Venres, 18 Xullo de 2025

CRA Mestre Manuel Garcés, un novo xeito de ver a educación

0

Unha nova forma de ver a educación, cun proxecto renovado de pés a cabeza no que fomentar a autonomía, sen materias nin libros de texto, adaptada á forma de pensar dos nenos e nenas, á súa espontaneidade, e tendo moi en conta a contorna. Esa é a proposta do CRA Mestre Manuel Garcés, que acaba de conseguir o premio Innovagal da Xunta na categoría de Infantil, Primaria e Educación Especial, converténdoo no centro educativo máis innovador de toda Galicia pola súa transformación a través da creación dunha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa.

Como sinala o director do CRA, Antón de Valenzuela, “é un orgullo para todo o centro que se recoñeza o traballo que estamos a facer e no que levamos moito tempo afondando, estruturando tempos e espazos e empregando un método propio que recolle e adapta formas de traballar de metodoloxías como Montessori ou Reggio Emilia. Que hai máis innovador que reinventarse?”.

Foi un cambio estrutural e radical do funcionamento deste CRA que, con 150 alumnos e alumnas, é un dos colexios rurais agrupados máis grandes de Galicia. A súa relación co resto da comunidade educativa e coa contorna en xeral é outro dos piares do seu proxecto educativo. Entre as novas iniciativas previstas para este curso contemplan realizar xornadas directas de contacto coa natureza, “normalizando o poder de dar clases na contorna, nos espazos que son de todos como se fose na propia aula”.

Pero, sen dúbida, unha das propostas que máis chaman a atención do centro é que, ademais de 25 docentes de educación infantil e especialistas en psicomotricidade, música, inglés… incorporaron ás súas aulas unha persoa experta en novas tecnoloxía e creatividade no que achegar a nenos e nenas a estes dous aspectos fundamentais da vida cotiá. “Detrás deste proxecto global hai moito traballo e moita formación. Non deixamos de intentar cousas por medo a que non saian, porque se hai un traballo detrás equivocarse é a mellor forma de mellorar e avanzar”, salienta o director.

E se no proxecto educativo integral do CRA Mestre Manuel Garcés os nenos e nenas son o epicentro, as familias son tamén un piar importante “e seguimos traballando para involucralas cada día máis”. Sempre coa ollada posta nunha innovación educativa na que o traballo por proxectos e a aprendizaxe cooperativa se mesturan cun ambiente familiar apoiada en ratios baixos nas aulas que favorecen o respecto polos ritmos individuais que permite medrar aos rapaces e rapazas e ao propio centro.

Unha oferta educativa única a ter en conta cando comece o prazo de matriculación nos colexios en marzo. Este martes 14 de febreiro celebrarán unha xornada de portas abertas a todos os pais e nais de 16.00 a 18.30 horas. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 20 de marzo.

Nigrán inicia o primeiro perímetro de seguridade do parque forestal municipal

0

O Concello de Nigrán iniciou a pasada semana baixo a dirección técnica da consultora forestal Landra e coa súa propia brigada municipal o primeiro perímetro de seguridade do futuro parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’. Trátase de  Trátase de  65.000 m² de masa arbórea  que rodea ás vivendas das zonas de A Lama e Chouzo (Camos) e Rozadas (Chandebrito) e os traballos de saneamento de toda a zona se demorarán dous meses para estar listo antes da tempada de máximo risco. Posteriormente, tras erradicar as especia invasoras (fundamentalmente acacias e eucaliptos) repoboarse con carballos, cerquiños e sobreiras, especies autóctonas que funcionan como freo ante o lume (no Chouzo chegaron a arder dúas casas no 2017).

“O parque forestal é o proxecto medioambiental máis ambicioso da comarca nas últimas décadas e estará listo en 3 anos despois de ter sorteado infinidade de complexidades administrativas que o demoraron durante case dous anos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que tras os incendios, tanto desde o Concello como dende as comunidades de Montes de Camos e Chandebrito, acordaron por en valor este espazo e darlle unha función social e protectora fronte ao lume para os núcleos de poboación máis próximos. O investimento total para elo será de 400.000 €.

Tras unha primeira fase destinada á erradicación completa das especies invasoras e a realización de plantacións autóctonas, a segunda adicarase á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…

O proxecto

O parque natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas (420.000 m² ) de terreo comunal totalmente calcinado nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume.

O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego  propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.

Este mércores inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas de Cali en Tui

0

Este mércores, 15 de febreiro, inaugúrase a exposición de debuxos e pinturas de Hixino Castillo “Cali” na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio Francisco Sánchez – antiga Área Panorámica. Poderá visitarse até o 18 de marzo.

Hixinio Castillo, popularmente coñecido como “Cali”, leva sobre trinta e cinco anos vivindo en Tui onde desenvolveu a súa actividade profesional como docente no C.E.I.P. de Pazos de Reis durante varias décadas. Nesta mostra recolle unha escolma da súa extensa produción artística, tanto con obras de debuxo como de pintura ao óleo, salienta especialmente unha serie dedicada ao Entroido, con representacións pictóricas de varios Entroidos tradicionais das terras de Ourense, Lugo e Portugal.

“Cali” defínese como un autor autodidacta no que atinxe ao debuxo, pois dende neno é unha das súas paixóns, aínda que apunta que “suspendín debuxo no instituto”. Dende hai vinte cinco anos leva aprendendo a pintar ao óleo, recibido e compartindo a formación con outros pintores e afeccionados.

Esta é a súa primeira gran exposición con cerca de oitenta obras. Anteriormente ten exposto na Sala “A Fábrica” de Allariz, en diversas agrupacións culturais de Ourense, así como varias mostras colectivas na Guarda e na zona do Baixo Miño.

Ten publicados debuxos seus no semanario “A Nosa Terra”, na revista literaria “Cuaderno del matemático” de Madrid e noutras publicacións periódicas. Para o CEIP de Pazos de Reis elaborou hai uns anos un libro sobre seres fantásticos, que foi editado por este centro escolar, que ten as súas aulas pintadas polo propio “Cali”.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición vai resultar unha sorpresa para todos cantos se acheguen ata a Sala Municipal de Exposicións pois a obra artística de Hixinio Castillo “Cali” sorprende polo seu cromatismo, pola súa capacidade de imaxinación, e pola calidade do seu trazo no debuxo.

No acto de inauguración, este mércores 15 de febreiro, ás 19.30 horas contarse coa presenza do propio autor así como de Silvestre Gómez Xurxo, secretario do Consello da Cultura Galega, e durante moitos anos compañeiro de Hixinio Castillo no CEIP de Pazos de Reis.

A reforma integral da biblioteca de Mos rematará en Abril

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaron a biblioteca municipal cuxa reforma integral afronta a última etapa coa previsión de rematar en abril. Trátase dun proxecto para o que a Xunta colabora co Concello de Mos con 250.000 euros e que permitirá, entre outras accións, incluír novos espazos infantís, tecnolóxicos e audiovisuais.  

“Seguimos avanzando así no noso compromiso por facilitar e mellorar o acceso á cultura de todos os galegos, apostando pola innovación e modernización das infraestruturas de proximidade”, expresou o titular de Cultura da Xunta. Neste sentido, destacou que esta é unha das liñas de actuación do novo Plan Xeración Cultura, a folla de ruta de 2023 para acompañar a expansión do sector cultural cunha batería de medio cento de medidas e un investimento global de 34M€.

Precisamente o Plan oriéntase a facilitar o acceso a cultura a todas as persoas e en todos os lugares, un aspecto que tamén salientou o titular de de Cultura da Xunta que se referiu ao “avance significativo para os veciños de Mos” que suporán os novos servizos que incorporará a nova biblioteca municipal María Magdalena.

Zona infantil e de lectura

En concreto, os traballos permiten transformar os espazos adaptándoos ás necesidades actuais, para o que se incluirá unha zona infantil de lectura, unha sala de estudo, así como áreas de informática. Tamén se dotará de novo mobiliario con materiais ergonómicos e adaptados á rapazada e se vai mellorar a iluminación e un novo sistema audiovisual con proxector e pantalla para presentacións e exposicións.

Ponteareas celebra o Entroido por todo o alto

Ponteareas prepárase para vivir un Entroido ao grande. O Concello deu a coñecer a programación de actividades para encher de animación as rúas da vila durante seis días: do 17 ao 22 de febreiro haberá actividades para todos os públicos, como obradoiros, inchábeis, concursos de disfraces, charangas ou animación de rúa. Ademais, tras a pandemia as comparsas volverán facer o seu tradicional desfile polas rúas de Ponteareas ao abeiro dunha programación “coa que queremos que a veciñanza goce ao máximo do Entroido”. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca que con este programa de actividades “volvemos levar a actividade e o lecer ás nosas rúas, contribuíndo tamén á dinamización do comercio e da hostalaría local”.

O Entroido arrancará en Ponteareas o venres 17 de febreiro co desfile escolar polas rúas do centro urbano ás 11.00 horas. Tras esta actividade, ofreceranse actividades de animación infantil para os centros escolares participantes. Xa pola tarde, a Praza Bugallal e a Praza Maior converteranse nun gran parque de inchábeis para o goce dos nenos e nenas de todas as idades. O sábado 18 a Praza Maior acollerá un obradoiro de elaboración de máscaras de entroido (17.00 h) e un inchábel infantil, e dende as 18.00 h haberá animación nas rúas.

Xa o domingo 19 o tradicional desfile de comparsas regresa ás rúas, con saída ás 17.00 horas dende a Casa do Concello. O luns 20 estar disfrazado poderá ter premio. Ás 17.00 horas celebrarase na Praza Maior o concurso de disfraces infantil, con premios para os cinco mellores disfraces e para o que as persoas participantes deberán inscribirse na propia praza. Mentres, ás 20.00 horas será a quenda das persoas adultas, que deberán inscribirse no rexistro de entrada do Concello antes das 14.00 horas dese mesmo día.

O martes 21 ás 19.00 horas haberá un novo desfile de comparsas con saída dende a Casa do Concello e entrega de mencións e diplomas ás consideradas mellores polo xurado en torno ás 20.30 horas na Praza Maior. Ao remate, haberá unha gran chocolatada e fin de festa con música e animación. O mércores 22 Ponteareas despedirá o Entroido con bágoas co velorio da sardiña diante da Casa do Concello ás 19.30 horas e o posterior desfile do enterro ás 20.00 h, que rematará na Praza Bugallal.

A Deputación alcanza un investimento histórico no Baixo Miño

“As administracións teñen a obriga de dar conta sobre o uso que dan aos recursos públicos”. Con esta premisa compareceu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun almorzo informativo en Tui no que detallou o  destino dos 62,2 millóns achegados ao Baixo Miño durante os dous mandatos que rematarán o próximo verán coas eleccións municipais. Carmela Silva afirmou que este volume récord, “con investimentos como nunca antes se vira na historia do Baixo Miño” financiaron un total de  515 obras, a realización de case 1.800 actividades socioculturais e deportivas e a creación de 721 postos de traballo en servizos municipais para persoas desempregadas nos concellos de A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui. “Todo o que se fixo no Baixo Miño leva o nome e apelidos da Deputación de Pontevedra”, concluíu.

A aposta da Deputación polo impulso a esta comarca traduciuse nun 109% máis de recursos que os que chegaban durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución provincial. Por concellos, A Guarda recibiu 13,3 millóns de euros, Oia, 5 millóns de euros; O Rosal, 7,7 millóns de euros; Tomiño, 18,4 millóns de euros e Tui, 13,3 millóns de euros. Un fluxo que chegou maioritariamente do Plan Concellos, que se reparte con criterios obxectivos nos que se valora a poboación, extensión e dispersión. A este reparto, Carmela Silva, sumou os 6 millóns de euros de fondos europeos investidos no Baixo Miño gracias, fundamentalmente, ao liderado da Deputación dentro da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Minho.

O Plan Concellos, cun total acumulado de case 32,6 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes últimos 8 anos no Baixo Miño, achegando un fluxo de financiamento estable que se traduciu en 324 obras financiadas con este instrumento.  En A Guarda executáronse 79 obras (6,1 millóns de euros) como a reparación da Casa do Concello, o novo céspede no campo da Sangriña, o skatepark en Atalaia ou as melloras das rúas Calvario, San Amaro e Cal. Agora mesmo estase executando camiño escolar seguro ao colexio Manuel Rguez. Sinde (248.000 euros), a mellora da rúa Coruña (318.000 euros), o acondicionamento dos vellos patios do Vello Sinde (150.000 euros) ou pavimentacións e saneamentos por valor de case 137.000 euros. En Oia saíron adiante 72 obras (3,6 millóns de euros) co Plan Concellos entre as que están as compras de terreos para un parque e aparcamento municipal, ademais do ascensor do centro sociocultural de Pedornes e unha ducia de obras de saneamento e abastecemento. Agora estase actualizando a oficina de turismo (78.700 euros), mellorando camiños municipais e acondicionando o acceso á pasarela peonil colgante (case 49.000 euros). En O Rosal financiáronse 66  obras (4,6 millóns de euros), como a gran reforma da Praza de Abastos (máis de 550.000 euros investidos), a mellora do auditorio municipal (161.000 euros), así como melloras na rede de augas e a compra dun camión para a recollida de lixo. Agora estamos reconfigurando a estrada vella de Tabagón (169.990 euros), renovando a contorna do Calvario (168.583 euros) e reformando o edificio do colexio rural María Zambrano (100.000 euros). No Concello de Tomiño materializáronse 42 obras (9,9 millóns de euros) para mellorar a mobilidade ciclista e peonil na rúa República Arxentina (441.000 euros), mellorouse a accesibilidade ao salón de plenos, construíuse a senda peonil no Camiño Novo, acondicionouse a praza de Figueiró, transformouse a Alameda de Goián (máis de medio millón de euros) e o campo de fútbol do Alivio, entre outras actuacións. Agora estase mellorando a estrada de Barrantes (134.300 euros), acondicionando os torreiros de Vilameán (237.668 euros) e Taborda (case 200.000 euros), o acondicionamento do pavillón de Carballa (202.040 euros) ou o saneamento de Vilarchán (201.000 euros). Finalmente, en Tui executáronse 65 obras (8,3 millóns de euros) para a glorieta de enlace coa A-55 en Guillarei, reformar as beirarrúas da rúa Colón (case 850.000 euros en total), acondicionar os comedores do colexio número 2 ou facer realidade a ruta peonil e ciclista na rúa Loureiro-Veiga Louro. Na actualidade, o Plan Concellos financia o acondicionamento das piscinas municipais (322.828 euros), ampliación da reforma interior do centro cultural das Laxes (306.478 euros) e humanizara rúa Lugo (252.340 euros).

Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 9 grandes obras nas dúas comarcas cunha achega global de 4,8 millóns de euros. As actuacións deron cobertura a obras transformadoras en equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en igualdade de condicións e concorrencia competitiva. Financiáronse así proxectos como a mellora da seguridade nas rúas Vigo e Celta (A Guarda), o gran acondicionamento da praza do Seixo (Tomiño), a recuperación do núcleo da Torre en Paramos e parte da mellora da mobilidade peonil e ciclista na rúa República Arxentina (Tomiño). Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando cinco grandes proxectos, un por cada concello da comarca. Xa está inaugurado o novo pavillón da Sangriña (A Guarda), onde a Deputación achegou 609.673 euros desbloqueando a execución desta gran obra; rematada tamén a remodelación da praza do Calvario (A Guarda) con outros 517.938 euros. Finalmente, están en marcha as obras de acondicionamento da praza da Burgueira (Oia) con 241.081 euros; o espazo cultural lsaura Gómez (Tomiño), con 1.208.423 euros, e a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui), con outros 717.820 euros.

As estradas provinciais do Baixo Miño recibiron máis de 9,1 millóns de euros cos que se realizaron 167 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación. Tamén se financiaron os catro plans de mobilidade urbana sustentable aprobados nesta comarca e dous camiños escolares seguros. Entre as 26 grandes obras de seguridade viaria realizadas está a mellora da mobilidade sostible na estrada de Caldelas (Tui), con 589.051 euros e a gran actuación, agora mesmo en execución, en Ribadelouro, incluíndo a habilitación dunha variante do trazado da estrada a través de vías municipais (468.300 euros). Tamén se transformou a baixada ao porto da Guarda (rúa Concepción Arenal), con 1.714.888 euros e fíxose realidade a variante de conexión da estrada Tomiño-Sabarís coa autonómica PO-344 no Seixo (Tomiño), cun gran investimento de 2,8 millóns de euros. Ademais, a Deputación xa rematou a primeira fase da senda peonil continua de 4,5 Km que unirá Tabagón con Goián, cunha primeira achega de 650.444 euros. As dúas seguintes fases, cunha previsión total doutros 1,2 millóns de euros, avanzan na súa tramitación previa.

En canto aos fondos europeos captáronse máis de 6 millóns de euros coa AECT Rio Minho como protagonista. Os proxectos SmartMinho, Visit Rio Minho e Rede Lab Rio Minho xa comezaron a deixar froitos en promoción do turismo verde, restauracións paisaxísticas e creación de sendeiros así como coa rede de bicicletas eléctricas transfronteirizas que está materializándose. A boa xestión permitiu captar dous novos proxectos (Smart Minho Plus e Vive Rio Minho) financiados cos remanentes que deixaron sen gastar outras áreas transfronteirizas. A Deputación tamén logrou financiar proxectos de mobilidade sostible, iluminación sostible, substitución de caldeiras de gasoil e modernización do punto limpo da Guarda, todo elo, con fondos FEDER cun subtotal de máis de 1,5 millóns de euros. A Deputación achegou tamén 246.763 euros directamente a estes cinco concellos durante a pandemia de Covid19.

Por servizos provinciais destacan as 34 subvencións concedidas aos concellos e os 71 cursos organizados para a veciñanza dende a área de Igualdade. O servizo provincial de Cohesión Social investiu 2,9 millóns de euros no Baixo Miño para financiar os Servizos Sociais municipais, as case 400.000 axudas de emerxencia social repartidas a persoas vulnerables e en atender ás 467 persoas que contan con teleasistencia. Ademais, 11 asociacións recibiron subvencións para proxectos sociais e 4.606 persoas participaron en actividades de dinamización organizadas pola Deputación. A área de Emprego formou a 121 persoas que veñen de obter o seu grao universitario ou completaban os estudos de formación profesional. Dende Turismo financiouse con 1,2 millóns de euros  a obtención de 45 novos selos de calidade para empresas do sector, promocionouse o Camiño Portugués e o Camiño pola Costa e dixitalizáronse as oficinas da rede Info Rías Baixas. O servizo provincial de Transición Ecolóxica financiou con 13 axudas ás cooperativas agrogandeiras e confrarías de pesca e impulsou o desenvolvemento de parques forestais en A Guarda e Oia. O programa Revitaliza impulsou a compostaxe con achegas de 787.447 euros que son especialmente visibles en Tomiño, onde xa se xestiona o plan municipal de compostaxe. A área de Cultura fixo posible a realización de 1.271 actuacións culturais no Baixo Miño. Dende o servizo de Patrimonio, Lingua e Memoria retirouse simboloxía franquista e rehabilitáronse elementos patrimoniais. O servizo de Deportes achegou 1,4 millóns de euros aos 81 clubs, 47 deportistas e 31 escolas deportivas da comarca. A área de Novas Tecnoloxías fixo chegar a Administración electrónica a tódolos concellos e formou ao persoal. Ademais, 84 empresas recibiron asesoramento do programa provincial SmartPeme. Finalmente, a Deputación financiou o Grupo de Emerxencias Supramunicipais de A Guarda cunhas achegas totais de 589.000 euros.

O Porriño conmemora o Día Internacional da Radio

A praza Arquitecto Antonio Palacios converteuse hoxe nun enorme estudio de radio cos nenos e nenas do Porriño aos micrófonos. A Concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX, conmemorou o Día Internacional da Radio da man SI Radio cun programa en directo no que participaron os centros educativos do municipio.

“Esta actividade ten como finalidade dar a coñecer e achegar aos escolares o mundo da radio como ferramenta educativa cun enorme potencial, que converte ao alumnado en protagonistas activos e entusiastas do seu propio proceso de aprendizaxe”, apuntou a concelleira.  

En total participaron 193 os alumnos e alumnas do CEIP Cruz Budiño, CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Plurilingüe de Atios, CPR Hermanos Quiroga e Aceesca. Os temas que se trataron foron diversos e atenderon ás propostas e inquedanzas da infancia do Porriño. Falouse de igualdade, de poesía, do entroido e tamén houbo un oco para conmemorar o Día internacional da muller e a nena na ciencia,  reflexionando sobre o coñecido Efecto Matilda e a campaña No More Matildas que pretende denunciar a discriminación sufrida por moitas científicas e investigadoras da historia. “Hoxe é un día para poñer en valor este medio que, pese aos cambios que se produciron nos últimos anos no acceso á información, mantívose como medio de comunicación pola súa inmediatez, cercanía e pola súa capacidade de chegar a calquera lugar”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A radio é unha ferramenta poderosa e por iso cremos que a mellor forma de reivindicalo é achegándoo aos máis pequenos, permitíndolles expresarse e ser escoitados”.

Gondomar organiza a XVI edición da Feira de Oportunidades “Portobelo”

0

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, e o Concello de Gondomar están a organizar a XVI Feira de Oportunidades do Val Miñor, “PORTOBELO”, que celebrarase o vindeiro domingo día 5 de marzo.

A praza Paradela, de Gondomar, será a encargada de albergar este importante evento.

Dita Feira, de carácter multisectorial, celébrase coa finalidade de promocionar os comercios da comarca, reforzar o contacto cos clientes habituais, xerar outros novos, así como liquidar stocks dos establecementos.

Para participar ou obter más información sobre o evento, basta con poñerse en contacto cona OVALMO no número de teléfono 986 36 67 30 ou na dirección de enderezo electrónico [email protected] antes do 27 de febreiro.

O Rosal presenta na Xunta os problemas de seguridade viaria na PO-353

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, mantiveron un encontro co director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, Francisco Menéndez, e co xefe de servizo provincial de Pontevedra, Manuel González Juanatey, para abordar de forma urxente a falta de seguridade viaria na estrada PO-353, que une Pancenteo con Fornelos, e que pon en risco a seguridade das persoas que circulan a pé por esta vía.

“Estamos ante unha grave problemática que afecta á contorna de Pancenteo, Marzán, Novás e Fornelos, unha zona onde hai tres escolas unitarias, paradas de autobús, contedores de lixo e espazos de convivencia entre a veciñanza, que nestes intres non se atopa segura”, explica a rexedora.

Despois de que a veciñanza da contorna destes catro barrios recollesen 655 sinaturas debido a esta problemática, o Concello compartiu coa Xunta todos os riscos que se teñen detectado nesta estrada para que o Goberno autonómico adopte as solucións necesarias. Con estas sinaturas a veciñanza solicitaba medidas de seguridade para reducir a velocidade dos vehículos que circulan pola zona e a sinalización de pasos peonís.

Alcaldesa e concelleiro salientaron o compromiso do Concello a colaborar coa Xunta, para o que realizarán unha análise da incidencia nesta estrada que trasladará ao Goberno autonómico para que a Xunta implemente as solucións necesarias como organismo competente desta estrada. Fernández Callís quixo agradecer a colaboración e a implicación dos veciños e veciñas cunha problemática “que consideramos que se ten que solucionar de forma urxente”.

Selada a unión entre Arbo e Sainte Terre

0

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, acompañado da directora de Turismo de Galicia e membros do goberno arbense, recibian no Salón do Pleno do Concello de Arbo, a Agnès Alfonso-Chariol, alcaldesa de Sainte Terre, Agnès Alfonso-Chariol, que chego acompañada dun membro da Irmandade da lamprea, Gérard Spéranzini e David e Sabine pescadores da lamprea no Rio Dordoña – Sainte Terre.

Abril é a cita da “Festa da Lamprea de Arbo”, onde rendemos homenaxe a unha forma de vida que dá sentido a un territorio e a un sabor inconfundible que convida a viaxar no tempo e en Villa de Sainte Terre, eses mesmos días celebran tamén a súa Festa da Lamprea, co mesmo sentimento.

Son moitas as características que Arbo e Sainte Terre teñen en común e son evidentes os vinculos que os une: o escudo, a lamprea, a Festa da Lamprea, o viño, o Museo da Lamprea e o río onde pescamos a lamprea: o Miño en Arbo e a Dordoña en Sainte Terre.

“Ao descubrir tantos puntos en común entre Arbo e Sainte Terre, establecemos contacto para coñecer máis en profundidade estes puntos en común” manifestou o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

Durante a recepción no Consistorio, o alcalde, que estivo acompañado por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, puxo en valor este encontro e expreso o “orgullo” de poder celebrar este acto e recibir aos representantes da Lamprea en Francia en Arbo. Tamén dixo que “Arbo sente tremendamente orgulloso de ter entre nós a veciños franceses que veneran da mesma maneira que Arbo á Lamprea.

Para coñecer os costumes, a gastronomía, a tradición e todo o que envolve a Lamprea en Arbo, se preve a visita da delegación de Sainte Terre visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Arabo” e a degustación da lamprea ao “estilo Arbo” e na maneira seca preparada de distintas formas. Tamén descubriran o traballo dos lampreeiros que con paciencia, esforzo e un saber facer herdado xeración tras xeración, capturan este manxar do Miño con métodos de pesca ancestrais e sostibles.

Arbo é terra fértil, de albariños excelentes. Cunha longa tradición adegueira, aberta ao viaxeiro que busca novas sensacións e a tranquilidade do turismo consciente, próximo, familiar e en harmonía co medio natural e os visitantes franceses puidérono descubrir visitando unha adega de Arbo.

Horacio Gil, informa, que lles gustaría, traballar para o mutuo coñecemento das culturas e tradicións, como forma de achegar aos cidadáns das dúas localidades, polo que o goberno arbense, levará a sometemento do próximo pleno, o acordo para estreitar lazos de unión con Sainte Terre a través dun irmandamento. As relacións de irmandamento constitúen unha ferramenta de coñecemento e colaboración entre as poboacións, promovendo a cidadanía europea e unha Europa máis unida e cohesionada- acaba dicindo o alcalde.

O Concello de Baiona renova a pista polideportiva do colexio de Belesar

0

O Concello de Baiona informa do remate das obras de renovación da pista polideportiva do CEIP de Belesar, dando resposta ás demandas dos pais e a comunidade educativa.

“Renovouse por completo a pista cunha nova capa de formigón, posteriormente puliuse e pintouse para que se poidan practicar varios deportes, como fútbol-sala e baloncesto”, explica o concelleiro de Obras de Baiona, Óscar Martínez.

O investimento nestes traballos foi de 25.000 euros. Aínda que o concello non ten competencias directas en materia de ensino, si realiza tarefas para manter os centros en boas condicións. “O ensino público de calidade é unha das prioridades deste equipo de goberno”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Así queda demostrado coas diferentes partidas de investimento para obras nos edificios neste mandato municipal, “uns traballos que se realizan escoitando aos equipos directivos dos centros para priorizar as actuacións máis urxentes e necesarias”.

Seguindo este obxectivo, realizáronse traballos no CEIP Fontes-Baíña (accesibilidade, pintado de aulas, equipación e novas instalacións), e mellorouse o vial de acceso entre o espazo das aulas de Educación Infantil co resto de infraestruturas que conforman o Colexio de Cova Terreña, onde tamén se renovaron as pistas multideportivas exteriores.

Tamén realizáronse traballos na Escola de Educación Infantil O Areal e, no caso do CEIP Fontes-Baíña, o concello realizou ademais as xestións necesarias para que a Xunta solventase unha das principais reivindicacións das familias coa estrea da iluminación no pavillón deportivo cuberto. Era unha débeda histórica, xa co anterior goberno municipal.

Á marxe das obras, o Concello de Baiona quere agradecer o esforzo diario da comunidade educativa local, traballando moi duro para formar aos nenos e nenas da vila.

Redondela anuncia a saída dos libros dedicados a Cedeira e Saxamonde

0

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, anuncia a saída de dous novos volumes da colección dedicada aos libros de parroquias. Desta volta trátanse de Cedeira, feito por Juan Migueles, e de Saxamonde, asinado por Paulo Jablonsky. Estes libros, que coma nos anteriores casos conta cunha portada expresamente feita polo pintor local Ángel Barros, sitúa xa na cifra de oito as parroquias que contan co seu volume: Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Negros, Reboreda, Saxamonde, Trasmañó e Ventosela.

Todos os libros foron escritos por veciños ou veciñas destas parroquias porque, segundo indica Rivas, “é importante sacar á luz o traballo de persoas implicadas co patrimonio local, ás veces esquecidas ou non valoradas como merecen. Dende o Concello queremos darlle o protagonismo do que son merecentes”.

Así mesmo a alcaldesa Digna Rivas subliñou “a enorme importancia de poñer en valor o noso patrimonio local, parroquia por parroquia, para comprender que Redondela é a suma de cada unha delas. Todas xuntas conforman un tesouro vivo que precisa ser difundido e apreciado. Nesa liña queremos continuar”.

Por outra, o SNL adiantou que pronto sairá outro libriño centrado na parroquia de Vilar de Infesta, á cal lle seguirán outras máis. Desta maneira o SNL trata con distintas iniciativas de abranguer o conxunto de parroquias, sexa a través deste proxecto ou ben cos proxectos de microtoponimia ou o máis recente dos “Tesouros de Redondela”, uns audiovisuais que recollen a memoria das xente maior da parroquia e que xa comezaron co Viso. Este documental, de reprodución en aberto en Youtube, xa alcanzou a cifra de preto de 1500 reproducións.

Os libros contan con portadas realizadas por Ángel Barros “un luxo de portadas” afirmou a alcaldesa quen destacou “a sorte de poder contar cun artista da calidade de Ángel para desenvolver este proxecto que pon de relevo a capacidade creativa, literaria por unha banda e artística por outra, dos nosos veciños”.

O Porriño disfrutará dun novo espazo verde no casco urbano

Un proxecto municipal para o acondicionamento e a humanización dun novo espazo verde público no casco urbano foi o tema central tratado na última xuntanza que o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tivo a pasada semana en Santiago de Compostela, coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

O rexedor local explicoulle os pormenores da iniciativa coa que quedarían unidas as rúas Pío XII e Antonio Palacios. “Remodelaríase toda a zona do parque infantil conectándoa, ao mesmo nivel, coa área que actualmente se emprega de aparcadoiro de vehículos, preto da casa do Concello”, sinala Lorenzo.

A obra consistiría na posta en valor deste espazo, de máis de 7.000 metros cadrados de superficie, xerando novas oportunidades de uso para mellorar a calidade de vida da cidadanía. De feito, o proxecto do Concello inclúe a plantación de novas especies vexetais para dotar a contorna de máis espazos de sombra, así como a instalación de novo mobiliario.

A maiores, mellorarase a comunicación peonil co centro urbano da localidade, pois ámbalas dúas rúas conectan con outras dúas arterias da vila como son a peonil Ramón González e a Avenida Domingo Bueno (N-550); renovarase o parque infantil existente e crearase unha zona con gradas co obxectivo de poder celebrar eventos ao aire libre como concertos, conferencias e espectáculos infantís, entre outros.

Quinto contedor

A maiores, durante o encontro, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira a intención do Concello de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor.

Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.

De feito, a Xunta decidiu apostar en 2023 por ampliar ata o 15 % a bonificación do canon de Sogama a todos aqueles concellos adheridos, como é o caso do Porriño, que promovan a redución de residuos e/ou o incremento da reciclaxe de envases lixeiros, trasladen a rebaixa ao recibo que pagan os usuarios e, como novidade, asuman o compromiso de introducir a recollida separada dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 a través do quinto contedor.

Nigrán obtén un avance de cara a aprobación provisional do PXOM

0

Paso trascendental no futuro urbanístico de Nigrán: o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán conta xa oficialmente con todos os informes sectoriais favorables, cuestión indispensable de cara a súa aprobación provisional. Este avance prodúcese ao recibir o Concello o 26 de Xaneiro a comunicación positiva da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) despois de case 3 anos negociando para poder suprimir definitivamente do documento o vial de alta capacidade A Xunqueira-Saiáns que toda a corporación rexeitara xa no 2013 (ano da súa aprobación inicial) e que desde a Xunta consideraban necesario. Este documento definitivo será presentado en todas as parroquias e pendurado na web municipal a partir de marzo para que toda a veciñanza interesada o poda consultar antes de ir a Pleno.

“Tras case 3 anos de reunións técnicas e políticas ao fin obtemos a resposta favorable da AXI que abre a porta de cara a aprobación provisional”, valora o alcalde, Juan González, quen defende “a cautela e consenso” entre as dúas administracións para “non vender promesas nin fume” ata obter o que hoxe xa é unha realidade: o informe positivo. Para acadar este punto, o propio rexedor recoñece que foron preciso “moitas horas e moito esforzo por parte do equipo redactor e dos técnicos municipais para xustificar ante a AXI a viabilidade de suprimir o vial A Xunqueira-Saiáns sen comprometer a mobilidade futura no municipio”. Así,   Alfonso Botana e o seu estudo foron quen de avalar técnicamente esta posición, o que incluíu deixar plasmado no documento a vertebración da mobilidade interna dos diferentes SAU (‘Suelo Urbanizable’). “Tiñamos claro que o vial tiña que desaparecer para sempre do PXOM porque era innecesario, irreal e tronchaba Nigrán en dúas partes prexudicando a milleiros de veciños”, resume González, quen agradece neste sentido “a boa vontade da AXI, que finalmente aceptou este argumento tras demostrarlle técnicamente que resultaba innecesario”.

Unha vez pechada a fase máis complicada do plan urbanístico, a de dispor xa de todos os informes favorables (Patrimonio, Augas de Galicia, Costas do Estado e de Galicia, Portos, Medio Ambiente…), o equipo redactor liderado por Alfonso Botana presentará nas vindeiras semanas ante a Xunta un único documento refundido coa proposta definitiva de PXOM  e o ‘Estudo Ambiental Estratéxico’, cuestións ás que a Xunta debe responder nun prazo máximo de 3 meses coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. “Con todos os informes positivos a resposta a este informe de sostibilidade será favorable e, a partir de aí, poderemos levalo a un Pleno para a súa Aprobación Provisional”, explica o rexedor, quen incide en que será “en canto se reciba resposta por parte da Xunta, sen máis demora por parte do Concello, o que permite ser moi optimistas”. “Dependerá se a Xunta responde nun mes, dous ou tres, por iso prefiro ser prudente e non dar datas concretas pero, ao fin, Nigrán contará moi pronto cun plan urbanístico do século XXI, sendo un dos poucos concellos de Galicia en dispor del”, engade González.

Gondomar continúa repartindo composteiros individuais

0

O Concello de Gondomar abriu novamente o prazo para a solicitude de composteiros individuais para toda a veciñanza que o desexe.

Durante as próximas semanas a Mestra Composteira do Concello, xunto a persoal técnico do plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, ofrecerán información a quen o precise nun stand que estará ubicado na Praza Rosalía de Castro os martes e xoves de 10:00 a 13:00 horas, onde ademáis de recibir asesoramento poderán realizar a solicitude dun dos 300 novos composteiros que repartirá o Concello nesta queda, e que se suman aos 350 que xa foron repartidos en campañas anteriores.

Na sua visita ao stand informativo, o alcalde Paco Ferreira destacou que “estes 300 novos composteiros individuais, sumados aos 350 xa repartidos e aos composteiros colectivos instalados na nosa vila, fan de Gondomar un referente na reutilización dos desperdicios como unha forma de coidado do noso medio ambiente”.

O Covelo busca novos voluntarios

0

O Concello de Covelo convida a todas as persoas que queiran aportar a súa axuda a formar parte do voluntariado do Concello. Na actualidade, xa existe un grupo de persoas que, de xeito desinteresado, contribúen a mellorar o día a día da veciñanza, pero ante a realidade de que a diario xurden novas inquedanzas e ideas para traballar en grupo, o Concello abre a inscrición para novas incorporacións.

As persoas interesadas en ter máis información deben inscribirse no número de teléfono 986 65 00 27 (ext. 3 ou 4) ou no 986 59 40 33.

O Voluntariado de Covelo precisa mans para levar a cabo novas actividades e cubrir novas necesidades por iso animan a toda a cidadanía a achegarse e participar nestas iniciativas. O grupo de voluntarios cubre necesidades pero tamén pon en marcha actividades que, sen elas e eles, non serían posibles.

Dende labores sociais e de acompañamento, a limpeza de ríos ou construción dunha carroza o Voluntariado de Covelo está sempre disposto para axudar pero tamén para encher o seu tempo libre, socializar no transcurso do desenvolvemento das tarefas, descubrir recunchos fermosos ou coñecer novas persoas con interesantes traxectorias vitais.

O voluntariado suma e mellora o cotidiá e ofrece un espazo no que desenvolver inquedanzas persoais e atopar un grupo de persoas con intereses comúns.

O Concello de Covelo pretende ampliar o equipo de voluntarios/as e chegar a chegar a novos ámbitos como o medioambiental, cultural, educativo e comunitario, entre outras cuestións que propoña o propio grupo.

O Concello de Tui denuncia as pintadas vandálicas realizadas na rúa San Telmo

0

O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas nun tramo da rúa San Telmo, en pleno conxunto histórico de Tui, e que afectan a diversas vivendas e á igrexa de San Telmo. Este acto de incivismo non representa á cidade nin aos seus cidadáns que coidan o conxunto histórico como expresión da identidade da vila, cun sentimento de orgullo polo legado recibido e que compre transmitir nas mellores condicións.

“Este comportamento delitivo do autor ou autores desta incualificable agresión patrimonial non pode quedar impune”, polo que dende o Concello de Tui, sinala o alcalde Enrique Cabaleiro, “se solicita a colaboración cidadá para atopar aos responsables desta desfeita para que paguen os custes derivados da reparación dos danos producidos no noso patrimonio cultural e non teñan que ser asumidos con cargo aos orzamentos públicos”.

Pintadas rúa San Telmo, Tui

O Concello de Tui mantén o seu compromiso pola conservación do conxunto histórico e asume a limpeza destas pintadas para devolver o ornato a esta rúa e aos inmobles afectados e lembra que este tipo de accións constitúen un delito contra o patrimonio histórico recollido no Código Penal e que cómpre unha decidida condena social a este vandalismo e os seus autores ou autoras.

Enrique Cabaleiro lamenta esta mostra de incivismo que atenta contra a convivencia cidadá e expresa o compromiso do Concello de Tui por lograr a identificación dos responsables destas pintadas para que asuman a responsabilidade deste atentado patrimonial e ao tempo manifesta a vontade do Concello de Tui e dos cidadáns tudenses de continuar traballando na protección e conservación do noso patrimonio cultural, un labor que non pode quedar esmagado con estes deplorables feitos.

O Porriño vólcase con San Valentín

O Concello do Porriño conmemora San Valentín con música e a instalación dun photocall baixo o lema “Amor por Porriño”.

Este domingo, 12 de febreiro, a Tuna da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela realizou un pasarrúas polo casco urbano da vila deleitando cos seus acordes.

Pola tarde houbo música e habilitouse un espazo na Praza Arquitecto Antonio Palacios cun sofá e un gran corazón, a modo de photocall, para que calquera que así o desexase deixase a súa pegada de “Amor por Porriño”. Ademais as parellas que se fixeron unha foto entraron no sorteo de nove agasallos, entre os que se atopan 3 tartas, dous circuíto nun spa, 2 ceas para dúas persoas, un detalle de xoiería e unha alfombra.

Nigrán ofrece unha excursión á festa do lacón con grelos de Cuntis

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de entroido, ofrece o vindeiro domingo 26 de febreiro unha excursión para maiores de 65 anos empadroados no municipio á ‘XXIV Festa do Lacón con Grelos’ en Cuntis.

A visita sairá ás 9:45 horas e regresará ás 20:00 horas. O periodo de inscrición  é o 15 e 16 de febreiro de 9:00 a 12:00 no Pavillón Municipal de Panxón, tendo un custe de 16 €/persoa, que inclúe o transporte e o xantar deste plato tradicional.

O Concello de Nigrán disporá de 4 autobuses e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición (máximo dúas persoas inscritas por persoa e achegando os DNI).

SmartPeme chega esta semana con seis novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta seis novas formacións para esta próxima semana, enmarcados na carteira de obradoiros de Smartpeme. As accións tratarán temas como  ciberseguridade en dispositivos móbiles, reorientación de negocios tradicionais e familiares  estancados, uso de podcasts, promoción de alugueiros vacacionais, tendencias de economía dixital ou promoción de negocios co perfil de empresa de Google.

Os obradoiros darán comezo hoxe luns 13 pola mañá co curso sobre “Ciberseguridade e dispositivos móbiles”, para ver a importancia de protexer os dispositivos móbiles que xa están a desprazar aos PC na xestión cotiá dos negocios. Este obradoiro será impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes impartirase unha nova formación guiada pola consultora e coach empresarial, Isabel Rodríguez. Dirixirá “Reorientación de negocios tradicionais e familiares que se atopen estancados” un obradoiro que ensinará a reorientación de negocios e, tendo en conta a demanda do mercado, evitar o peche dos negocios familiares.

O mércores 15 haberá dúas accións formativas; pola mañá a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá o curso “Audio márketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast”, que ensinará como o uso dos podcast pode facer que un negocio destaque sobre a competencia.  Na quenda de tarde, Sonia Torres, técnica de empresas e actividades turísticas, ofrecerá “Promociona o teu alugueiro vacacional en Booking”, unha formación orientada a persoas emprendedoras, autónomas e a empresas do sector turístico no que se ensinará a crear e optimizar anuncios de aloxamentos e condicións e vantaxes da plataforma Booking.

O xoves 16 de febreiro, rematará a semana lectiva con outras dúas formacións. Na mañá, no punto SmartPeme de Cambados, de novo Manuel Freire impartirá o curso “Tendencias de economía Dixital 2023”. O obxectivo deste obradoiro é o de dar a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas para o 2023, cun repaso ás tecnoloxías emerxentes e a evolución de outras xa existentes. Pola tarde, o licenciado en comunicación audiovisual, Adrián Fernández, impartirá o curso “Promociona o teu negocio co perfil de empresa de Google”. A finalidade deste obradoiro é dar a coñecer a ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. O perfil de empresa de Google está pensado para facilitar o aproveitamento, por parte dos pequenos comercios.

Rematadas as obras de mellora dos camiños de Xunqueiras, Coto do Muíño e Santa Baia da Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis, Piña, acompañado do técnico da empresa COVSA S.A., adxudicataria desta obra, visitou os camiños do Couto. A obra consistiu na eliminación de raíces, mellora da capa de rodaxe e drenaxe e limpeza e ensanche das cunetas destas 3 pistas do Couto, nunha lonxitude de 1.7 km.

Unha actuación que ten como obxectivo garantir a seguridade viaria e que está xustificada polo importante deterioro que presentaba a rega asfáltica da capa de rodaxe debido, entre outros factores, ás desfeitas provocadas polas raíces dos piñeiros.

As obras que remataron esta semana, comezaron o pasado mes de novembro no marco do  Plan de “Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023” de Agader da Xunta de Galicia.

Cun investimento total de  106.483,27 €, contaron cunha axuda de Agader de  87.899,00 €.

Unha axuda que inclúe os costes do total da obra e o control de calidade e exclúe a cantidade correspondente ao 21 % de Ive, a redacción do proxecto e a dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde que ascenden a un total de 21.966,06 €. Esta cantidade está financiada con fondos propios do Concello e recollida no Anexo de Inversións do Orzamento 2022.

As melloras desenvolvéronse en 2 fases. A primeira no mes de novembro que actuou sobre o camiño de Santa Baia e a segunda reanudada despois das festas de Reis que consistiu na mellora dos camiños de Coto do Muiño e Xunqueiras.

Os camiños mellorados dan acceso a parcelas agrícolas

A obra foi adxudicada a empresa CONSTRUCCIONES OBRAS Y VIALES, S.A. (COVSA) que comezou os traballos a finais de novembro consistentes na limpeza e ampliación de cunetas para mellorar a seguranza viaria e garantir o cruzamento de vehículos así como reducir sobrelargos en zonas de curvas con baixa visibilidade ou entroncamentos. Mellora do firme coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico, eliminación de raíces e  mellora da drenaxe do camiño e da sinalización entre os lugares de Xunqueiras, Coto do Muiño e Santa Baia, na parroquia do Couto e que dan acceso, todas elas, a parcelas agrícolas.

A Eurocidade Tui e Valença acollerá quince probas deportivas este ano 2023

A Eurocidade Tui-Valença presentou o seu Calendario Deportivo da Eurocidade 2023 con máis dunha decena de probas deportivas de múltiples disciplinas que se celebrarán ao longo deste ano e grazas a colaboración dos dous municipios transfronteirizos.

A primeira cita deste calendario tivo lugar esta mesma fin de semana co Trail do Aloia, unha proba clásica que tamén servirá de inicio para a Pontevedra Trail League.

Xa está aberto o prazo de inscrición para outra das probas destacadas deste calendario: a décima edición da Eurocidade BTT que organiza a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas o próximo 12 de marzo. Tamén en marzo, as outras citas deportivas serán o 4 de marzo co TT Eurocidade de Motos e o 25 co TT Eurocidade Jeeps.

Amais, con frecuencia mensual, haberá unha andaina dentro do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, serán un Tui e outro en Valença. Comezarán en abril polas Festas de San Telmo e logo haberá percorridos por Sanfíns, Ribadelouro, o Cerdal, polo centro histórico de Tui, por Friestas, pola Macoca e por Fontoura.

En abril o deporte será o baloncesto, co Torneo Mini de Basquet Eurocidade que terá lugar o 1 e 2 en Valença. Coa chegada do verán, e xa en xuño, terá lugar a Rampa do Monte do Faro e o Campionato de Kung Fu Eurocidade. En xullo o protagonismo será para o judo co Torneo Eurocidade o 8 e 9.

Co inicio de setembro, Tui e Valença vivirán tres xornadas de hoquei, un novo Torneo Internacional de Basquet, a Regata de Remo Eurocidade e, aínda con data por determinar en setembro e outubro, o Torneo de Tenis da Eurocidade. En novembro haberá dous eventos deportivos: primeiro o Torneo de Baile Deportivo e a Urban Trail Night o 26 de novembro.

A presentación e detalle de todas estas citas deportivas tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Tui. No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados por representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deportivos.

Neste senso, o rexedor tudense destacou o seu agradecemento aos implicados na organización de todas as probas que conforman un calendario deportivo que calificou de único na Europa occidental polo seu carácter transfronteirizo. Asemade, destacaba Cabaleiro o firme compromiso da Eurocidade por apostar polo deporte, un ámbito importante, dicía, na vida e desenvolvemento das persoas.

Por parte de Valença, o seu presidente, José Manuel Carpinteira, animou a seguir traballando polo deporte da Eurocidade e tamén a gozar dun calendario único e moi completo. Falaba tamén de que o deporte comulga con todos os valores da Eurocidade: unión e cooperación.

Pola súa banda, tanto o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, coma o seu homólogo en Valença, Arlindo Sousa,  agradeceron o traballo e a colaboración de clubes, institucións e empresas colaboradoras para levar a cabo, un ano máis, un calendario completo, con 15 eventos deportivos que abranden a práctica totalidade de meses deste 2023.

A ampliación do Centro de Saúde do Porriño rematará este 2023

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asistiu á visita programada pola Consellería de Sanidade ás obras de ampliación do centro de saúde da vila, encabezada polo titular da mesma, Julio García Comesaña e o conselleiro do Medio Rural, José González.

Lorenzo amosouse moi satisfeito do avance dos traballos cuantificados en máis do 30% de execución. “Estamos ante un feito importantísimo para o noso Concello, porque era algo moi necesario e moi demandado”, subliñou. “Que unha terceira parte da obra xa estea executada significa que vai a bo ritmo e dentro de moi pouco, neste mesmo 2023, xa será unha realidade e todos poidamos facer uso destas novas instalacións, cunha reorganización dos espazos, novo equipamento e por suposto reforzo de persoal”, explicaba Lorenzo sen esquecer a importante inversión realizada, máis de 4,3 millóns de euros.

Comesaña destacou na súa intervención, na que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, Javier Puente, así como o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que este proxecto incide, cunha superficie de ampliación de máis de 1.100 metros cadrados, “na reorganización dos usos e da súa distribución entre o edificio existente e o novo”. Neste sentido indicou que “unha vez que se remate esta parte nova, pasarase a unha segunda fase, que será a reforma da existente”.

O titular da carteira sanitaria do executivo galego explicou que a ampliación “dará lugar a un novo volume de tres andares que acollerá o punto de atención continuada, ademais da nova área de fisioterapia e gran parte dos servizos internos do conxunto”.

Segundo detallou Comesaña, a obra leva ao centro a experimentar un incremento, na área de adultos, de dúas consultas de medicina xeral, unha de enfermería, unha de matrona, unha polivalente, e unha sala de técnicas. Na área pediátrica, o incremento é dunha consulta de pediatría, unha de enfermería especialista e doutra polivalente. Polo que atinxe á zona de PAC, o incremento é dunha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.

En total o centro contaría cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de  Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, despacho traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, 1 despacho en admisión. E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.

O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a Xunta reforzou este centro de saúde este ano incorporando un novo médico con praza fixa, un dietista-nutricionista e un equipo de soporte de atención a domicilio, que realiza o seu labor na contorna do centro.

No apartado de equipamento, o goberno galego dotou a este centro, no ano 2020, de dous desfibriladores, dous espirómetros, dous hólters de presión arterial e un retinógrafo.

Tamén destacou Comesaña que o equipo do centro de saúde do Porriño aprobou xa o seu primeiro plan local de saúde, o que permitirá mellorar a asistencia, e sinalou que o seu persoal administrativo resolve, no mesmo día, o 99% das chamadas, devolvendo as non atendidas en primeira instancia nun tempo medio de 38 minutos. No que respecta á demora, o conselleiro dixo que “o 75% dos médicos do centro teñen cita dispoñible en menos de catro días”.

Uso da madeira

A presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, na visita debeuse ao emprego da madeira neste proxecto. Así, destacou que, neste centro de saúde, “vaise incorporar a madeira -e máis concretamente o piñeiro galego- como elemento estrutural na súa fachada”. O piñeiro galego utilizarase ademais en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio. A madeira e os seus derivados tamén estarán presentes nalgúns dos paramentos, pavimentos, mobiliario fixo e carpintaría exterior.

Esta iniciativa, “forma parte dun acordo ao que chegamos as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para fomentar o emprego da madeira galega nestas instalacións”, remarcou González.

Poesía e relatos ilustrados para render homenaxe á escritora ponteareá Emilia Estévez Villaverde

O Concello de Ponteareas pon en marcha o Certame de poesía e relato ilustrado Emilia Estévez Villaverde, unha iniciativa coa que visibilizar a figura desta escritora pioneira ponteareá a través da palabra e da ilustración. “Continuamos dando pasos para poñer en valor e recoñecer o nome e a obra desta autora, unha ponteareá de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Goberno municipal queremos recuperar e reivindicar”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e a mocidade de entre 13 e 18 anos, as rapazas e rapaces poderán participar en calquera das dúas modalidades do certame. Na modalidade de poesía, as e os participantes deberán presentar como máximo un poema cunha extensión de entre 14 e 40 versos, mentres que na de relato ilustrado deberá ser un texto dun máximo dunha páxina na categoría infantil e de dúas na xuvenil que deben ir acompañados de debuxos, fotografías, collage…

Os textos presentados deben ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e centrado nalgún tema relacionado con Ponteareas, como a cultura, a arte, a paisaxe… As obras deberán presentarse baixo un pesudónimo de dúas formas distintas en función da categoría: na xuvenil deberán entregarse de forma presencial na biblioteca municipal, mentres que na infantil os centros de ensino de educación primaria recompilarán os traballos que persoal do departamento de Cultura ou da biblioteca municipal recollerá o venres 10 de marzo.

O Concello fixa un total de tres premios en cada categoría, que consistirán na entrega dunha planta natural doada pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, un diploma acreditativo e un lote de libros e material escolar. Para outorgar estes galardóns, os membros do xurado valorarán especialmente a calidade literaria, a orixinalidade ou o uso correcto do galego, entre outros aspectos.

Nova liña de axudas para programas de incorporación social en vivendas para drogodependentes

O Diario Oficial de Galicia publicou a liña de axudas da Xunta de Galicia destinadas a programas de incorporación social en vivendas para drogodependentes, que ascende a 550.656 euros, o que supón un incremento dun 8,8 % respecto da anterior convocatoria.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar ás persoas que seguen un tratamento para desafacerse de trastornos aditivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma no ámbito residencial

Nesta convocatoria poderán participar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen programas de inclusión e emerxencia social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións. Estas persoas deberán estar participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias, incluídas no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.

Para acadar este fin, o Goberno galego incrementou nun 8,8% a partida destinada a un programa que, por primeira vez, terá carácter bianual (2023 e 2024). Con este cambio, preténdese que se resolva a convocatoria o máis cedo posible e, ademais,  aminorar os tempos de tramitación que provocaría realizar unha convocatoria anual. Deste xeito, a Xunta achegará un montante de 275.328 euros para cada anualidade.

Aposta pola rehabilitación e integración social

Desde o ano 2010, convócanse axudas para a realización de programas de incorporación social en vivendas para persoas con problemas de adicións. Neste senso, as vivendas de apoio ao tratamento son un recurso que permite garantir un espazo físico de convivencia á poboación drogodependente. Así, favorecen a súa estabilización e adherencia aos tratamentos, ademais de incidir no seu proceso de rehabilitación e integración social.

Este apoio residencial tamén facilita, mediante un conxunto de actuacións de carácter socioeducativo, a adquisición e mantemento de condutas axeitadas para a súa progresiva normalización social e incorporación ao mundo laboral. 

De acordo á necesidade de realizar unha atención integral, o emprego destas unidades convivenciais para pacientes drogodependentes, posibilita afrontar as dificultades xerais que xorden nos procesos de rehabilitación e, ao estar nunha contorna semitutelada, facilitase a adaptación a un novo marco de convivencia, baseado nunha xestión formada e responsable da súa vida cotiá.

Finalmente, o programa, tamén incide no seguemento do proceso de recuperación, desde a fase inicial de acollida ata a fase final de reinserción, para aquelas persoas usuarias que por razóns de distancia, dificultades económicas, ou outros motivos, non poden vivir na propia casa coa súa familia.

A Asociación de Empresarios de Redondela organizou un roteiro guiado

0

Este primeiro roteiro percorreu as zonas urbanas de Redondela dende o casco histórico de Redondela, descubrindo vestixios da muralla medieval, ata o Peirao dos Carabineiros, un percorrido que durou máis de 3 horas e que fusiona distintos roteiros temáticos que se comercializarán esta tempada para os viaxeiros e visitantes que queiran descubrir a localidade.

As empresas do sector destacan a oportunidade que supón coñecer de primeira man a historia e simboloxía dos distintos puntos de interese localizados no Concello de
Redondela xa que desta maneira permítelles dar un asesoramento personalizado ao viaxeiros e adaptado aos seus gustos e preferencias.

Dado que non so a vila de Redondela alberga puntos de interese para o turista, senón que tamén o entorno rural e a propia Enseada de San Simón e as illas teñen moita historia que contar, realizaranse novos percorridos guiados coas empresas do sector turístico que conforman esta Rede de Networking sectorial que está traballando de forma coordinada pola Asociación de Empresarios de Redondela.

A vicepresidenta da Asociación de Empresarios de Redondela, Verónica González Seijas, que acompañou en todo momento aos participantes manifestou que as empresas do sector creen que unirse é hoxe, mais que nunca, unha necesidade e que para nós é un deber, como Asociación, estar aí apoiando e acompañando.

Protección Civil de Salceda realizou 228 servizos operativos no ano 2022

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Salceda de Caselas tivo unha intensa actividade de servizo público durante o ano 2022 coa realización dun total de 228 operativos de diversa índole.

Do global dos servizos realizados destacan os que teñen relación coa súa intervención nas estradas coa atención en accidentes(31 actuacións) e a incidencias diversas como retirada de animais ou limpeza de vertidos(41 actuacións).

Asemade realizaron intervencións de carácter sanitario (3 actuacións) e as máis numerosas relacionadas coa celebración de actividades e eventos de carácter, social, cultural e deportivo(152 actuacións) nas que levaron a cabo a súas importantes funcións de organización e mantemento da seguridade da veciñanza en cada unha delas.

A actividade da agrupación complétase coa sua dispoñibilidade para con outras agrupacións de voluntarios, entidades locais e outras administracións, participando en moitos servizos nos que se requiriu a súa presenza por demanda de efectivos para completar os diferentes operativos.

O equipo de goberno local, coa Alcaldesa Verónica Tourón á cabeza, quixo agradecer de primeira man a inmensa labor da Agrupación Local de Protección Civil e a alta estima que o seu comportamento e dedicación ao servizo público teñen entre a veciñanza.

A selección galega absoluta de remo está esta fin de semana concentrada en Tui

0

Esta fin de semana, a Federación Galega de Remo, en colaboración co Club Remo do Miño, organizará en Tui a concentración da selección galega de remo olímpico na categoría absoluta masculina e feminina. Asistirán un total de 22 remeiros e remeiras, pertencentes a 7 clubs galegos. Esta concentración ten como obxectivo a preparación do Campionato de España de remo olímpico e de autonomías, que se celebrará en Castrelo do Miño, os días 18 e 19 de febreiro.

Os e as deportistas adestrarán no río Miño e pernoctarán nas instalacións do Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui. Entre os convocados estarán os deportistas do  Club Remo do Miño, Carlota González, Nuria Domínguez, María Cristina González, Rodrigo Conde e Jesús González, así como do Club Remo Tui, Laura Solla e Martín Sías. Nesta convocatoria tamén participará como temoneira, Rebeca Rodríguez, do Club Remo do Miño.

Tanto Carlota González, como Rodrigo Conde, concentrados habitualmente en Sevilla, seguirán adestrando durante toda a semana en Tui, e ao remate do Campionato de España, iniciarán as competicións internacionais co obxectivo da clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.

A nova oficina virtual tributaria de Ponteareas permitirá o pago telemático de taxas e impostos a partir de xuño

O Concello de Ponteareas prosegue co seu proceso de modernización electrónica para facer os servizos máis accesíbeis e doados de empregar pola veciñanza. No marco desas políticas, o Concello, a través da EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, estratexia municipal financiada pola Unión Europea a través de fondos FEDER, adxudicou a finais do pasado ano o contrato para a creación da súa oficina virtual tributaria ou do contribuínte, que comezará a funcionar no mes de xuño deste ano.

Os traballos contratados van dirixidos a habilitar os medios técnicos necesarios que permitirán á cidadanía relacionarse con maior comodidade e axilidade coa administración municipal en materia tributaria. O Goberno local do BNG-PSOE salienta que entre as novas vantaxes que ofrecerá esta oficina virtual do contribuínte atópase o sistema de pasarela de pago virtual dos tributos municipais, que reducirá os tempos, desprazamentos e comparecencias nas dependencias municipais. Actualmente, o pagamento de numerosos impostos, taxas ou prezos públicos municipais obrigan ás persoas contribuíntes a acudir de forma presencial á Casa do Concello e a entidades financeiras para facer os seus pagos.

A creación desta oficina virtual tributaria supón un investimento de máis de 56.000 euros aos que se suman 26.000 euros máis de soporte e mantemento da oficina durante catro anos.

A empresa adxudicataria celebrará unha xornada aberta á veciñanza para explicar a utilidade da oficina virtual tributaria e dar resposta ás consultas que se formulen respecto ao seu funcionamento. Ademais, realizaranse unhas xornadas de formación para o persoal municipal.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “nestes oito anos vimos implementando melloras na atención cidadá para facilitar a relación da veciñanza co Concello, entre elas os sistemas de cita previa electrónica para o padrón de habitantes ou para a expedición do DNI, ou os 37 puntos de acceso á administración electrónica creados nas casas culturais das parroquias e edificios municipais, aos que agora se suma a oficina virtual tributaria que supón un enorme avance e moitas vantaxes para a cidadanía”.

O conselleiro de Sanidade lembra a importancia de doar sangue

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegouse para visitar a unidade móbil que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), tivo desprazada estes días xunto ao edificio administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro. No acto estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa lópez García.

O titular da carteira de Sanidade salienta a importancia de participar de xeito activo nas campañas de doazón de sangue, pois Galicia necesita entre 400 e 500 doazóns diarias para  cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais galegos, e así poder desenvolver con normalidade o seu gran labor asistencial. Recorrendo, por iso, ao altruísmo e xenerosidade da cidadanía galega.

Doar e moi sinxelo

Poden doar sangue todas as persoas entre 18 e 65 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non teñan padecido ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue. Podendo realizar a doazón nos locais permanentes que hai nas sete grandes cidades galegas ou nunha das dez unidades móbiles que se achegan, durante a semana, a preto de cincuenta concellos de Galicia.

Así mesmo, a Axencia de de Doazón de Órganos e Sangue lembra que está a disposición de toda a cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, [email protected]; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como forma de comunicarse con ADOS e resolver dúbidas relacionadas coa doazón.

O Concello de Mos acomete melloras no Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro responsable de Servizos do Concello, Baldomero Lorenzo, supervisaron esta semana xunto con membros da Entidade de Conservación do Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña: o seu secretario e presidente de AEMOS, Manuel Castro, e o xerente da Asociación de Empresarios de Mos, Francisco Domínguez, os traballos de mellora das zonas comúns do polígono, que se están a acometer por parte da administración local mosense.

Os labores de conservación e optimización, que se asumen a través de medios propios municipais, comezaron o pasado venres 3 de febreiro e concluirán durante os vindeiros días.

Os devanditos traballos consisten no desbroce de zonas verdes comúns, renovación de mobiliario urbano e optimización da iluminación pública.

O desbroce é acometido por 6 operarios municipais do Concello de Mos que realizan os labores empregando sistemas manuais e de uso de maquinaria especializada. Para elo disponse de 2 tractores con desbrozadora e pala. Ademais do desbroce das zonas verdes comúns do polígono, tamén se talaron árbores que podían supoñer un perigo en caso de derrubamento.

A renovación de mobiliario urbano centrouse fundamentalmente na reposición de papeleiras. E a optimización da iluminación pública implicou a mellora da luminosidade e a eficiencia enerxética instalando 15 luminarias led nos báculos de 15 farolas do Parque Empresarial. A maiores, instalarante tamén próximamente 2 farolas novas xa con sistema led.

A este respecto Arévalo, rexedora local mosense, declarou que “o Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, en funcionamento desde 2012 e case ao 100% de ocupación, é un polígono clave para o sur de Pontevedra, polo que desde o Concello apoiamos o seu óptimo mantemento e conservación e quedemos destacar e poñer sempre en valor que os empresarios e as súas empresas en xeral, e os asentados en Veigadaña en particular, son o motor da economía mosense, por iso lles tendemos a man no que nos solicitan e defendemos os seus intereses, como principal actor xerador de emprego e postos de traballo que son”.

A Guarda renovará o alumeado exterior do Campo de fútbol da Sangriña

0

A Deputación de Pontevedra procederá á retirada das 22 luminarias que existen actualmente no Campo de fútbol da Sangriña e instalará luminarias de tecnoloxía LED, o que permitirá un aforro enerxético e económico significativo reducindo a pegada de carbono, nun proxecto que contempla tamén a mellora  dos cadros de mando.

O proxecto que se prevé desenvolver no campo de fútbol da Sangriña nas próximas semanas, reducirá a potencia instalada e o consumo asociado, mellorando a calidade da iluminación e a eficiencia das instalacións. Para garantir a uniformidade e eliminar zonas mal iluminadas se fixo unha fotometría no campo de fútbol e os resultados lumínicos aportados polo mesmo establecen que o proxecto mellorará todos os parámetros analizados. Se mellora na iluminación media que actualmente é de 66,19Em e se pasará a 100Em, na iluminación mínima que é 19,80 se pasará a 51, na iluminación máxima, no que o resultado actual é de 134,8 se pasará a 164 e en relación coa uniformidade de 0,30U0, se pasará a 0,51U0.

Finalmente este cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED permitirá a cualificación enerxética tipo A para o campo de fútbol da Sangriña.

Este proxecto de substitución das luminarias do campo de fútbol da Sangriña é unha das  medidas chave establecidas no PACES, plan aprobado polo Concello da Guarda en novembro de 2020 e no que o concello se compromete a cumprir con determinados obxectivos en materia de clima e enerxía.

O Centro de Día eleva a 14 os edificios municipais reformados en catro anos para un mellor illamento térmico

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, asistiu onte ao acto de recepción das obras de eficiencia enerxética executadas e rematadas no Centro de Día da vila. As actuacións supuxeron un investimento de máis de 47.000 euros, cofinanciados ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e nun 20 % con fondos propios. As obras consistiron no illamento exterior do edificio e do falso teito, a limpeza e reparación da fachada, a substitución da carpintaría exterior e a renovación da pintura interior.

Con esta actuación elévanse a 14 os edificios municipais nos que o goberno municipal do BNG-PSOE realizou este tipo de reformas nos últimos catro anos, cun investimento global superior a 1,5 millóns de euros. Trátase do Conservatorio de Música, a Biblioteca e Museo, a Casa do Concello, a Escola Infantil, o Centro Ocupacional de Canedo, a Casa Cultural de Couso, a Axencia de Lectura de Guillade e cinco vivendas para emerxencia social nas antigas vivendas dos mestres. Ademais, o Concello ten xa previsto executar as mesmas accións en catro edificios máis por un importe superior aos 3 millóns de euros. Será nos edificios da Policía Local e Bombeiros, na Piscina Municipal e na Residencia de Maiores.

As obras en todos estes equipamentos supoñen unha mellora extraordinaria do seu illamento térmico e unha redución do consumo de enerxía non renovábel. Deste xeito, as persoas traballadoras e usuarias destes edificios gozan de maior confort, as edificacións melloran a súa conservación e Ponteareas contribúe de maneira destacada á loita contra a emerxencia climática reducindo emisións de CO2.

A alcaldesa Cristina Fernández salientou que “somos un concello cunha política de redución de CO2 das máis potentes e con maior variedade de actuacións, que van dende estas obras en edificios públicos, a creación da rede de calor por biomasa para substituír caldeiras de gasóleo, a substitución de todo o alumeado público con lámpadas led e as obras de eficiencia enerxética nas depuradoras de Padróns, Prado e A Freixa, até a enorme redución do tráfico de vehículos no centro urbano ou a plantación de milleiros de árbores na vila e nos parques forestais, ao que se une a posta en marcha da Área de Rehabilitación Integral (ARI) na zona vella de Ponteareas, cuxas axudas van dirixidas tamén á mellora da eficiencia enerxética”.

A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, salientou a capacidade do Concello para captar e lograr nestes anos millóns de euros da Unión Europea para todas estas actuacións, nas que o concello só tivo que achegar aproximadamente o 20 %.

Redondela subvenciona por primeira vez ás comunidades de traídas de auga

0

O Concello de Redondela amosa a súa satisfacción pola aprobación das subvencións de 30.000 euros para as Comunidades de Auga das parroquias do municipio. “Sabemos que esta primeira convocatoria pode quedar corta e, lóxicamente, iremos mellorandoa en colaboración coas Comunidades de auga. Este era un compromiso do goberno socialista dende que se fixo o primeiro borrador dos orzamentos onde xa se contemplaba esta iniciativa”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

O luns 6 de febreiro a alcaldesa  de Redondela, Digna Rivas, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, reunironse cos representantes das Comunidades de Auga rexistradas para comunicar as bases desta convocatoria e consultar as súas inquedanzas para recibir suxerencias constructivas que poida mellorar a iniciativa de cara ó futuro. “Estamos abertos para facer melloras nos matices que vexan pertinentes. Sempre tomamos en conta a opinión das Comunidades de Auga e as posibilidades técnicas foron moi estudadas, contando con varios borradores para adaptar a proposta as necesidades reais das parroquias. Para este goberno as Comunidades de auga son moi importantes porque dan un servicio vital para o bo funcionamento do municipio e sempre foron unha prioridade”, engade Rivas.

O obxectivo é mellorar as instalacións e ofrecer oportunidades para claquera obra ou actuación que precisen as Comunidades de traídas de auga. A convocatoria está aberta ata o 28 de febreiro na sede electrónica do Concello e para acceder á subvención hai que cumplir certos requisitos técnicos. Valoraranse o número de billas, o protocolo sanitario vixente, o uso do galego na súa comunicación e a presenza da muller na xunta directiva.

O Concello porá a disposición un administrativo da Concellería de Medio Ambiente para que, en horario de atención ao público de 9:00 horas a 14:00 horas para que as Comunidades de Augas poidan aclarar dúbidas para as solicitudes.

A rexidora local quere lembrar que “este goberno puxo a disposición un protocolo de actuación de amerxencias para as Comunidades de Auga ante a sequía xeralizada que azotou este ano  a comunidade autónoma. Se unha Comunidade de traída de auga solicita a activación deste protocolo pioneiro o Concello ten preparado un plan para garantir o abastecemento de auga en casos de necesidade. En colaboración con Aqualia”.

6 deportistas mosenses xóganse grandes títulos esta fin de semana

0

Fin de semana decisiva para o deporte mosense de alto nivel. Deportistas de diferentes clubes deportivos de Mos e disciplinas deportivas moi diversas disputan entre hoxe e o vindeiro domingo probas de alta competición que serán decisivas para as súas carreiras deportivas e para a historia do deporte mosense.

En hípica Yara Iglesias enfrontarase mañá sábado, 11 de febreiro, a unha importante competición internacional xunto co seu cabalo Apolo. Trátase do II Raid Hípico de Brión, no que participará na proba de 100 quilómetros, só en categoría individual. Se logra clasificarse en Brión, acoderá no mes de abril en Pol (Lugo), ao Campionato Internacional e de España de Raid en 120 quilómetros; onde correrá nas categorías individual e por equipos.

Por outra banda esta é unha fin de semana decisiva tamén para o Club Natación Mos, con dous dos seus nadadores, Carolina Pereiro e Juan Ferrón, en sendas competicións de primeirísimo nivel tanto de índole nacional como internacional. A nadadora Infantil, Carolina Pereiro, recentemente seleccionada pola Selección Galega de Natación, xa se atopa coa devandita Selección Galega da Federación Galega de Natación para disputar o Campionato de España por Federacións Territoriais que ten lugar desde hoxe día 10 ao 12 de febreiro en Torrevieja (Alacante). Onte adestrouse coa selección en La Roda (Albacete) para ultimar os últimos detalles antes do campionato. Carolina nadará as probas de 100 e 200 metros Braza.

E o gran Juan Ferrón nadará esta fin de semana na Piscina Nova de L’Escullera (Barcelona) o 8° Trofeu Internacional de Natació Adaptada que será ademais a 1ª Xornada da Liga Axa de Natación Adaptada. Ferrón nadará as probas de 50 Bolboreta e 100 Bolboreta e o 400 metros Libre. Xa recuperado dunha lesión sufrida hai semanas, probará o seu estado de forma para continuar coa preparación do Campionato do Mundo que terá lugar en Manchester (Reino Unido).

Por último os arqueiros do mosense Club Tiro Con Arco Archers Team, a familia formada polo matrimonio de Verónica Presa e Luis Argüelles, xunto co seu fillo, Xes Argüelles, participan esta fin de semana en Valladolid o Campionato de España de Tiro con Arco en Sala. Competición no que participan un total de 614 deportistas de todas as Comunidades Autónomas.

A competición comeza hoxe venres e prolóngase tamén durante mañá sábado e o vindeiro domingo. Verónica Presa Boullosa competirá en Arco composto feminino senior, Luis Argüelles Pérez en Arco composto masculino senior e Xes Argüelles Presa en Arco composto masculino cadete e senior. O Concello de Mos en xeral e a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, en particular, deséxanlles a todos eles a maior das sortes e os mellores resultados, e destaca sobre todos eles que “son o orgullo deportivo de Mos, porque en Mos xogamos cos mellores!”, declarou Arévalo, rexedora local mosense.

CHMS e Salvaterra instalarán o saneamento en Arentei e Porto co río Caselas

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño, rubricaron hoxe o Protocolo de colaboración a través do que se adquire o compromiso para o financiamento e execución do “Proxecto de conexión do saneamento de varias parroquias de Salvaterra de Miño ao colector-interceptor xeneral do río Caselas”.

Na actualidade as parroquias de Arantei e Porto, no municipio de Salvaterra de Miño (Pontevedra), carecen dunha rede municipal de saneamento de augas residuais, xerándose verteduras incontroladas á rede fluvial da zona, de pequena entidade pero que constitúen unha fonte de contaminación do medio natural.

Para solucionalo exponse distintas actuacións que consistirían na execución dunha rede de colectores para as tres parroquias así como as infraestruturas de bombeo e regulación que puidesen ser necesarias.

As obras previstas mellorarían o servizo a unha poboación duns 600 habitantes equivalentes.

Tui aposta polo amor coa campaña “Namórate de Tui”

0

O Concello de Tui lanzou a campaña “Namórate de Tui” para celebrar o Día de San Valentín, que será o próximo martes 14 de febreiro. Con esta iniciativa busca fomentar as compras no comercio local, así como o consumo nos restaurantes do municipio, aproveitando a próxima celebración desta data sinalada.

Un ano máis con este motivo instaláronse elementos decorativos a modo de photocall na Praza da Inmaculada e na Praza de San Fernando, así como un corazón iluminado na glorieta de Vigo. Estarán até o domingo día 19. Lánzase un concurso no que se premiará a fotografía con máis “me gusta”, cunha cea romántica e unha noite na casa rural Rectoral de Areas para dúas persoas.

As fotografías deberán ser realizadas nalgún dos photocalls colocados na cidade e deberán subirse a Facebook e/ou Instagram baixo o cancelo #amorporTui e nomeando a conta do Concello de Tui na respectiva rede social. As instantáneas poden ser publicadas ata as 12.00 h do luns 20 de febreiro.

Logo do éxito acadado polas últimas campañas de promoción do comercio local, a concelleira de Comercio Ana Mª Núñez explica que “este ano o Concello apostou por impulsar unha nova campaña na rúa, nas redes sociais e nos medios de comunicación como chamamento da acción comercial, reivindicando así a importancia de comprar no noso comercio local, este 14 de febreiro e todos os días do ano”. Destaca que “é unha iniciativa coa que volvemos a amosar o apoio deste goberno na promoción do comercio local”

A campaña impulsada pola Concellería de Comercio e Mercados, contou coa colaboración do alumnado do obradoiro de carpintería e de persoal municipal para a elaboración dos elementos decorativos.

Paralelamente, está en marcha unha campaña de promoción do comercio e da hostalería local a través dos medios de comunicación e das redes sociais de @QueroTui. Amais con motivo de San Valentín haberá sorteos de produtos doados por establecementos locais até o próximo domingo 19 de febreiro.

Esta iniciativa inscríbese dentro da campaña #ElixeTui, iniciada hai uns meses polo Concello de Tui, e a comunidade comercial @QueroTui, co obxectivo de crear unha marca comercial e poñer en valor o comercio e a hostalería local.

A cartelería correspondente a estas campañas está a disposición dos establecementos na Oficina Municipal de Turismo no paseo da Corredoira.

Baiona abre o prazo de solicitude de subvencións para actividades deportivas

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, convoca unha liña de subvencións destinadas a fomentar e difundir aquelas actividades deportivas organizadas  polas asociacións sen ánimo de lucro no ámbito territorial do Concello de Baiona durante o ano 2022.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca a importancia destas axudas ao deporte local, debido a que “Estas axudas económicas teñen a finalidade de sufragar parte dos gastos ocasionados pola realización de proxectos ou actividades deportivas,  que contribúen ao fomento da práctica deportiva entre a veciñanza do municipio. Continuamos traballando desde o Concello de Baiona en fomentar o deporte de base e desta maneira referendamos estas axudas, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

As solicitudes deberán presentarse únicamente pola Sede Electrónica do Concello de Baiona (https://baiona.sedelectronica.gal/info.0) ata o 27 de febreiro de 2023 . Toda a documentación e anexos necesarios atópanse no taboleiro de anuncios da web municipal. As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados dispoñibles na páxina web do Concello de Baiona: https://www.baiona.gal/avisos-importantes/o-concello-de-baiona-convoca-unha-lina-de-subvencions-destinadas-a-fomentar-e-difundir-aquelas-actividades-deportivas-organizadas-polas-asociacions-sen-animo-de-lucro/.

Redondela comeza as actividades polo Día da Muller na Ciencia

0

O Concello de Redondela colaborou co IES Mendiño na edición dun libro coordinado pola profesora Almudena Suárez Cerviño e desenvolvido polo alumnado do centro.

A alcaldesa Digna Rivas quere destacar que “este ano decidimos apostar e poñer aínda máis en valor a celebración do Día da Muller na Ciencia. Tódolos anos facemos un acto, pero este decidimos ampliar a programación máis alá, con actividades durante o mes de febreiro nas que se terá en conta o valor das mulleres emprendedoras. Trátase de ir mellorando e superándonos cada ano”.

A presentación do libro tivo lugar nun acto celebrado no IES Mendiño no que participou tamén a alcaldesa, Digna Rivas, quen gabou o traballo realizado polo alumnado baixo a dirección de Almudena Suárez Cerviño e editado polo Concello que deu lugar a “un dos libros máis importantes do municipio, por como nace como resultado dun traballo conxunto e tamén polo seu contido, xa que serve para denunciar esa invisibilización da muller en todos os ámbitos e tamén nos prestixiosos premios Nobel”. Ademais, Mónica Sueiro traslado a realidade do libro na súa representación performática ‘Subterránea’ facendo un símil á invisibilidade das mulleres. “Escollimos a Mónica Sueiro porque o seu traballo encaixa, vai na mesma liña e corresponde coa reinvindicación que queren expresar no libro”, explicaba Rivas.

O texto é un traballo laborioso dos alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Mendiño e coordinado pola profesora Almudena Suárez. Este denuncia a inxustiza que supón que tan só o 6 % dos Nobel entregados ao longo da súa historia foran entregados a mulleres. O nome fai referencia ao total de 58 mulleres fronte aos 885 premios outorgados ata a data. No libro podemos atopar a posta en valor dos traballos destas mulleres en campos tan diversos como a literatura, a paz, a medicina, a física ou a química.

“Este goberno aposta pola igualdade en tódolos ámbitos e é para nós moi importante poder traballar cos institutos. A intención e traballar de forma transversal dende as distintas concellerías, sempre enfocado dende unha ollada inclusiva e igualitaria. Queremos agradecer a Almudena Suárez Cerviño e a todo o alumnado do IES Mendiño  que tanto esforzo puxo para facer este libro posible”, explicaba Rivas. Para o Concello a participación do alumnado foi fundamental, xa que foron os rapaces e rapazas matriculadas e matriculados en Relixión de 4º da ESO e os de 1º de Bacharelato os encargados de traballar nas biografías que se recollen no libro. Pola súa banda, o alumnado de 3º ESO elaborou os retratos que ilustran o libro.

Para poñer sobre a mesa a desigualdade e levar o debate á educación, Almudena Suárez Cerviño decide crear esta publicación que ten unha tripla finalidade “didáctica, para coñecer a vida destas gañadoras; referencial, para servir de espello no que mirarse as nosas alumnas e de denuncia, para poñer de manifesto a desigualdade que existe na nosa sociedade e o longo camiño que queda por percorrer ata acadarmos a tan desexada igualdade”, tal e como podemos ler no prólogo do mesmo. A alcaldesa engadía ao respecto que, “en canto un traballo deste calibre se presenta ante nós non dubidamos en colaborar e poñer todo o que está na nosas mans para facelo realidade”.

Como xa dixemos ao comezo, a presentación do libro é o pistoletazo de saída ás actividades do mes de febreiro enfocadas á Muller na Ciencia. A Concellería de Igualdade presenta, no seu compomiso de impulsar ás empresas locais, actividades a cargo de ‘Héroes por la ciencia’. Formada por dúas emprendedoras redondelás, esta empresa dedícase a achegar a todos e todas á ciencia en todos os seus campos de forma dinámica, orixinal e divertida. ‘Héroes por la ciencia’ traerá a Redondela unha escape room con temática de igualdade de xénero e mulleres pioneras na ciencia que estará dispoñible en diferentes datas ao longo de febreiro.

“Ademais do traballo que facemos todo o ano cos institutos, é importante seguir traballando pola igualdade e queremos superarnos cada ano na nosa labor de recoñecemento e divulgación das Mulleres na Ciencia”, conclúe Rivas.

Concello e UD Ribera perfilan as necesidades do campo de fútbol da Mata

0

O Concello do Rosal continúa apostando pola renovación de infraestruturas contando coa participación veciñal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou o campo de fútbol municipal da Mata xunto ao concelleiro de Deportes, Germán Fernández; a un equipo técnico e a responsables e coordinadores da UD Ribera para revisar as posibles necesidades técnicas detectadas polo club para incorporalas á redacción do proxecto de renovación das instalacións. “É un proxecto que queremos sacar adiante en breve e queremos facelo tendo en conta as necesidades que os propios usuarios e usuarias encontran para solucionar así posibles problemáticas”, explica a rexedora.

Ademais do cambio de céspede contemplado no proxecto, durante o encontro perfiláronse novos aspectos a incorporar, como a renovación dos banquiños, a modernización do sistema de aspersión, a mellora dunha valla e do son ou a colocación dun peche na zona de tribuna, entre outros elementos. “Xa estamos a traballar na redacción do proxecto que permita incluír nos pregos de licitación todas estas necesidades detectadas, implementando ademais unha calidade do céspede artificial elevada”, salienta Fernández Callís.

Para a redacción do proxecto o Concello conta cun equipo técnico especializado que coñecerá experiencias que se están a levar a cabo noutras instalacións, visitando campos de fútbol renovados recentemente e nos que xa se contrastou un bo funcionamento.

Alcaldesa, equipo técnico e directiva da UD Ribera aproveitaron a visita para avaliar a evolución das obras dos vestiarios que se están a realizar nestas instalacións e que se atopan xa en fase final.