a inauguración a alcaldesa, Cristina Fernández.

“O futuro educativo e profesional das mozas e mozos é unha cuestión que nos preocupa moito como Goberno municipal. Como alcaldesa, pero sobre todo como concelleira de Ensino dende 2015, foi unha prioridade que o noso alumnado poida ter acceso á maior e á mellor información posíbel sobre as distintas saídas formativas, algunhas delas descoñecidas ou descartadas sistematicamente polas persoas adultas”, recalcou a rexedora.

[su_image_carousel source=”media: 67284,67283,67282″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O acto inaugural contou tamén coa presenza do xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares; Manuel Torres, Inspector Xefe de Educación en Pontevedra; Fernando Carrasco, inspector de zona; Rosalía Polo, inspectora do Conservatorio Municipal; así como membros do Goberno local.

Durante dous días, centos de rapaces e rapazas, así como familias, pasarán por un dos eventos máis importantes para o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato dos institutos de Ponteareas e da contorna, “unha gran mostra que pode incidir nas decisións a tomar nun futuro próximo polo público que pase estes días polo pavillón”. “Unha feira que complementa o gran labor realizado polos equipos de orientación dos centros educativos, que achegan apoio e información durante todo o ano con distintas accións, charlas, entrevistas ou buscando datos concreto á demanda sobre estudos solicitados polo alumnado”, destacou Fernández Davila.

As autoridades realizaron unha visita a cada un dos stands dos 20 centros educativos presentes na Feira, conformando un escaparate de formación actual “para todo o alumnado de Ponteareas e comarca sen ter que desprazarse”. Fernández Davila destaca o importante esforzo do Concello por poñer en marcha un evento no que ademais de información sobre as modalidades que imparten os centros, os e as asistentes gozan de de forma guiada de demostracións prácticas do traballo que se realiza dentro do currículo educativo de cada ciclo.

Tras a apertura este martes a público escolar e a público xeral durante a tarde, a feira volve abrir as súas portas o mércores 8, que poderán coñecer os traballos de especialidades como a de ilustración, banda deseñada, deseño, auxiliar de voo, administración, panadería e repostería, finanzas, agraria, industria alimentaria, seguridade e medio ambiente, fabricación mecánica, enerxía e auga, transporte e mantemento de vehículos, música, imaxe e son, comercio internacional, publicidade, transporte e loxística, promoción e igualdade de xénero, artes plásticas, xoiaría, educación infantil, animación socio-deportiva, automoción, electricidade, informática, desenvolvemento de aplicacións webs, sanidade, electrónica, soldadura, carpintaría, idiomas ou artes escénicas.

Dende o Concello queren agradecer a implicación e o esforzo de todos os centros formativos que participan nesta Feira expoñendo, así como a todos aqueles institutos de Ponteareas, Mondariz, Salvaterra do Miño, As Neves, A Cañiza ou Salceda de Caselas que apostan por visitala co seu alumnado. A alcaldesa tamén quixo agradecer o interese amosado polo profesorado pero tamén “polo alumnado que presenta os estudos aos seus posíbeis compañeiros e compañeiras; ás e aos voluntarios municipais que guiarán ás persoas asistentes pola feira de xeito ordenado, facendo do percorrido unha experiencia dinámica, divertida e proveitosa; e a todas e todos os empregados municipais polo traballo de montaxe, atención e organización dun evento tan importante para Ponteareas”.

Redondela concéntrase na Praza do Concello en memoria de Beatriz Lijó Gesteira, vítima do asasinato machista en Baiona

0

Veciñas e veciños de Redondela concentráronse onte martes, 7 de febreiro na Praza do Concello de Redondela, respondendo ao chamamento realizado polo Concello redondela, para expresar a sua maís fonda repulsa ao asasinato de Beatriz Lijó Gesteira, a última vítima da violencia machista. Desta forma, Redondela reafirma o compromiso social na loita contra as violencias machistas.

O acto comezou cun minuto de silencio, despois a concelleira de igualdade, Iria Vilaboa, dixo unhas palabras de apoio ás vítimas e deu paso ao micrófono aberto no que participou a Asamblea Feminista Paxaretas e a Federación de Anpas de Redondela. Por último a alcaldesa, Digna Rivas  pechou o acto lembrando a tódalas mulleres vítimas de violencia machista comezando por Beatriz Lijó que “convértese na oitaba víctima en España no que vai de ano, 1190 mulleres asasinadas dende 2003. É unha necesidade aumentar en recursos e educación para frear esta lacra”.

Rivas, asegurou “ser incapaz de expresar  a rabia e indignación que me produce o terrible suceso de Baiona”. Rivas foi clara ao afirmar que a sociedade ten que loitar “unida e sen fisuras” contra a barbarie que supón a violencia machista, “unha violencia –engadiu á rexedora local– fronte á que non caben medias tintas nin ambigüidades e aqueles que negan a existencia deste violencia machista, son complices da mesma”.

A rexidora asegura que estes feitos “son un golpe moi duro para aquelas e aqueles que cremos e loitamos pola igualdade, pero que a ninguén teña a menor dúbida que seguiremos nesta pelexa ata conseguir poñer fin aos asasinatos machistas que supoñen unha auténtica lacra social”.

‘Unha memoria dramática’ para debater sobre teatro este venres 10 en Ponteareas

Ponteareas acolle este venres 10 de febreiro a xornada ‘Unha memoria dramática’, unha mesa redonda que organiza o Concello en colaboración con Dramaturga na sala multiúsos do auditorio municipal na que todas as persoas participantes poderán debater sobre a relación entre teatro e represión.

Durante o encontro presentarase o libro ‘Cartoturxia incompleta da represión’, unha colección de pezas teatrais breves escritas por algúns dos autores e autoras dramáticas contemporáneas máis interesantes do panorama galego. Moderado por Manrique Fernández, na mesa redonda participarán dous dos autores, Julio Fernández e Raquel Castro, que falarán deste volume que busca crear un mapa da represión franquista no que se trata de dar voz a tantas e tantas personaxes esquecidas da historia recente.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta mesa redonda que represión e memoria histórica irán da man para devolverlle voz a algún dos e das súas protagonistas. A cita rematará coa representación da peza breve ‘O panadeiro’ por Guillerme Sendín.

A partir das 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.

O Porriño pon en marcha cursos en 16 asociacións

Aerobic, zumba, ximnasia, pilates, teatro, pintura, música e baile tradicionais, coro, playback, acordeón, costura, labores, manualidades, arte floral e incluso poda e enxertos. Así de variada é a listaxe de cursos formativos e de lecer que dende o Concello do Porriño ofrecen ás 16 asociacións culturais e de veciños de todo o termo municipal.

“Adaptámonos ás necesidades e preferencias de cada unha das entidades. Son elas as que elixen que cursos impartir, simplemente o teñen que solicitar e dende o Concello xestionamos a súa posta en marcha, facilitando monitor e materiais”, explica o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

Trátase do servizo, xa adxudicado, para impartir diversas actividades nos centros socioculturais de titularidade municipal, e que deu comezo fai unhas semanas co inicio das primeiras clases. Unha iniciativa para a cal o Concello do Porriño destina unha partida anual de 180.000 euros. O servizo retomouse o pasado ano 2022 logo de estar paralizado en 2020 e 2021 por mor da pandemia da COVID.

“Son diversos os obxectivos cos que dende o Concello impulsamos estes cursos en todas en cada unha das parroquias e tamén no casco urbano, achegándoos ao máximo á toda a veciñanza, tanto á xente nova como aos maiores”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo. Dinamizar as actividades culturais do Concello; fomentar e potenciar a relación con outras persoas e o traballo en grupo; potenciar a capacidade creativa, facilitando sempre os medios e ferramentas; posibilitar a adquisición de técnicas instrumentais e habilidades básicas no tempo de ocio e impulsar accións formativas, culturais e de desenvolvemento artístico e persoal son os fins desta iniciativa.

Oia amplía a oferta do obradoiro de teatro

0

O Concello de Oia amplía a oferta do obradoiro de teatro veciñal con sesións específicas para o público infantil (de 6 a 12 anos). Serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres de 18.30 a 19.30 horas no Centro Cultural de Pedornes. A continuación celebrarase o de persoas adultas, de 19.30 a 21.00 horas.

O obradoiro infantil comezará esta mesma semana, coa primeira xuntanza o 10 de febreiro. As sesións terán lugar cada venres durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio e rematarán a principios de xuño.

A actividade é gratuíta pero con prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse a través do rexistro do Concello.

6×6 Punto de Encontro

En cada unha das súas edicións, o obradoiro de teatro veciñal de Oia reúne varias decenas de veciñas e veciños de diversas idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada polo barrio do Arrabal.

Nesa xornada de representación, denominada 6×6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc).

Por primeira vez este ano a convocatoria do obradoiro de teatro de Oia contará con sesións específicas para público infantil ademais das dirixidas a persoas adultas. Ambas actividades lúdico-formativas rematarán o curso coa xornada festiva do 6×6: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e a participación veciñal.

Gondomar e COXAPO inician unha rolda de contacto coas comunidades de augas

0

O Concello de Gondomar vén de iniciar contactos con todas as comunidades de augas da vila para analizar a situación das súas instalacións, e así poder axustar de forma pormenorizada e personalizada as necesidades de cada unha delas, co fin de garantir que todos os usuarios poidan dispoñer dun servizo de calidade, e de auga con todas as garantías sanitarias.

Esta iniciativa ponse en marcha a través dunha colaboración entre o Concello de Gondomar e COXAPO, quenes través dos seus técnicos será quen ofreza ás diferentes comunidades o asesoramento para acometer as actuacións necesarias para a mellora dos seus servizos.

Unha vez analizada a situación de cada unha delas posteriormente o Concello porá en marcha unha liña de axudas para que as entidades que xestionan as augas poidan acometer as obras necesarias.

Dende o goberno local faise un chamamento para que aquelas comunidades de augas que queiran adherirse a este servizo, como paso previo á solicitude da liña de axudas que se porá en marcha, unha vez coñecidas ás súas necesidades, se poñan a disposición dos técnicos e do Concello unha vez reciban a comunicación que se lles está a enviar, onde se lles explica o procedemento. No caso de que algunha comunidade non reciba esta comunicación poden poñerse en contacto directamente co concello por vía telefónica para concertar unha visita dos técnicos de COXAPO xunto aos representantes municipais.

O alcalde, Paco Ferreira, sinalou que “con esta campaña que poñemos en marcha, xunto a COXAPO a quenes agradecemos enormemente a súa colaboración, o noso obxectivo e por unha banda coñecer de forma exacta a situación da rede de abastecemento que depende das comunidades de usuarios, e por outro lado axudarlles a ofrecer un mellor servizo e así garantir que toda a auga consumida na nosa vila sexa da mellor calidade posible e conte con tódalas garantías sanitarias”.

Convocado o concurso para a elección do cartel das Festas de San Telmo 2023

0

O Concello de Tui abre a convocatoria do concurso para a elección do cartel anunciador das Festas de San Telmo 2023, no que poden participar artistas plásticos, creadores e creadoras ou calquera persoa que estea interesada. Establécese un único premio de 700 euros e diploma. 

Para participar débense presentar un máximo de tres obras, orixinais e inéditas, nas que deben figurar “Festas de San Telmo. Tui, 8 – 17 de abril de 2023. Festas declaradas de interese turístico galego”, así coma a marca corporativa do Concello de Tui.

O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e ás festas de San Telmo”, reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción ao patrón, a participación e a tradición popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade.

Así, nas bases do concurso, recóllese que “estes tres obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui”.

O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía.  O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal até o 28 de febreiro ás 14:00 h.

Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e en formato impreso, sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal. Con todos os carteis presentados a concurso, e que cumpran o establecido nas bases do mesmo, realizarase unha exposición.

As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal tui.gal.

O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de arte urbana

O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de arte urbana que abre as portas do entroido: mozos e mozas a partir de 12 anos experimentarán coa técnica do paste up durante tres sábados, os días 11, 18 e 25 de febreiro de 11 a 13:30 horas. O obradoiro conta con 12 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a [email protected] a partir do mércores 8 de febreiro ás 8 da mañá.

O obradoiro céntrase na figura do Urco, personaxe do entroido pontevedrés que un grupo de intelectuais da cidade reinventou en 1876. Dese ano data a publicación ‘Reinado y muerte del Urco’, que recompila textos en prosa e en verso do entroido dese ano con este personaxe como protagonista.

Este documento será o punto de partida deste taller singular impartido polo ‘Comité Secreto de Muros y Vallas’. O obxectivo é traer o Urco ao día de hoxe achegándoo á xente máis nova. O obradoiro desenvolverase no Edificio Castelao, con incursións a outros lugares da cidade.

A técnica que coñecerán e coa que traballarán os mozos e mozas participantes é a do paste up. Esta técnica da arte urbana consiste en debuxar sobre papel de gran tamaño con rotuladores acrílicos, recortar as ilustracións elaboradas e pegalas. O obradoiro vén precedido de anuncios da chegada do Urco que estes días se poden ver nalgúns puntos da cidade e na conta de Twitter https://twitter.com/RogelioLois.

Presentación de libro

Por outra parte, este xoves 9 ás 19 h o Museo acollerá a presentación do libro Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982). Participará a autora, Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo. Será presentada polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.

O libro relata os antecedentes, a orixe e os primeiros 50 anos de existencia do museo lugués. A autora revisa os principais episodios da historia desta institución, as coleccións que se foron incorporando ao longo do tempo, os principais personaxes ligados ao museo ou as súas publicacións, entre outros aspectos.

Abertas as inscricións no programa ‘O Río que nos Une’

0

Aberta a pre-inscrición para a participación no proxecto O Río que nos Une impulsado por FOCO, a Cámara municipal de Caminha e o Concello da Guarda, que consta de tres encontros de fin de semana GRATUÍTOS no Mosteiro de São João D’Arga, en Caminha, Portugal.

Nos encontros participarán 20 mozas e mozos entre eles 10 de A Guarda e 10 de Caminha, cunha idade comprendida entre os 14 e os 19 anos. Estes encontros serán de fin de semana dende o venres ata o domingo despois de xantar.

As datas previstas son:

  • 24, 25, 26 marzo
  • 28, 29, 30 abril
  • 26, 27, 28 maio

O principal obxectivo será o de coñecer a persoas da outra parte da desembocadura do río e identificar os puntos e inquedanzas comúns e deseñar actividades para mocidade que posteriormente financiarán e implementarán os dous municipios.

O acceso ao formulario de inscrición é a través o link https://forms.gle/uPhoKwdwW1gPavGv9.

Máis información na OMIX da Guarda [email protected].

Ponteareas mellorará a eficiencia enerxética e conservación da antiga escola unitaria e casa do mestre de Guillade

O Concello de Ponteareas dá novos pasos na súa aposta por instalacións máis sostibles e pola recuperación paulatina de espazos nas súas parroquias. O Goberno municipal acaba de sacar a contratación as obras de mellora da eficiencia enerxética da antiga escola unitaria e da casa do mestre en Guillade, unhas instalacións que estaban a empregarse pola veciñanza como biblioteca municipal e centro social.

“Queremos recuperar e conservar este espazo que, aínda que tivo varias obras pequenas de mantemento, precisaba unha reforma maior para evitar o seu deterioro e que veciños e veciñas poidan empregalo de xeito continuado”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

As obras previstas consistirán na impermeabilización dos muros da fachada en contacto co terreo, o illamento térmico, o lavado e acondicionamento exterior de fachadas, a reparación e substitución da estrutura e o material de cuberta, o cambio de carpintarías exteriores, a demolición de tabiques no vestíbulo e de falso teito na zona de biblioteca, pavimentación interior, construción de aseos e dotación de instalación eléctrica e iluminación. Con estas melloras conservarase a envolvente, cuberta, fachadas e carpintaría “para evitar o deterioro interior para o seu futuro uso como equipamento municipal”.

Os traballos saen a contratación por máis de 164.000 euros e terán un prazo de execución de dous meses. Este investimento estará cofinanciado con case 84.000 euros polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e con preto de 61.000 euros polo programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para la Transición Ecológica do Goberno de España. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de febreiro.

A Eurocidade Tui-Valença está de aniversario

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu undécimo aniversario cun concerto no Teatro Municipal de Tui. Será este venres, 10 de febreiro, ás 21.30 h (ES).

O violinista Eliseu Silva ofrecerá o concerto ’24 caprichos fadistas’ nunha velada de unión entre ambas cidades – e ambos países- e de viaxe pola cultura portuguesa, nunha exaltación do Fado como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Eliseu Silva revisitará os grandes éxitos de Amália Rodrigues, Carlos Paredes ou Zeca Afonso pero tamén interpretará outros temas da música popular de distintas rexións  portuguesas incluíndo Azores ou Madeira.

Eliseu Antunes Pereira Gomes dá Silva conta cunha prestixiosa carreira internacional coma violinista, mestre, pedagogo e director artístico de festivais.

Actuou como solista e en formacións de música de cámara en Portugal e países como Xapón, China, Australia, Alemaña, España, Suíza, Francia, Eslovaquia, Rumania, Bélxica, Holanda, Italia, Inglaterra, Malta,… Tamén participou coma xurado en diversos certames de violín tanto nacionais coma internacionais e impartiu master classes en universidades en China e Australia.  No seu haber figuran numersos premios coma o Yamaha Music Foundation of Europe, ou o  Concurso Internacional de Violín de Malta.

Como compositor, escribiu ‘24 caprichos fadistas’ con motivo dos 240 anos do nacemento de Niccolo Paganini e do décimo aniversario do Fado coma patrimonio inmaterial. O concerto que este venres poderemos disfrutar no Teatro Municipal de Tui é obxecto tamén dunha xira internacional por parte do artista.

O concerto está recomendado a partir de 8 anos e ten unha duración de 65 minutos.

As entradas están xa á venda en tui.gal e en cm-valenca.pt aos prezos de 4 e 3 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.

Toda a información desta cita e da programación teatral en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais municipais.

Nigrán garda un minuto de silencio

0

Un cento de veciños de Nigrán, xunto ao alcalde e demais corporación municipal, protagonizaron esta mañá (10:00 horas) a concentración e minuto de silencio convocada polo Concello de Nigrán en homenaxe á Beatriz Lijo Gesteira, asasinada onte en Baiona presuntamente pola súa ex-parella.

Ante a fachada da Casa Consistorial, e coas bandeiras ondeando a media hasta en sinal de loito, a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, pronunciou unhas breves palabras antes de comezar o minuto de silencio. “Estamos aquí para recordar a Beatriz e para acompañar e transmitir a nosa dor a súa familia e achegados”, sinalou Diego, quen condenou a violencia machista e apostou pola educación como base para erradicala da nosa sociedade. A continuación, gardouse un sepulcral minuto de silencio roto ao final por un longo e emocionado aplauso dos asistentes.

“Condenamos todo tipo de violencia machista sexa onde sexa, pero é certo que cando te toca tan de preto, nun concello irmá coma neste caso é Baiona, o sentimento de estupor e de consternación se palpa de xeito evidente na rúa”, comentaba o alcalde, Juan González, ao rematar a concentración. 

O Concello de Arbo conta co apoio da Xunta para o seu desenvolvemento

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou o luns que o Goberno galego está a executar ou activará investimentos por 6.349.000 euros nos vindeiros meses no Concello de Arbo, segundo se analizou na sesión mensual de febreiro da Comisión de Coordinación da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, celebrada na Casa do Concello tras unha pequena recepción por parte do alcalde, Horacio Gil, e membros do goberno local.

“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Arbo e por elo xa traballamos nunha decena de actuacións que xa están en marcha ou arrancarán ao longo deste ano recén iniciado. Apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos veciños”, explicou Luis López, que trasladou os seus parabéns ao rexedor e ao pobo de Arbo pola recente concesión á Festa da Lamprea da súa categoría de interese turístico internacional.

O representante autonómico, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia. No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro, O Porriño, Portas, Caldas de Reis e Forcarei.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando as numerosas liñas de axudas autonómicas abertas a prol dos concellos co Fondo de Compensación Ambiental ou a orde para infraestruturas de uso público, e tamén para as asociacións veciñais co Plan de Acción Comunitaria, os niveis de emprego e outras cuestións de índole socioeconómica, entre outras.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os máis de 6,3 millóns de euros que se adicarán ao Concello de Arbo nos vindeiros meses, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

Deste xeito, programáronse, como investimentos inminentes, a modernización e mellora da seguridade viaria na estrada PO-400, que xa está en obras cun orzamento de 1,3 millóns de euros; a reforma integral da rede de abastecemento do municipio por 2 millóns de euros ou a apertura dun vial urbano entre Vázquez Estévez e a PO-400 con 315.000 euros do Plan Hurbe -ambas actuacións acaban de adxudicarse-; a construción da planta de transferencia de residuos por máis de 2 millóns; e outras actuacións orientadas á repoboación forestal, a mellora de pistas, as accións ambientais, a remodelación de infraestruturas e equipamentos veciñais ou as iniciativas desenvolvidas ao abeiro do Fondo de Cooperación Local, entre outras.

“Estamos moi satisfeitos dos investimentos programados para Arbo, xa que somos, de longo e con moitísima diferenza, a administración pública que máis inviste neste municipio da Paradanta, e tamén do grao de cumprimento e do cronograma, xa que actuamos con moita axilidade para atender do mellor xeito aos arbenses”, detallou o delegado territorial.

Redondela aposta polo envellecemento activo a través dos obradoiros ‘Persoas Maiores Activas’

0

As persoas maiores de Redondela terán a oportunidade de aproveitar toda a potencialidade que ofrecen a través dos obradoiros que poñerá en marcha, a partir do 13 de febreiro, a Concellería de Persoas Maiores, que xestiona Iria Vilaboa, e que se desenvolverá baixo o nome de ‘Persoas Maiores Activas’. A inscrición deberá realizarse a través dos Rexistros oficiais do Concello e terán prioridade as persoas empadroadas no municipio.

O programa ‘Persoas Maiores Activas’ está composto por dous obradoiros. Un deles é de Competencias Dixitais e o outro de Habilidades Cognitivas. As habillidades cognitivas abarcan calquera exercicio que nos permita aprender, prestar atención, memorizar, ler, razoar… para manter activo ao noso cerebro. Os obradoiros de competencias dixitais buscan que a través dos seus dispositivos móbiles, as e os participantes poidan realizar actividades de relación coa administración, interactuar na banca electrónica, utilizar os buscadores online para atopar lugares de interese ou mesmo facer reservas e o xeito de utilizar con seguridade as redes sociais.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “a Concellería de Persoas Maiores é unha iniciativa deste goberno. A intención da súa creación foi a de priorizar as necesidades da veciñanza maior de 55 anos e ofrecerlles programación específica con actividades que axuden ao seu benestar.  As habilidades Cognitivas e as Competencias Dixitais son algo imprescindible na sociedade actual e con este tipo de obradoiros axudamos a mellorar a calidade de vida das persoas”.

Estes obradoiros gratuítos forman parte das moitas actividades destinadas ás persoas maiores que programa o Concello de Redondela como o Taichí, as saídas culturais e de benestar e tamén o Ciclo de Cultívate onde, da man de grandes profesionais, imparten charlas e obradoiros de saúde para o envellecemento activo.

O prazo de inscrición xa está aberto e as actividades darán comezo o vindeiro luns 13 de febreiro sempre e cando se forme un grupo mínimo de 8 persoas en cada centro. Admitiranse un máximo de 12 persoas por grupo e para a actividade de competencias dixitais será preciso contar cun teléfono smartphone con datos móviles. As actividades terán lugar nas 13 parroquias do municipio para evitar que as persoas interesadas teñan que realizar desprazamentos e dentro da filosofía do Goberno local de primar “levar ás actividades ata as persoas e non ás persoas ata as actividades”.

Rivas, chamou a atención sobre todos os temas incluídos nas actividades de competencias dixitais “nun programa completo pero, ao mesmo tempo, ameno e práctico, que lles permita coñecer e utilizar todos os recursos que teñen os seus teléfonos móbiles tanto para o ocio como para a interrelación con administracións e outros organismos”.

“Todos os conceptos que se poñen en mans das e dos nosos maiores, son importantes –explica a alcaldesa Digna Rivas– pero algúns deles como a utilización da banca electrónica ou a utilización da Liña Verde do Concello, adquiren un especial relevo polo constante uso que se fai deles e pola importancia que adquiren á hora de facilitarlles a vida as persoas usuarias. Esperamos que esta edición teña tanto éxito como a anterior”.

Parada contará cunha senda peonil

0

A ansiada senda peonil que vertebrará a parroquia de Parada a través da EP-2106 será realidade antes de que remate o ano. O Concello de Nigrán deu o paso definitivo na súa tramitación esta semana ao firmarse a totalidade das 42 expropiacións de mútuo acordo, circunstancia que permite iniciar xa a licitación do proxecto consensuado entre Concello e Deputación. Deste xeito, as obras deberán estar rematadas como máximo o 31 de decembro deste ano, investíndose nelas 973.023 € (291.907 € os achegará o Concello con fondos propios e o resto a Deputación Provincial).

“Suporá a humanización de todo o centro de Parada e unha mellora absoluta na seguridade viaria en la imaxe da zona”, explica o alcalde, Juan González, sobre este proxecto de 1 kilómetro que discorre desde o cruce da Areíña á contorna da igrexa e que comprende puntos sensibles como o cemiterio, o torreiro, a cancha multideportes ou a propia igrexa. “Esto é moito máis que habilitar unha senda peonil, suporá un cambio total na vida do barrio, pavimentando en pedra zonas máis urbanas, cambiando a iluminación e dotando a zona de novo mobiliario”, explica o rexedor, quen incide en que “ao tratarse dunha mellora tan grande e dunha demanda histórica todos os veciños expropiados o fixeron de mútuo acordo”. Así, este tramo de 1 kilómetro (3+200 ata 4+195) afectou a 1.060 m² de 42 fincas con superficies expropiadas que foron desde 1 m² a 207 m² e que pagará a Deputación o 23 de febreiro.

En concreto, estes traballos de mellora na EP-2106 A Ramallosa-Parada facilitarán a mobilidade entre A Areíña e a zona central de Parada (cemiterio) coa citada senda peonil, e tamén cunha zona de convivencia con lousas de pedra na contorna da igrexa (espazo que foi humanizado no ano 2018 coa colaboración da Deputación). A senda peonil prevista terá 2,50 metros de ancho e na zona central de Parada a plataforma de convivencia estenderase ao longo de 200 metros, cun pavimento de lousas de pedra. Nela colocarase mobiliario urbano e cambiarase a situación da marquesiña de autobús. Os traballos tamén comprenden o reforzo do firme da calzada nun viario municipal que fai entronque coa estrada provincial así como a recollida das augas pluviais e a mellora de servizos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e o cambio de alumeado. Do mesmo xeito, reinstalarase a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.

“Será un cambio a favor das persoas, transformando a contorna nun espazo amable onde poder pasear con seguridade”, insiste o rexedor, quen aposta por avanzar en posteriores fases cara A Carrasca e San Pedro. Igualmente, destaca que desde a Deputación se está a pechar o proxecto da senda San Roque (Camos)-Pracíns (Chandebrito), sendo moito máis complexa “por abarcar 4’3 km e moitísimos máis propietarios para expropiar”.

Salvaterra ofrece unha charla de ciberseguridade

O Concello de Salvaterra de Miño informa que o próximo luns 20 de febreiro, ás 11.00 horas no Salón de Plenos, a Garda Civil impartirá unha charla informativa sobre ciberseguridade.

Esta charla enmárcase dentro do Plan Maior de Seguridade co fin de dar a máxima información aos maiores sobre os diferentes roubos e estafas que cada día son máis habituais por internet e teléfono.

Gondomar presenta un entroido cheo de novidades

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presentou a programación do seu Entroido na que, como novidade, está programada unha gran verbena para a noite  do martes 21, e por primeira vez a entronización e a queima do Meco.

O Concello de Gondomar presentou esta mañá a súa programación de Entroido que este ano se celebrará dende o mércores 15 e ata o martes 21.

As actividades comezarán o mércores 15 cun concerto a cargo da Banda Infantil e Xuvenil de Vincios e o Coro e Orquestra do Conservatorio Municipal de Música de Gondomar, que terá lugar no Auditorio Lois Tobío ás 19:00 horas.

O venres 17 os máis pequenos tomarán ás ruas de Gondomar a partir das 11:00 horas co Desfile Escolar, e posteriormente ás 12:00 na Praza Paradela, levarase a cabo unha das sorpresa de este Entroido 2023, a Entronización do Meco, cunha temática que permanecerá en segredo ata ese momento.

A fin de semán arrincará ás 16:30 horas do sábado 18 con Obraboiros Infantís na Praza Paradela a cargo de +quebrincos.

O domingo 19 será sen dúbida un dos días fortes deste Entroido 2023, xa que ás 16:00 horas terá lugar na Praza Paradela a lectura do Pregón que dará inicio ao Desfile de Comparas de Entroido no que máis de 1.000 persoas desfilarán polas ruas da vila.

A xornada do domingo rematará cun concerto a cargo do Trio Azar na Praza Paradela.

A festa continuará o luns 20 e trasladase a Praza Rosalía de Castro onde terá lugar un Desfile Infantil de Disfraces con premios para os participantes e animación a cargo de +quebrincos.

Outra das novidades deste Entroido con respecto a anos anteriores, terá lugar o martes 21 coa celebración dunha Gran Verbena na Praza de San Bieito. A partir das 22:00 horas se bailará ao ritmo da Orquestra La Fórmula que realizará dous pases. No medio deles se procederá a Queima do Meco e a lectura do seu obituario.

O alcalde da vila sinalou que “este Entroido chega cheo de novidades, como a queima do Meco ou a Verbena do martes pola noite, que xunto co xa tradicional desfile de comparsas, que este ano vai batir record de participación, van converter o Entroido de Gondomar nun dos máis importantes da nosa comarca”.

Entroido, cine, música e literatura enchen de lecer o Rosal en febreiro e marzo

0

O Concello ten preparada unha programación cultural cargada de actividades para encher O Rosal de vida e lecer durante os meses de febreiro e marzo. A axenda para os vindeiros dous meses, con catorce propostas para todos os públicos, “permítenos seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza e de balde”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

En febreiro o Entroido será o gran protagonista. A Festa do Entroido en Fornelos e en Novás do 18 ao 21de febreiro da man das respectivas comisións de festas. O domingo 19 as rúas rosaleiras encheranse de cor, música e diversión co tradicional desfile de Entroido a partir das 11.00 horas polas rúas do Calvario.

O final de febreiro estará cargado de novas actividades. O xoves 23 haberá unha nova sesión dos Cafés en Igualdade. A partir das 17.30 horas as persoas participantes poderán afondar con Angelina Gándara na maternidade na Cafetería Nenza Xida. O sábado 25 (18.30 horas), organizado pola CC Montes de Tabagón, chega ao Centro Social de Tabagón a película ‘Santoalla’, que narra os feitos que inspiraron a película ‘As Bestas’. O domingo 26 o auditorio municipal acollerá ás 19.00 horas a Gala do Día de Rosalía, coa actuación de Lara Villaverde.

Marzo arrancará con máis cine. Organizado polo CC Montes do Rosal, o venres 3 presentarase no auditorio municipal o documental ‘A auga que trouxeron’, de Trespés Producións. Haberá unha proxección para o alumnado do CPI Suárez Marquier ás 12.00 h e outra para o público xeral ás 20.00 h. Con entrada libre ata completar aforo.

O sábado 4 A Comisión de Festas organiza en Pías o Torneo da Cachiza ás 16.00 horas e os días 11 e 12 a Feira de San Gregorio. O sábado 18 o auditorio municipal acollerá a partir das 20.30 horas o concerto ‘Noé, Noemi e Noemilia. Sete animais e a súa familia’, con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal.

O mes de marzo rematará coa Festa de San Xosé de Novás o domingo 19 organizada pola comisión de festas e coa audición do alumnado da escola de música da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal o sábado 25 ás 19.30 h. Os Cafés en Igualdade chegarán o 30 de marzo á Liga de Amigos para falar ás 17.30 horas sobre feminismo con Sara Uris.

A xunta asegura que empresas como TyM Ganain permiten a Galicia contar cunha potente industria auxiliar

0

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou durante a visita ás instalacións de TyM Ganain en Mos, que empresas como esta permiten a Galicia contar cunha potente industria auxiliar que dá soporte a sectores que serán clave na transformación enerxética e dixital do modelo produtivo.

TyM Ganain, con máis de catro décadas de experiencia, está especializada na fabricación e construción de equipos para a automoción, o naval, a aeronáutica ou a eólica offshore. Conde destacou a aposta deste empresa pola diversificación, así como pola innovación e a sustentabilidade e puxo en valor a súa presenza no mercado internacional, cara a onde destina o 80% das súas operacións.

O vicepresidente económico destacou o papel da Xunta acompañando ás empresas nos seus plans de investimento. Neste sentido, explicou que TyM Ganain mobilizou 1,1M€ grazas aos apoios da Xunta no eido da dixitalización, a I+D+i, a internacionalización ou a economía circular.

A este respecto, xa está aberta a nova convocatoria da liña de axudas de economía circular para que pemes e autónomos poidan contar con procesos máis eficientes e maiores aforros de consumo cun orzamento de 1,5M€. Axudas das que se beneficiou, na anterior edición, TyM Ganain.

Volve a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas celebra este ano a súa quinta edición consagrada como unha cita indispensable para dar a coñecer ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato o amplo abano de opcións formativas que ten ao seu alcance na vila e na comarca. O Concello organiza este novo encontro que se celebra os días 7 e 8 de febreiro no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino, “unha feira pioneira que xa é considerada polos centros educativos que expoñen cada ano unha das mellores, competindo sen dúbida coas grandes citas que se celebran en Vigo e Pontevedra”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

Arredor de vinte centros educativos e formativos de Ponteareas e de concellos da comarca achegarán ao alumnado información sobre as modalidades que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu currículo educativo, un verdadeiro escaparate da oferta de ensinanzas profesionais para que alumnado e público xeral poidan coñecer de primeira man e da forma máis completa posíbel as materias que se imparten e os diferentes perfís profesionais.

E farano dun xeito diferencial e personalizada. “Queremos asesorar aos rapaces e rapazas do mellor xeito, por iso irán en grupos de 10 a 15 alumnos e alumnas guiados por persoal especializado que afondarán en cada un dos estudos que se ofrecen nos diferentes stands. E iso fai que o estudantado coñeza opcións e abran a mente a novas carreiras formativas que doutro xeito pasarían desapercibidas”, sinala a rexedora.

O Concello realiza cada ano un grande esforzo por ofrecer este escaparate da formación actual a rapaces e rapazas sen que teñan que desprazarse a outras cidades. Este ano entre as especialidades presentes estarán a de ilustración, deseño, auxiliar de voo, administración, panadería e repostería, finanzas, agraria, industria alimentaria, seguridade e medio ambiente, fabricación mecánica, enerxía e auga, transporte e mantemento de vehículos, música, imaxe e son, comercio internacional, publicidade, transporte e loxística, promoción e igualdade de xénero, artes plásticas, xoiaría, educación infantil, animación socio-deportiva, automoción, electricidade, informática, desenvolvemento de aplicacións webs, sanidade, electrónica, soldadura, carpintaría, idiomas ou artes escénicas. O Garaxe Hermético, tamén terá o seu espazo, berce de grandes artistas de Ponteareas como Pablo Prado, Anémona de Río ou Sergio de Arcos.

A alcaldesa, e responsable da concellaría de Educación, lembra á veciñanza que a feira estará aberta ao público xeral de balde o martes pola tarde, de 16.00 a 18.30 horas para que “todos os rapaces, rapazas e familias poidan asistir e tratar de atopar novas oportunidades de formación e profesionais”. Fernández Davila agradece ademais o traballo de todos os centros formativos que expoñen na quinta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas, así como de todos aqueles que durante estes dous días apostan por visitala co seu alumnado.

Tui prepárase para celebrar o Entroido co Desfile-Concurso e o Enterro do Bacallau

0

Tui prepárase para celebrar as festas de Entroido con dúas citas destacadas marcadas no calendario deste mes de febreiro. Serán o martes 21, festivo local, data na que se celebrará o desfile concurso de grupos e comparsas, e o domingo 26 cando co Enterro do Bacallau despedirase o Entroido deste ano.

Mañá martes abrirá o prazo de inscrición para os grupos e comparsas que desexen participar no desfile concurso. As bases veñen publicadas hoxe no BOPPO.  A inscrición realizarase presentando o modelo de solicitude, xunto á documentación requirida, dende mañá martes, 7 de febreiro, até este xoves, 9 de febreiro, ás 14 h a través da sede electrónica do concello de Tui.

Os grupos deberán estar formados por entre 10 e 20 persoas, mentres que as comparsas deberán ter máis de 25 persoas.  A participación limítase ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos que presenten a solicitude, coa salvidade de que nunca quedará fóra de concurso nin unha comparsa nin un grupo de Tui.

O desfile terá lugar o martes, 21 de febreiro, ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, non podendo os participantes realizar paradas durante o percorrido.

O xurado, integrado por doce persoas, para conceder os premios valorará o número de participantes por cada comparsa ou grupo; a actualidade da temática elixida; a interpretación e parodia de cuestións sociais, culturais ou políticas de Tui;  a calidade, orixinalidade e dificultade de elaboración do vestiario; a interpretación, a sátira e crítica realizada; o acompañamento musical con música interpretada en directo no desfile; a calidade, orixinalidade e dificultade da carroza, e no caso das comparsas de fantasía o seu vestiario e coreografía. A puntuación en cada categoría será de 0 a 6, excepto en acompañamento musical e realidade tudense que será de 0 a 3 puntos.

No desfile concurso de Entroido outorgaranse un total de 18 premios valorados en 5.600 euros e os correspondentes trofeos en catro categorías: Xeral, Carroza, Acompañamento Musical e Fantasía.  Así na categoría Xeral os premios oscilarán entre so 700 € do primeiro e os 100€ do sétimo, en Carroza irán entre os 400 € do primeiro e os 100€ do sexto. Mentres en Acompañamento Musical haberá catro premios de 300 €, 250 €, 200 € e 150 €, e en Fantasía haberá un único premio de 250 €.

Establécense amais fixos por participar que serán de 500 € para as comparsas con carroza e de 250 € para as que desfilen sen carroza, mentres que para grupos o fixo por participar será de 200 € para os que desfilen con carroza e de 100 € para que non teñan carroza.

Xa o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30 h celebrarase o Enterro do Bacallau, no que deberán participar cando menos o 50% dos integrantes dos grupos e comparsas que participen no desfile. Poderán participar tamén todas aquelas persoas que o desexen de rigoroso loito. Sairá dende a praza de San Fernando, realizando un percorrido polo centro urbano,  cun alto no Cantón de Diomedes para ler as coplas, e continuar até o aparcamento municipal, na parte traseira do edificio Francisco Sánchez, onde se procederá a queima do bacallau. As bases completas, o modelo de solicitude de participación, o mapa do percorrido e o cartel do Entroido están dispoñibles en tui.gal.

O Porriño contará cun novo aparcadoiro gratuíto

O Concello do Porriño habilitará unha nova zona de aparcamento gratuíto no centro urbano. A tal fin, o Concello formalizará o aluguer de varias parcelas que abarcan unha superficie total de 14.327 metros cadrados nun lugar estratéxico de acceso ao centro.

Trátase de terreos localizados na rúa Progreso con acceso tamén dende a Avenida de Bos Aires.

Dada a súa extensión e situación, estes empregaranse como zona de aparcamento e tamén se destinarán á celebración de eventos e actividades lúdicas e festivas.

Con este novo espazo, situado nunha área de gran afluencia ao estar preto da zona comercial da vila, xunto á zona peonil e a praza de abastos, o Concello suma no último ano 25.000 metros cadrados destinados a tal fin. Cabe destacar que se habilitaron varios aparcamentos disuasorios nos últimos meses con dúas parcelas na zona do instituto Pino Manso e do pavillón municipal e outras dúas na rúa Leandro Diz.

“O problema de aparcamento que había no Porriño prexudicaba gravemente ao tecido comercial e hostaleiro e tamén á veciñanza, que cando quería vir ao centro urbano atopábase sempre con dificultades para aparcar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Con este novo espazo daremos servizo a unha zona clave do centro urbano que ademais se reformará e humanizará por completo, co que pretendemos dinamizar a súa actividade e integrala co resto do centro urbano”, conclúe.

O Rosal sumará 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos

0

O Concello do Rosal prevé incorporar este ano 10 novos traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, para o que xa solicitou á administración provincial unha subvención de case 134.000 euros aos que se sumarán máis de 3.000 que achegará o propio Concello.

“Apostamos un ano máis por esta medida para sumar a novos empregados e empregadas ao noso cadro de persoal, xa que non só permitirá reforzar e mellorar a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, senón que tamén permitirá dar unha oportunidade laboral a persoas que estaban ba procura de emprego”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A través deste plan de contratacións cubriranse ata 10 postos diferentes con traballadoras e traballadores a xornada completa e contratos de entre seis e nove meses. Así, está prevista a incorporación de:

  • Tres oficiais de obras albanel (durante oito meses).
  • Catro peóns de limpeza viaria e roza forestal (9 meses).
  • Un ou unha oficial electricista (7 meses).
  • Un ou unha operaria de maquinaria forestal (6 meses).
  • Un ou unha auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar, con titulación de formación profesional de atención a persoas en situación de dependencia ou certificado de profesionalidade e carné de conducir ou licencia (9 meses).

O Servizo Público de Emprego de Galicia elaborará unha listaxe das persoas empadroadas no Rosal que estean inscritas como demandantes de emprego non ocupados en cada un dos epígrafes correspondentes no momento en que o Concello solicite o listado e que estean dispoñibles para o emprego tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

Nigrán declara o loito oficial

0

O Concello de Nigrán declara tres días de loito oficial con bandeiras a media hasta e convoca mañá martes 7 de Febreiro á veciñanza a gardar 1 minuto de silencio ás 10:00 horas ante o consistorio en memoria da muller asasinada en Baiona pola súa ex-parella e en sinal de absoluta repulsa ante a violencia machista. Igualmente, traslada o seu pésame á familia e achegados da vítima do noso concello irmá.

Baiona decreta tres días de loito oficial e gardará un minuto de silencio hoxe ás 19:30h na praza do Concello

0

A corporación municipal de Baiona concentrarase ás 19:30 horas de hoxe na praza do Concello onde se gardará un minuto de silencio en memoria de Beatriz Lijó Gesteira, veciña de Baiona, que foi presuntamente asasinada pola súa parella na noite deste domingo.

O corporación local decreta tres días de loito oficial en memoria de Beatriz Lijó Gesteira e, unha vez máis, quere mostrar a súa máis rotundo rexeitamento e repulsa á violencia de xénero.

Durante os días de loito, 6,7 e 8 de febreiro (hoxe, mañá e pasado mañá), as bandeiras ondearán a medio mastro en sinal de duelo.

Desde o Concello de Baiona queremos manifestar a nosa absoluta condena ante este asasinato e mostrar todo o noso apoio, solidariedade e condolencias aos familiares da vítima. En especial o noso corazón está cos seus dous fillos pequenos.