11.3 C
Pontevedra
Mércores, 22 de Marzo de 2023
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA ampliación do Centro de Saúde do Porriño rematará este 2023

    A ampliación do Centro de Saúde do Porriño rematará este 2023

    O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asistiu á visita programada pola Consellería de Sanidade ás obras de ampliación do centro de saúde da vila, encabezada polo titular da mesma, Julio García Comesaña e o conselleiro do Medio Rural, José González.

    Lorenzo amosouse moi satisfeito do avance dos traballos cuantificados en máis do 30% de execución. “Estamos ante un feito importantísimo para o noso Concello, porque era algo moi necesario e moi demandado”, subliñou. “Que unha terceira parte da obra xa estea executada significa que vai a bo ritmo e dentro de moi pouco, neste mesmo 2023, xa será unha realidade e todos poidamos facer uso destas novas instalacións, cunha reorganización dos espazos, novo equipamento e por suposto reforzo de persoal”, explicaba Lorenzo sen esquecer a importante inversión realizada, máis de 4,3 millóns de euros.

    Comesaña destacou na súa intervención, na que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, Javier Puente, así como o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que este proxecto incide, cunha superficie de ampliación de máis de 1.100 metros cadrados, “na reorganización dos usos e da súa distribución entre o edificio existente e o novo”. Neste sentido indicou que “unha vez que se remate esta parte nova, pasarase a unha segunda fase, que será a reforma da existente”.

    O titular da carteira sanitaria do executivo galego explicou que a ampliación “dará lugar a un novo volume de tres andares que acollerá o punto de atención continuada, ademais da nova área de fisioterapia e gran parte dos servizos internos do conxunto”.

    Segundo detallou Comesaña, a obra leva ao centro a experimentar un incremento, na área de adultos, de dúas consultas de medicina xeral, unha de enfermería, unha de matrona, unha polivalente, e unha sala de técnicas. Na área pediátrica, o incremento é dunha consulta de pediatría, unha de enfermería especialista e doutra polivalente. Polo que atinxe á zona de PAC, o incremento é dunha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.

    En total o centro contaría cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de  Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, despacho traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, 1 despacho en admisión. E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.

    O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a Xunta reforzou este centro de saúde este ano incorporando un novo médico con praza fixa, un dietista-nutricionista e un equipo de soporte de atención a domicilio, que realiza o seu labor na contorna do centro.

    No apartado de equipamento, o goberno galego dotou a este centro, no ano 2020, de dous desfibriladores, dous espirómetros, dous hólters de presión arterial e un retinógrafo.

    Tamén destacou Comesaña que o equipo do centro de saúde do Porriño aprobou xa o seu primeiro plan local de saúde, o que permitirá mellorar a asistencia, e sinalou que o seu persoal administrativo resolve, no mesmo día, o 99% das chamadas, devolvendo as non atendidas en primeira instancia nun tempo medio de 38 minutos. No que respecta á demora, o conselleiro dixo que “o 75% dos médicos do centro teñen cita dispoñible en menos de catro días”.

    Uso da madeira

    A presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, na visita debeuse ao emprego da madeira neste proxecto. Así, destacou que, neste centro de saúde, “vaise incorporar a madeira -e máis concretamente o piñeiro galego- como elemento estrutural na súa fachada”. O piñeiro galego utilizarase ademais en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio. A madeira e os seus derivados tamén estarán presentes nalgúns dos paramentos, pavimentos, mobiliario fixo e carpintaría exterior.

    Esta iniciativa, “forma parte dun acordo ao que chegamos as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para fomentar o emprego da madeira galega nestas instalacións”, remarcou González.

    COLABORACIÓNS

    Miguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular.

    Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos.

    “Nigeria 70”, una trilogía para escuchar

    El Sello inglés Strut nace a finales de los 90. En el año 2008 es adquirido por el Sello !K7 Music, con sede en Berlín, Londres y Nueva York. Strut tiene como misión desenterrar las joyas perdidas del pasado de la música de baile.

    Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Realidade e ficción conflúen na última proposta narrativa de Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá», na que presenta o que poderiamos considerar unha dupla biografía novelada.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    81 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    41 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    6 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS