11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA presenza da Deputación no Condado Paradanta alcanza orzamentos históricos

    A presenza da Deputación no Condado Paradanta alcanza orzamentos históricos

    “Un investimento histórico; algo que nunca acontecera”, así cualificou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os 81,8 millóns de investimento que a institución provincial realizou nas comarcas do Condado e A Paradanta nos dous mandatos que están a piques de concluír. Carmela Silva compareceu nun almorzo informativo, celebrado en Ponteareas, para dar conta do traballo desenvolvido entre 2016 e 2023. “Somos a Administración que máis inviste no Condado-Paradanta”, afirmou sobre este volume de recursos provinciais que permitiron a execución de 977 obras, a realización de case 2.300 actividades socioculturais e deportivas e a creación de 1.201 postos de traballo en servizos municipais para persoas desempregadas nos concellos de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra, A Cañiza, Arbo, Covelo e Crecente.

    A aposta da Deputación polo impulso aos concellos do Condado e A Paradanta neste tempo supón un 69% máis de recursos que os que chegaban durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución. Por concellos, Ponteareas recibiu 17,8 millóns de euros, Mondariz, 9,6 millóns de euros; Mondariz-Balneario, 3,7 millóns de euros; As Neves, 9,1 millóns de euros; Salvaterra, 9,5 millóns de euros; A Cañiza, 10,6 millóns de euros; Arbo, 7,1 millóns de euros; Covelo, 7 millóns de euros e Crecente, 6,6 millóns de euros. “Todo repartido con criterios obxectivos e con cero euros de libre disposición da Presidencia, en contraste cos 20 millóns de euros dos que antes dispoñía o anterior presidente provincial”, remarcou. A este reparto por concellos, Carmela Silva, sumou os 951.450 euros investidos directamente pola Deputación no Castelo de Sobroso para executar actuacións como a musealización ou a recuperación da súa contorna natural coa plantación de árbores autóctonas.

    A presidenta subliñou que os hábitos do PP no pasado dende a Deputación continúan na actualidade dende a Xunta de Galicia. Acusou ao Goberno galego de investir unicamente nos concellos gobernados polo Partido Popular. Neste contexto enmarcou a concesión de tres obras do plan Hurbe aos concellos de Arbo, Salvaterra e Crecente; as sendas peonís en estradas autonómicas exclusivas para Arbo e Salvaterra; a rede de abastecemento de auga só para Arbo; a mellora dos centros de saúde unicamente en Salvaterra e Crecente e a execución dunha única obra de depuración nas comarcas e asignada a Salvaterra. “É difícil atopar un euro da Xunta en concellos onde non goberne o PP”. Responde, engadiu, a “un modo de facer política”. “A Deputación inviste nos nove concellos con criterios obxectivos; a Xunta só inviste nos concellos onde goberna determinado partido político”.

    O Plan Concellos, cun total acumulado de 40,7 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes últimos 8 anos, achegando un fluxo de financiamento estable que se traduciu en 530 obras. En Ponteareas executáronse 84 obras (9,3 millóns de euros) de saneamento e abastecemento tanto no centro urbano como no rural. Impulsáronse obras de eficiencia enerxética, instalouse o céspede artificial e o marcador no campo de Pardellas e as envolventes térmicas nas fachadas da Casa do Concello e o centro de formación Asprodico. Agora mesmo estase executando o centro cívico da Praza Maior, a humanización de Sarmiento Rivera, a integración do auditorio Reveriano Soutullo na malla urbana e a renovación das plataformas elevadoras da Praza de Abastos. En Mondariz saíron adiante 82 obras (4,1 millóns de euros) para facer realidade o circuíto de pump-track, o amoblamento da biblioteca, a recuperación de escolas e colexios, o quiosco da praia fluvial e melloras no centro social. Nestes intres tramítase a mellora de camiños municipais e a ampliación da senda de Coviña a Laredo. En Mondariz-Balneario financiáronse 23 obras (2,1 millóns de euros), entre outras a rehabilitación dos xardíns do Gran Hotel ou a rehabilitación da cuberta e fachadas da Casa do Concello. Agora estase a restaurar o palco da música e acondicionando a segunda planta do Concello para o Museo da Auga. No caso de As Neves foron 74 as obras (4,4 millóns de euros) e pavimentouse o camiño do Pousadoiro, melloráronse as escolas de Cerdeira, Taboexa e As Neves e traballouse na humanización dos accesos ao Centro Sociosanitario e no acondicionamento do aparcadoiro da rúa Cruceiro. Agora estanse reparando as piscinas, asfaltando camiños rurais e adecuando a antiga escola da estación. En Salvaterra rematáronse 71 obras (6 millóns de euros) como as novas termas de Teáns, a reforma dos locais do parque de A Canuda, a rehabilitación da antiga Casa do Concello como biblioteca ou a compra dun camión de recollida de lixo. Nestes intres estanse mellorando camiños municipais, reparando casas culturais e pavimentando os accesos a Meder, Fiolledo,Leirado e Arantei. En A Cañiza foron 44 as obras realizadas (4,4 millóns de euros) entre elas a ampliación da rúa da Calzada, a mellora da iluminación en Achas e Valeixe, así como no centro urbano, a rehabilitación das cubertas e fachadas dos pavillóns da Cañiza e das Touzosas, a ampliación do cemiterio municipal. Agora estase construíndo un skatepark e un pump track,  a nova captación para o depósito de Porto Augavella e adecuando o parque de San Roque, en Luneda. No caso de Arbo saíron adiante 39 obras (3,5 millóns de euros) para, entre outras actuacións, mellorar camiños rurais e o recinto das piscinas municipais. Agora estase a ampliar o acceso á igrexa de Santa María e a capela de San Pedro e urbanizando o camiño da Bouza. En Covelo foron 55 as obras financiadas polo Plan Concellos (3,7 millóns de euros), entre elas a restauración patrimonial da contorna da igrexa de Lamosa, pavimentacións rurais e mellora das pistas polideportivas. Agora estase humanizando a contorna de Barciademera, da igrexa de Santiago de Prado de Canda e pavimentando camiños. Finalmente, en Crecente remataron 58 obras (3,2 millóns de euros) para renovar a cuberta da pista polideportiva de Filgueira, mellorar o tanatorio e a casa de cultura de Albeos, así como consolidacións de muros e camiños. Agora estase traballando nos parques infantís, no acondicionamento da Casa Consistorial e en camiños rurais.

    Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 21 grandes obras nas dúas comarcas cunha achega global de 7 millóns de euros. As actuacións deron cobertura a obras transformadoras en equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en igualdade de condicións e concorrencia competitiva. Financiáronse así proxectos como a humanización da contorna do colexio  e a urbanización do parque central en A Cañiza; a reforma da rúa Rosalía de Castro, a mellora da rede de auga e a ampliación do centro cultural de Rubiós en As Neves; a mellora do viario municipal e a humanización da praza de Barciademera, en Covelo; o enlace da Casa do Concello coa praza de España e a modernización do complexo dos campos de fútbol da Lagoa, en Mondariz; a reordenación da mazá formada pola piscina, o centro de saúde e outras dotacións de Ponteareas; a mellora da seguridade con pasos de peóns sobreelevados en Salvaterra e os itinerarios de corredores verdes de Covelo. Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando sete grandes obras: a modernización da piscina da Cañiza, a humanización da travesía Era da Liñaza das Neves, a rehabilitación do núcleo de Paraños en Covelo, a humanización da praza de Ana Pastor en Crecente, a área de deporte urbano de Mondariz, o camiño escolar seguro ao colexio Ramiro Sabell de Ponteareas e a humanización da rúa de Marqués de Viana de Salvaterra. Estas últimas actuacións cunha achega global de máis de 3,2 millóns de euros da Deputación.

    As estradas provinciais do Condado e A Paradanta recibiron máis de 15,5 millóns de euros cos que se realizaron máis de 400 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación. Tamén se financiaron os seis plans de mobilidade urbana sustentable aprobados nesta comarca. Entre as principais obras realizadas está a plataforma sobreelevada e cunetas tendidas no trazado da estrada ata a igrexa de Santa Marta de Ribarteme (428.396 euros), a pavimentación integral da estrada Setados-Ribarteme-Vide (335.501 euros), a senda peonil no treito antigo ao colexio de Leirado (312.139 euros), o acceso a Luneda (283.956 euros), a recuperación da ponte das Achas, que está a piques de comezar (411.015 euros); o itinerario peonil na estrada A Cañiza-Pousa (406.995 euros); o asfaltado integral da estrada entre Arbo e A Cañiza (602.943), a mellora peonil na baixada á estación de Arbo (663.204 euros) ou a senda peonil e urbanización entre Maceira e Graña (Covelo), con outros 288.755 euros. A Deputación ten xa sobre a mesa outros 6 grandes proxectos na liña do seu modelo de mobilidade integral: a senda de Guillade e urbanización da avenida Sarmiento (Ponteareas), a senda á estación das Neves, a humanización do tramo antigo da estrada na igrexa de Cabeiras (Arbo), a senda no treito antigo de Valdomar (Covelo) e a senda na baixada á Residencia de Maiores (Crecente).

    En canto aos fondos europeos captáronse case 2,1 millóns de euros para proxectos de iluminación sostible, mellora enerxética dos bombeos nas redes de depuración e abastecemento, instalacións de  xeotermia e substitución de caldeiras de gasoil. Beneficiáronse a totalidade dos concellos. A Deputación achegou tamén ao Condado e á Paradanta case 1,9 millóns de euros en distintas axudas aos concellos para combater a pandemia de Covid-19, única Administración que transferiu fondos específicos para este fin.

    Por servizos provinciais destacan os máis de 2,8 millóns de euros investidos pola área de Turismo, que vén de conseguir 1,5 millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística en Destino para estas comarcas, apostando así polo turismo de interior. A área de Igualdade repartiu 48 subvencións aos concellos e financiou 172 cursos, ademais de ducias de actividades. Dende Cohesión Social repartíronse 3,7 millóns para financiar os Servizos Sociais Comunitarios, as axudas de emerxencia e a teleasistencia, ademais de 22 subvencións a asociacións sociais para programas de axuda a colectivos vulnerables. Dende a área de Emprego organizáronse 135 iniciativas de formación e inserción laboral. Dende Transición Ecolóxica 30 subvencións a cooperativas agrogandeiras por importe de 620.000 euros e investíronse case 600.000 euros en impulsar os 13 parques forestais desenvolvidos co apoio provincial. O plan de apoio á compostaxe Revitaliza asignou máis de 1,5 millóns de euros. Á área de Cultura fixo posible a celebración de case 1.600 actuacións culturais de música e teatro. Dende o servizo de Patrimonio, Memoria Democrática e Lingua financiáronse intervencións arqueolóxicas e a sinalización de catro igrexas, dúas mámoas e un cruceiro e unha pía bautismal en Ponteareas. O servizo de Deportes repartiu 1.650.000 euros en axudas a 81 clubs, 23 deportistas e 16 escolas deportivas. A Deputación asesorou a 243 empresas co seu programa SmartPeme e impulsou a Administración Electrónica en tódolos concellos destas dúas comarcas. Finalmente, achegou case 515.000 euros aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais da Cañiza e Ponteareas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.