Mércores, 16 Xullo de 2025

Comezan as obras no centro cultural Alba do Porriño

O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.

Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de imperbealización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.

“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a sustitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e sellado das ventás, reposición das baixantes e a construcción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.

Ampliación e mellora do parque infantil

“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo, “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.

Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación doo parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 m2 e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 m de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.

As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.

Adolescentes da Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizan ‘Morte e o meu avó’

0

A canteira da Escola Municipal de Teatro de Tomiño salta á gran pantalla. Un actor e varias actrices que desenvolven as súas dotes interpretativas durante todo o ano no Teatro Migallas protagonizan agora ‘Morte e o meu avó’, a última obra do director e guionista Gon Caride. O auditorio municipal de Goián acolle este domingo 5 de marzo a pre-estrea deste filme, do que o público poderá desfrutar de balde en calquera dos dous pases programados, ás 18.00 e ás 19.30 horas.

Ada Oliveira, no papel de Morte, e Xurxo Rodríguez, no de Nido, protagonizan esta curtametraxe que camiña entre a ficción, o documental e o found footage para facer que as persoas espectadoras fagan unha reinterpretación da figura da morte. Dende a inxenuidade dunha persoa adulta que xamais perdeu a un ser querido, o filme confronta ao público cunha reflexión sobre a ausencia, o engano da memoria e a fantasía da nenez. Todo a través dunha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra enfrontarnos.

Na curtametraxe rodada en Tomiño e no Rosal tamén participan as goianesas Andrea Álvarez e Tania Álvarez, que dan vida a dúas nenas xemelgas dentro do filme. Todas e todos eles forman parte da Escola Municipal de Teatro, dirixida por Tamara Campos e financiada e apoiada pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño.

Completan o elenco Bienvenido Baquero, que da vida ao avó, e Javier Caride, que interpreta a Nisio.

O director e guionista Gon Caride ten unha dilatada carreira ás súas costas, xa que traballou tamén como montador, director de fotografía, produtor e analista de guión nos Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Francia e España. As súas dúas primeiras curtametraxes foron seleccionadas en máis de 100 festivais de cine de 30 países, acadando numerosos recoñecementos e premios á mellor dirección, curtametraxe ou guión dentro e fóra das nosas fronteiras. Na actualidade traballa na súa primeira longametraxe xunto coa produtora Gaitafilmes e na postprodución da súa vindeira curta, ‘Un novo día’, o proxecto mellor valorado nas Axudas a Talento da Xunta de Galicia 2022.

Baiona reforzará a seguridade durante a Arribada

0

O Concello de Baiona acolleu a Xunta Local de Seguridade con motivo da XXVII Festa da Arribada. A reunión foi presidida por Mabel Alonso de Liñaje Calzada, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno na Provincia de Pontevedra, e polo alcalde, Carlos Gómez Prado. Responsables e mandos da Policía Local de Baiona e Nigrán, d  Garda Civil do Posto Prinicpal de Baiona e da Comandancia de Pontevedra revisaron o plan de seguridade que se poñerá en marcha para garantir a seguridade dos miles de visitantes que acudirán a festa durante os tres días de celebracións.

Durante o encontro concretaron as accións para seguir polos efectivos da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Grupo de Emerxencia Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias que participarán do 3 ao 5 de marzo no dispositivo despregado con motivo Festa da Arribada para garantir a seguridade en Baiona. Analizáronse   e previñéronse distintos escenarios e consecuencias que poden derivar da organización dunha festa de Interese Turístico Internacional da magnitude da Arribada, referente en Galicia e o territorio Nacional. As Forzas de Seguridade teñen boas expectativas, tras o exitoso operativo levado a cabo na Arribada anterior.

Nesta edición 2023, o Concello de Baiona aposta polo uso do transporte público, ofrecendo un servizo de lanzadeiras gratuítas tanto a Porto do Molle como directamente a Vigo co fin de fomentar o uso deste tipo de transporte.

Así, a Policía Local de Baiona terá apoio de axentes da Policía Local doutras Xefaturas, ademáis da Garda Civil que desprazará un gran número de efectivos e encargarase, entre outras tarefas, de controlar os accesos ao Val Miñor para que non se rexistre ningún incidente. Movilizaránse entorno a 120 efectivos de ambos corpos de seguridade. O Concello de Baiona habilitará un ano máis un aparcamento de 10.000 prazas totalmente gratuíto no parque de Porto do Molle (Nigrán), desde onde partirán lanzadeiras (tamén gratuítas) cada media hora. Ademais, haberá barcos que conectarán co porto de Baiona que o Vigo, Cangas, Moaña e Panxón.

Ademais os distintos membros das forzas e corpos de seguridade servirán de apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. Respecto a isto, revisouse o plan de autoprotección elaborado polo Concello no que se establecen os medios municipais para garantir a seguridade durante o desenvolvemento dos tres días festivos .

En canto ao posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) estará situado no porto pesqueiro e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas a utilización de drons cos que Axega controlará o tráfico de vehículos e de persoas. Tamén haberá un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise.

O protocolo de seguridade contempla varias liñas de actuación: entre elas as deseñadas especialmente para casos de emerxencia que se poderán levar a cabo tanto por mar, como por aire e terra. As actuacións tamén se centran en garantir a seguridade de toda a cidadanía con accións preventivas.

Para ultimar os preparativos ao longo deste mes, realizáronse distintas reunións técnicas cos operativos de AXEGA, Protección Cilvil, GES Val Miñor, Incendios da Xunta, Servizos Facultativos de Emerxencia, Garda Civil e Policias Locais do Val Miñor.

Segundo explicou o rexedor, o dispositivo consiste nun “plan de autoprotección”,no que se incorporou “a experiencia de anos anteriores”. “Ano a ano melloramos en afluencia e en seguridade para que non haxa problemas e, se os hai, sáibase actuar. O primeiro requisito para que a festa siga crecendo é a seguridade para iso haberá un reforzo de medios de seguridade  por terra, mar e aire durante a celebración da Arribada do 3 ao 5 de Marzo “, concluíu.

Goméz Prado, tamén indicou que “novamente volvemos apostar por mellorar o servizo do transporte público durante a fin de semana de celebración da festa da Arribada, ofrecendo distintas alternativas. O noso compromiso coa mobilidade sostible e o impulso do transporte público é firme”.

A Concellería de Persoas Maiores de Redondela pon en marcha as ‘Visitas Culturais’

0

A Concellería de Persoas Maiores do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar a posta en marcha do programa ‘Visitas Culturais’ coa intención de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos, a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico ou patrimonial.

As rutas, que terán periodicidade mensual, están abertas á participación de todas as veciñas e veciños maiores de 55 anos do termo municipal de Redondela. O prezo da actividade, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “variará dependendo de factores como pode, por exemplo, ser as actividades ou o menú. Se ben serán accesibles a todos os petos e con precio reducido”.

A primeira das saídas previstas será durante a primeira quincena de marzo a Costa da Morte, unha visita que permitirá coñecer lugares como Fisterra ou a Fervenza do Ézaro.

Para poder participar nesta actividade, as e os interesados deberán inscribirse no Concello de Redondela cubrindo un formulario, ademais segundo o nivel de participación o Concello “está aberto a ampliar datas”. As seguintes vistas serán en abril á Ribeira Sacra e en maio á O Grove. O prazo e inscrición para ditas excursións abrirase no seu mes correspondente.

Digna Rivas subliñou a importancia desta actividade “que contribúe a fomentar a interrelación entre as persoas participantes e, ao mesmo tempo, ábrelles a posibilidade de coñecer con máis detemento, outros lugares da nosa contorna”.

Ponteareas incentiva o uso do galego na actividade económica co Premio ‘Ponteareas, lingua e empresa’

O Concello convoca unha nova edición do premio ‘Ponteareas, lingua e empresa’, unha iniciativa que busca “promover o uso da lingua galega na actividade económica da vila, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector”, como explican o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.

Impulsado polas concellarías de Lingua e Promoción Económica, estes galardóns van destinados ás empresas, persoas autónomas, profesionais ou outro tipo de negocio, así como ás persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no concello ponteareán.

O xurado outorgará galardóns en tres categorías diferentes: traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas, uso continuado da lingua galega e incorporación recente ao uso da lingua galega. O premio consistirá nunha figura exclusiva creada polo escultor Silverio Rivas.

Como destaca a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego nas súas actividades, pero con estes premios queremos dar un primeiro paso para implicar a máis entidades. Queremos que o uso do galego non sexa un obstáculo, senón un aspecto positivo para a actividade económica da nosa vila”.

Calquera persoa, entidade ou empresa poderá achegar información sobre empresas, persoas autónomas, profesionais ou outro tipo de negocio, así como sobre persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica de Ponteareas que considere que poidan ser destinatarias destes premios. Para facelo deberá enviarse un correo electrónico a [email protected] cunha ficha de información que estará dispoñíbel na web municipal.

O prazo de presentación das candidaturas rematará o vindeiro 20 de marzo.

A PLISAN marca un fito clave coa mellora da conectividade viaria

A Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra-As Neves cumpriu un “fito clave” coa posta en marcha da mellora da súa conectividade viaria, logo da licitación, por parte da  Autoridade Portuaria de Vigo, principal entidade promotora da PLISAN, de un apartadero ferroviario que servirá para conectar esta bolsa de chan industrial, a máis grande de Galicia, co Porto de Vigo.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, visitou a Plataforma Loxística co seu homólogo das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuina.

A rexedora valora a construción do apartadero como  “unha noticia moi importante”, xa que  “fará posible que moitas empresas máis, que busquen mellorar a súa competitividade, fixen os seus ollos na Plisan e creen emprego na zona”.

Chega a O Rosal o documental ‘A auga que trouxeron’

0

A auga será unha das grandes protagonistas da axenda cultural rosaleira esta fin de semana. A Comunidade de Montes do Rosal programa, en colaboración co Concello, a proxección este venres 3 de marzo no auditorio municipal do documental ‘A auga que trouxeron’, un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia.

O proxecto, de Trespés Producións, afonda nestes sistemas que son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, xa que foron en moitos casos os propios veciños e veciñas as que as construíron, financiaron e xestionaron. Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial de Galicia, caracterizado pola alta dispersión poboacional, unha realidade que permanece aínda a día de hoxe. Este documental permitirá ao público ollar cara ao pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural ser servizos básicos garantidos; analizar o presente, cos seus retos e conflitos; e albiscar o camiño a percorrer para unha realidade do común que xestiona un ben tan importante e que debe facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.

A proxección contará con sesión dobre, unha dirixida á poboación máis cativa e outra ao público xeral. Así, ás 12.00 h o pase estará dirixido ao alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, mentres que ás 20.00 horas será aberto á veciñanza. A entrada será de balde ata completar aforo.

O Concello do Rosal mantén o seu firme compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio, coas que colabora cada ano axudándolles na mellorar das súas instalacións e no financiamento das análises de potabilidade obrigatorias. Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a proxección deste documental é “unha grande oportunidade para agradecer de novo aos veciños e veciñas a súa implicación, pois xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga”.

A Deputación presenta a programación do 8M

“I eu querendo que me escoites”, o verso da canción da cantante A Riso, foi hoxe a mellor introdución da programación que a Deputación de Pontevedra ten deseñado ao abeiro do #8M, “a máis potente e ambiciosa de Galicia e todo o Estado”, en palabras de  Carmela Silva. “Queremos que se escoite a nosa voz, ocupar o noso espazo e loitar polos nosos dereitos”, foi a firme declaración de intencións convertida en lema co que a presidenta provincial avanzou hoxe a longa lista de actividades do programa nun acto no Pazo Provincial, onde a música, a arte e a reivindicación das mulleres uníronse en alianza fronte “os vellos e novos ataques aos logros conseguidos polo feminismo”. Neste encontro participaron as creadoras Carmen Quinteiro, Puri Díaz e Ofelia Cardo, que van protagonizar as accións do vindeiro 8M nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, e actuaron a cantante A Riso, participante no programa Descúbreas, xunto á pianista Lidia Aldao nun ateigado salón de plenos, cheo de representantes de diversos colectivos de mulleres, como Amparo Zacarés, presidenta de Clásicas e Modernas, a profesora Mari Lires, ou a secretaria de Mulleres Salgadas, Sandra Amézaga.

O despregue este venres 3 de marzo das pancartas reivindicativas do 8M co lema deste 2023 no Pazo Provincial e na sede de Vigo marcará o arranque oficial da programación que, como destacou Carmela Silva, leva o hashtag #depoPORelas365 “porque a nosa reivindicación non se detén tralas datas sinaladas no calendario da visibilización da igualdade, senón que traballamos os 365 días do ano sen parar nin un minuto nin un segundo”. A presidenta provincial quixo deixar claro, agradecendo a presenza no acto das mulleres dos distintos colectivos cos que traballa a Deputación e o seu traballo en prol da igualdade, que “xunto a todas vós imos seguir berrando alto e claro, con orgullo e forza e non nos deteremos. Queremos formar parte da vosa voz e hoxe queremos dicir que nos escoiten. Nin un paso atrás a prol da loita contra os dereitos das mulleres”. “Temos claro –engadiu- que soamente seguiremos avanzando co traballo conxunto dun feminismo forte, unido e presente nas institucións. Non podemos permitir que se cuestionen os nosos dereitos, que se poña en cuestión a nosa axenda feminista.  E dígoo con claridade. Non a vexo no centro e hai que situala no centro. Por iso imos seguir creando alianzas, coa política, coa cultura, co movemento feminista, cos medios, coa creatividade”.  

Deste xeito, fronte a un 2022 “de contexto moi hostil para as mulleres”, a institución provincial ofrece unha programación con novas liñas de actuación e estratexias, sempre desde unha perspectiva feminista, “unindo esforzos que garantan esa loita conxunta polos nosos dereitos, porque unha administración que cre na igualdade ten que ser receptora das grandes ideas da igualdade”. “A defensa dos dereitos das mulleres está presente desde hai ducias, centos de anos na axenda que foi conformando o movemento feminista, ao que lle debemos todo. Nós desde esta Administración Pública, xunto con moitos colectivos, asociacións e institucións, o que facemos é sumarnos”.

Programación

A programación do 8M estrutúrase, deste xeito, nas Alianzas na Política, na Empresa-Economía, nos Medios de Comunicación, no Saber, Investigación e Universidade e na Creatividade, así como na aposta pola Coeducación e por visibilizar o legado da excelencia das mulleres. Trala lectura no último pleno do Manifesto redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer e a vindeira colocación das pancartas reivindicativas nas sedes provinciais, o mesmo 8 de marzo terán lugar os actos centrais en Pontevedra e Vigo.

No primeiro caso, a cita é ás 11 horas, no Pazo Provincial, coa intervención artística denominada Alguén aquí? que protagonizará a mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro, coas músicas Su Garrido e Sheila Patricia. A peza apelará, como avanzou Carmela Silva, “a estar alerta e reafirmar a urxencia de non baixar a garda en defensa dos dereitos das mulleres; vai ser un golpe duro para que a sociedade reflexione sobre a necesidade de tomar partido pola igualdade”. Para iso panelarase e decorarase a porta central do Pazo Provincial con cintas de baliza de perigo e a acción contará con ambientación sonora e visual. Quinteiro explicou que Alguén aquí? responde “ás alarmas que soan cada vez máis alto e non van calar” e fixo fincapé en que “o feminismo non é moda, é xustiza de vida e quen non queira asumilo é porque ten uns ollos cegos para entender de que vai a vida”.

En Vigo a acción será ás 17.00 horas e titúlase “2,2 quilómetros de alento”, a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja, que culminará coa apertura das exposicións na sede a cargo de Puri Díaz e Ofelia Cardo. Será unha performance que terá lugar entre o Xulgado de Violencia Sobre a Muller e a sede de Vigo, un tramo de 2,2 quilómetros a través do que as dúas mulleres, cargadas con bolsas da compra, irán deixando ao seu paso laídos de auxilio que se mesturarán ata perderse na paisaxe sonora urbana. As creadoras da peza explicaron por vídeo que a acción será na rúa “para darlle a oportunidade á xente de estar en contacto coa arte en espazos que non son habituais”.

A tarde rematará na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo onde se inaugurará a exposición “A muller da miña vida” de Puri Díaz, con imaxes que supoñen “un canto coral da memoria (e da miña memoria)”.  E na sala Maruja Mallo, abrirase a mostra de fotografía, escultura e instalación “Dar alento” de Ofelia Cardo con pezas centradas na intersección entre feminismo e ecoloxía, que “entrelazan a histórica opresión sobre a natureza e a que sofren as mulleres”.

No que atinxe ás Alianzas na Creatividade, no acto presentáronse as mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. As creadoras interviñeron por vídeo para amosar as súas propostas para estas mochilas, das que se distribuirán 4.500 unidades e que se repartirán nas distintas accións de Violencia Zero na provincia. Alba Casanova elaborou un deseño que reflexiona sobre as limitacións dos estereotipos de xénero, La Platanera quixo simbolizar o feminismo a través dunha regadeira que “sementa igualdade” e Heyjuddy, a través da cara dunha muller, conforma tamén a idea “da semente de vida e respecto”. Tamén no seo do citado programa, o día 7 de marzo terá lugar a acción no Auditorio do Grove a cargo de Xela Marx e Maya Marx  e o 9 de marzo a acción no CPI Arquitecto Palacios de Nigrán a cargo de Neves Seara e Elsa Pereira.

Tamén se sumarán alianzas no ámbito creativo a través do Manifesto de Soutomaior, coa entrega o 14 de marzo en Pontevedra dos premios “Cambiemos o conto”, que recoñecen as mellores redaccións centradas na Igualdade e na loita contra a violencia de xénero de alumnado de Secundaria da provincia. Así mesmo, lanzarase a convocatoria dos premios literarios “Hai unha voz” para incentivar, apoiar e recoñecer o papel das escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega. E o 21 de marzo presentarase o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” que recolle relatos inéditos das asinantes do Manifesto sobre feminismo acompañados de creacións de mulleres ilustradoras.

A Deputación lanzará tamén este mes a terceira edición dos premios #MulleresNoFoco e abrirá o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa Conectadas e no roteiro “Elas, produtoras executivas”. Amais, este  sábado, 4 de marzo, arranca o programa “Mulleres Extramuros”, no lugar de Vide, nas Neves, e o 24 de marzo será a quenda do proxecto “Oh, rosas vivas”, en colaboración con CIMA, que, a través do grupo de música antiga Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde, porá en valor a figura de compositoras dos séculos XVII e XVIII pioneiras na profesionalización da muller no eido musical.

No marco das Alianzas na Empresa-Economía, a sede de Vigo da Deputación acollerá a entrega dos Premios Mulleres Salgadas o día 20 de marzo, mentres que a colaboración cos Medios de Comunicación plasmarase no foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, que se celebrará en Pontevedra os días 17 e 18 de marzo.

Por outra banda, as Alianzas na Investigación e a Universidade impulsarán neste mes de marzo varias actividades da Escola de Igualdade María Vinyals: os sábados, a sede de Vigo acolle o programa “Canteira de Igualdade”, e os mércores, o ciclo de videoconferencias con potentes científicas “Ciencia en Feminino”, en colaboración con GCiencia. Amais, os días 29 e 30 de marzo o Castelo de Soutomaior acollerá o III Encontro Nacional de Políticas Públicas. Muller e Poder, dirixido por Rosa Cobo e no que participarán mulleres referentes do feminismo de todo o Estado.

Por outra banda, este venres o día 3 inaugurarase a exposición “Muller e Sustentabilidade do Mar” na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa), cunha charla a cargo de Mari Lires. E o día 22 de marzo presentarase o programa “Precursoras da sustentabilidade”, un proxecto que recuperará a memoria de 40 mulleres que contribuíron cos seus coñecementos á sostibilidade do planeta. Ademais a Deputación asinará convenios coa Universidade de Vigo para seguir impulsando a Cátedra de Feminismos 4.0, a feira-exposición científica “A ciencia que vén ten nome de muller” e unha nova edición de Inspira STEAM .

Por último, para incidir na Coeducación como clave para o cambio estrutural, o 20 de marzo entregaranse en Pontevedra os premios do concurso “Grazas, Xoguetes” e a Deputación seguirá visibilizando o talento e o legado da excelencia das mulleres con “365 Días, 365 Mulleres” e o proxecto “Aquí faltan páxinas”.

O delegado do Goberno en Galicia visita as obras da pasarela peonil en Amieirolongo

O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o rexedor local do Porriño, Alejandro Lorenzo, e demais membros das Corporacións Municipais mosense e porriñesa, visitaron esta mañá as obras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, antes Fomento, de construción dunha pasarela ponil para o Camiño portugués de Santiago na Autovía A-52, p.k. 306+000 (enlace O Porriño) no termo municipal de Mos.

Entre outros asistentes á visita, estivo tamén presente, José Couñago, representante dos veciños da parroquia de Louredo afectados polo cruce de O Tablado. Couñago espúxolle ao Delegado do Goberno en Galicia a necesidade dunha solución urxente para o mesmo. A obra nesta intersección supón un dos temas comprometidos por Fomento en Mos e pendentes de execución.

Pasarela peonil

A obra da pasarela peonil prevese que estea rematada a finais do vindeiro mes de abril. Sobre esta nova infraestrutura a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou o seu agradecemento ao Ministerio xa que “por fin é unha realidade a pasarela peonil de Amieirolongo, tras tantos anos de espera para esta histórica reclamación de Concello e veciñanza da zona. Xa que con esta construción de pasarela peonil para o Camiño de Santiago evítase que os peregrinos, así coma calquera outro viandante e/ou veciño, teñan que cruzar a estrada Nacional 550, eliminando o perigo que elo supoñía”.

Para a acometida destas obras foi necesaria a cesión de terreos por parte do Concello de Mos.

A obra consiste en traballos no nó de Amieirolongo, entre a A-52 e a Estrada Nacional 550, e nela realízase unha inversión Ministerio de Fomento: de 233.741,27 euros.

Temas pendentes

Na súa intervención Arévalo, rexedora local mosense, pediu ao delegado do Goberno, máxima axilidade nos asuntos pendentes en Mos por parte do Ministerio de Fomento, tales como o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo, en Sanguiñeda. A obra de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo. A gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9, xa que é a solución máis rápida e inmediata para evitar e reducir a siniestralidade, e que se desvíe o tráfico da A-55. E o mantemento en óptimo estado das condicións da A-55 coa reparación do firme con asfalto antiruido (fonoabsorbente) e absorbente permeable, a reposición de barreiras de protección oxidadas e aboiadas, e a limpeza viaria na propia autovía e nos carrís de servizo.

As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 acadan o 55 % da execución

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que as obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e  polígono de Areas acadan o 55 % de execución e estarán rematadas a finais do verán, grazas a un investimento da Xunta que se eleva aos 30 M€.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe nas inmediacións do polígono de Areas os avances na construción da autovía do Baixo Miño, onde subliñou o cumprimento da ruta trazada pola Xunta no desenvolvemento da autovía Tui-A Guarda, comezando polo treito máis estratéxico.

Incidiu na importancia funcional da conexión da autovía do Baixo Miño coa A-55 e o polígono de Areas, de 630 metros de lonxitude que conectará directamente, a través dunha vía de alta capacidade, unha das comarcas máis puxantes da provincia de Pontevedra e do sur de Galicia, coa autovía que une Vigo con Portugal.

A titular de Infraestruturas apuntou a contribución desta obra á dinamización do polígono de Areas, un parque empresarial que está completo, con 30 empresas en activo e máis de 7.500 postos de traballo; ademais da mellora notable na conexión da rede de estradas convencionais: a PO-552 e a N-551, coa autovía A-55.

A conselleira indicou que, grazas a un investimento da Xunta de 30 M€, en poucos meses estará en servizo o treito máis complexo e estratéxico da autovía do Baixo Miño, que unirá toda esta comarca e o seu polígono empresarial con Portugal a través dunha vía de altas prestacións libre de peaxe.

Avance das obras da autovía Tui-A Guarda

A titular de Infraestruturas incidiu en que a complexidade desta actuación queda reflectida no seu elevado orzamento, que se viu incrementado en case 10 M€ pola crise dos materiais e dos subministros. Explicou que este treito de autovía disporá de dúas calzadas separadas por sentido de circulación, que inclúe unha gran glorieta, de 80 metros de diámetro, elevada sobre a A-55 e un treito en viaduto cara ao semienlace co polígono de Areas.

Ademais, engadiu, constrúense 5 pasos superiores, dous pasos inferiores e diversos ramais, coa vontade de interferir o menos posible na circulación de vehículos.

Segundo abundou a conselleira, tendo en conta a alta densidade de tráfico da autovía internacional e as peculiaridades do terreo, estase a construír o treito máis difícil da autovía do Baixo Miño, emarcou.

Explicou que unha vez superados todos os atrancos iniciais, derivados das autorizacións ministeriais, a pandemia, a crise de materiais ou o paro do transporte, e grazas a un intenso ritmo de traballo, xa están executadas practicamente todas as demolicións, incluída a do paso superior sobre a A-55.

Dixo tamén que está moi avanzado o movemento de terras, con case todos os recheos e escavacións completados, e progresase xa no estendido dos firmes, que está xa ao 38 %, centrándose no semilenlace de Areas e no tronco da autovía. Ao tempo se ten acadado xa o 40% das obras de drenaxe.

A conselleira expuxo que pese a que a gran complexidade destas obras está nas estruturas tamén nesa fronte todo marcha ben, acadando un grao de execución que supera o 64 %. Neste caso, actualmente estase a traballar na estrutura da glorieta sobre a A-55, construíndo “in situ” o taboleiro, quedando só unha fase por formigonar, que se completará a mediados de marzo.

Ethel Vázquez detallou que a semana pasada instaláronse as dúas primeiras vigas metálicas desa glorieta elevada, coa previsión de instalar as dúas restantes antes da Semana Santa. Tamén están colocadas as vigas do tronco da autovía e agora as tarefas progresan nos ramais e no resto de pasos superiores e inferiores.

A titular de Infraestruturas puxo en valor a aposta por seguir incrementado a rede autonómica de vías de altas prestacións, que xa aumentou a súa lonxitude en máis dun 70% con este Goberno na Xunta, mentres se avanza nos trámites dos treitos restantes da vía de altas prestacións Tui-A Guarda. A este respecto, a conselleira amosou a determinación da Xunta de avanzar ata completar a autovía Tui-A Guarda desde o polígono de Areas ata Goián.

Redondela e Aqualia presentan o XXI Concurso Infantil de Debuxo Dixital

0

A Concellería de Educación e a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela presentan, en colaboración con Aqualia, a XXI edición do Concurso de Debuxo Infantil centrado na vida saudable e sostible para celebrar o Día Mundial da Auga.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a intención é que “participen as escolas, para o cal proporcionamos a información e os recursos educativos necesarios para presentarse ao concurso e que poidan tratar temas como a vida saudable e sostible ou a conservación dos recursos naturais como a auga. Ademais, prétendese  concienciar e sensibilizar sobre os principais problemas ambientais”.

Entrégase un conto que serve de soporte os docentes para tratar o tema do concurso, pósters, follas para colorear e as follas de participación. A data límite é ata o día 22 de marzo, coincidiendo co Día Mundial da Auga.

Os debuxos deben presentarse na páxina web  (www.aqualiaeods6.gal) en formato dixital. Na web tamén pódese descubrir a Aquaventura, o novo desafío de Aqual e ODS6 coa Cuadrilla Sostible.

Baiona presenta a edición da ‘Primavera lila’ 2023

0

Trala existosa acollida do monólogo feminista “No solo duelen los golpes”, de Pamela Palenciano, o pasado venres no Auditorio V Centenario de Baiona, que deu o pistoletazo de saída á programación “Primavera Lila”,  a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona desvela o resto de actividades desta programación deseñada por esta concellería e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

Así, darase continuación á programación este xoves 2 de marzo ás 11:30h, coa representación teatral “#2 Pilgrims” deseñada para o alumnado de de o IES “Primeiro de Marzo” e do CPI Cova Terreña.

O propio 8M, Día Internacional da Muller,o acto central desta data sinalada terá lugar ás 19:30h no Multiusos Mercado de Sabarís, dónde tralo éxito da posta en marchada Axenda Igualitaria, este espazo acolléra a inauguración da exposición das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte deste boito proxecto iniciado no 2021 pola Concellería.

Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril,  levaranse a cabo toda unha serie de actividades que foran parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.
Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

A “Primavera Lila” complétase coas seguintes actividades no Multiusos Mercado de Sabarís.

Venres, 10 de marzo

  • Obradoiro “Rir as penas. Risoterapia”, en colaboración coa Asociación de viúvas de Baiona “Mercedes de la Escalera”.
  • Obradoiro “Cóidate. A importancia do autocoidado”, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Baiona.

Sábado, 11 de marzo

  • Espectáculo familiar “Cinema de historias da man de Alice Guy (A nai do cinema”, Raquel Queizás, nenos e nenas a partir de 5 anos.

Sábado, 18 de marzo

  • Contacontos “A lavandeira e as pitas”, Cris de Caldas.

Domingo, 19 de marzo

  • Obradoiro “Ponte en defensa. Como recoñecer o acoso infantil para actuar”, en colaboración coa Asociación motorista P.I.C.A. protección á infancia contra o abuso.
  • Obradoiro “Marca un gol para a igualdade”,en colaboración co clube Baíña fútbol sala. Baíña Sirius fútbol sala. 

Domingo, 25 de marzo

  • Teatro “Roedores”, Redrum Teatro, espectáculo familiar.

A programación complétase  co programa “Con Voz Propia”, a Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller(CIM), volve apostar por esta actividade, trátase dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) utilízase para incrementar o empoderamento das mulleres.

O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá de 10:00h a 13:00h no Multiúsos Mercado de Sabarís. A actividade comezará o vindeiro mércores 15 de marzo e estenderase ata o mércores 3 de maio.  Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da musico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase  coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital. 

Chega a exposición “Arquitectura, debuxo e tinta” a O Porriño

Baixo o título “Arquitectura, debuxo e tinta”, o próximo venres 3 de marzo, ás 19 h, inaugúrase no Centro Cultural do Porriño unha exposición de debuxo do artista porriñés David Pérez Rego “Cato”.

A través de trinta debuxos orixinais realizados con estilógrafo, nesta mostra ofrécese unha visión do patrimonio arquitectónico porriñés e da contorna realizados por este debuxante, escritor e bibliotecario do Porriño , que xa ten participado anteriormente en diversos proxectos culturais, tanto persoais como colectivos.

O traballo artístico de David caracterízase por reproducir ao detalle arquitecturas do patrimonio galego con estilógrafo, en tinta negra, empregando unha técnica de punteado e raiado minucioso que lle permite obter láminas de gran realismo. Para cada debuxo, composto de milleiros de pequenos trazos, emprega ducias de horas de observación, análise e traballo preciso, conseguindo reproducir en papel obras salientables da arquitectura galega.

A exposición estará aberta ao público durante todo o mes de marzo.

A veciñanza de Covelo recibe formación para a realización de xestións administrativas a través da rede

0

A veciñanza de Covelo recibíu formación no uso de ferramentas dixitais para relacionarse coa administración a través da rede. Profesionais da Administración Pública impartiron no auditorio municipal unha clase sobre os principais servizos prestados pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e os servizos electrónicos da administración xeral do Estado.

O Concello de Covelo puxo á disposición dos profesionais da administración todos os medios posibles para que a cidadanía recibise formación do programa “La Administración cerca de tí” que se desenvolve nas vilas de España para mellorar o coñecemento de ferramentas dixitais que facilitan a tramitación de determinados servizos sen ter que saír da casa.  A tan só un clic podemos acceder aos nosos expedientes, realizar solicitudes e comprobar notificacións, entre outras xestións.

Dun xeito sinxelo, abordouse como descargar unha “Clave” que nos dea acceso a información e trámites ou un “certificado dixital”. Tamén se explicaron as medidas de seguridade de cada unha das plataformas, as principais características de cada unha delas, en que dispositivo electrónico e cando é axeitado utilizar unha ou outra e diversas consideracións e recomendacións para o seu emprego. Ademais facilitaron aos/ás asistentes a posibilidade de rexistrarse co sistema Clave.

A administración electrónica permite que as persoas que manexan dispositivos como un teléfono móbil ou un ordenador poidan xestionar citas, inscribirse en procesos, obter información, realizar consultas, coñecer o estado das súas solicitudes e moitas outras tarefas evitando desprazamentos.

O Concello de Covelo colabora coas distintas administracións para contribuír na alfabetización dixital e facilitar así o acceso á información e trámites electrónicos a un maior número de persoas o que supón un número menor de desprazamentos, un mellor manexo do tempo por parte das persoas, a contribución á redución de emisións de CO2, maior transparencia e mellor gobernanza, entre outros aspectos.

Gran acollida da ruta literaria de Domingo Villar

0

Literatura e turismo consolidan un binomio perfecto en Nigrán grazas á novela de Domingo Villar ‘A praia dos Afogados’. A proba é que a ruta literaria presentada polo Concello de Nigrán na Feria Internacional de Turismo (FITUR) está a despertar interés nacional e internacional. O resultado desta aposta é que un grupo de alumnos senior de Filosofía da Universidade de Barcelona  realizou este sábado unha visita guiada privada organizada desde o Concello á que se sumará máis dunha decena ata abril, entre elas  a do clube de lectura da Universidade de Kiel (Alemania) ou institutos de toda Galicia (Palas de Rei, Valadares, A Guarda, Vigo…) e Escolas de Idiomas como a de Ferrol. Ao marxe destas andainas guiadas para grupos pechados, e tendo en conta o éxito que sempre colleita, o Concello realizará roteiros abertos ao público no Día do Libro (23 de Abril), no cabodano de Domingo Villar (18 de Maio) e durante todo o verán.

“Tivemos a sorte de que Nigrán sexa o escenario principal desta obra que vive actualmente un rexurdir; Domingo Villar continúa sendo o noso  mellor embaixador e a proba e o interese que desperta este roteiro”, recoñece o alcalde, Juan González, quen desexa deste xeito “manter viva a memoria de Domingo”, falecido o ano pasado. O certo é que a adaptación ao cine desta novela negra,  best-seller en toda Europa,  é actualmente unha das tres películas máis vistas de España en Netflix.

“Sabíamos que iba a ter unha excelente acollida porque a súa obra interesa a milleiros de persoas, pero ademais, o roteiro resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que el tan ben describe na novela, como poden ser Monteferro, a Praia da Madorra, Praia América, Panxón, o Templo Votivo…”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña os “centos de lectores entusiastas’ que este verán participaron nos roteiros guiados do Concello.

Templo votivo de Panxón

Esta andaina literaria esta plasmada nun folleto turístico específico que elaborou o Concello e que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas (as persoas interesadas poden atopalo físicamente na Oficina de Turismo de Panxón ou descargalo directamente na web www.nigran.es).

Ten una lonxitude de 4,5 km divididos en 5 paradas e unha duración estimada de 2,5 horas cun grado de dificultade media. Seguindo o propio discorrer da novela, arranca na Praia da Madorra, onde aparece o cadáver maniatado dun mariñeiro que abre a investigación. A continuación continúa no Porto de Panxón, onde se atopa a lonxa ou a taberna ‘El Refugio del Pescador’, ademais das nasas ou embarcacións tradicional moi mencionadas no libro. A terceira parada é o Templo Votivo do Mar do arquitecto Antonio Palacios, lugar onde o inspector Leo Caldas se entrevista co párroco e cuxo interior contén mosaicos de esceas de naufraxios. Seguidamente, o camiñante debe dirixirse cara a península de Monteferro para visitar Punta Lameda, zona onde aparece afundida a barco de ‘O Rubio’ e, finalmente, conclúe no Monumento á Mariña Universal, contorna cuxas vistas sorprenden a Rafael Estévez, axudante de Caldas. Estas cinco ‘paradas’ figuran xeolocalizadas, con cadansúa frase da novela vinculada a esa zona en concreto e, a maiores, cunha breve información turística ao respecto. Deseñado como un folleto manexable, con forma de libro que se pode gardar no bolsillo, e con gran protagonismo das imaxes, inclúe un pequeno mapa e outros puntos de interese para aquelas persoas que desexen ampliar o roteiro, como poderían ser o cemiterio de Panxón, o Arco Visigótico, Monte Lourido, o Miradoiro de Monteferro… Todos eles puntos de interese mencionados dalgún xeito no libro.

‘A praia dos Afogados’

Publicada no ano 2009, trátase da segunda entrega da famosa triloxía de novela negra de Domingo Villar. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a praia da Madorra. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería simplemente outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Pero o océano nunca necesitou amarras para matar. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do falecido, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro do pobo, tratando de esclarecer o crime entre homes e mulleres que se resisten a desvelar as súas sospeitas e que, cando se decidan a falar, apuntarán nunha dirección demasiado insólita. Un asunto inoportuno para Caldas, que atravesa días difíciles: Alba volveu a dar sinais de vida, o único irmán do seu pai está gravemente enfermo e a súa colaboración no programa de radio está a volverse insoportable.

Redondela impulsa as compras locais extendiendo a iniciativa do parking gratuito

0

O Concello de Redondela promove o mercado minorista e de proximidade na vila a través do intercambio de tickets de compra locais por horas de aparcamento gratuito no Parking da Xunqueira. Por cada 2 tickets de compras nos postos do Mercado de Abastos de  Redondela, o cliente recibe unha hora de parking de balde.

“Esta iniciativa tivo moito éxito durante o nadal e foi moi demandada polos comerciantes de Redondela para impulsar as compras no pequeno comercio, pero ademais tamén é unha forma de facilitar o movemento á veciñanza”, explica a acaldesa de Redondela, Digna Rivas.

A Praza de Abastos de Redondela continuará coa promoción que leva meses posta en marcha para impulsar as compras no mercado. “Os praceiros e praceiras mostraron o seu interese por continuar co intercambio de tickets de compra por horas de aparcamento. Leva sendo un éxito nos últimos meses e o concello comprometeuse a ampliar a oferta”, engade Rivas.

Por cada dous tickets de compra dalgún dos postos do mercado, o cliente recibe unha hora de aparcamento de balde no Parking da Xunqueira, sen importar que sexan da mesma tenda. Neste caso o intercambio dos tickets faise na propia cafetería do mercado, para facilitar o movemento dun espazo moi concorrido do municipio. A rexidora local quixo salientar a importancia dun comercio local e unhas prazas de abastos –Redondela e Chapela– “que teñen capacidade dabondo para ofrecernos todo o que precisemos para este Nadal”.

A Cañiza renova os vestiarios do pavillón a través do Plan Concellos

0

A Cañiza vén de completar a renovación dos vestiarios do seu Pavillón Municipal da man da Deputación trala inauguración da segunda fase destes traballos que, ao igual que a primeira, executada no 2021, foi financiada cunha achega do Plan Concellos. En total, a institución provincial investiu nestes traballos, que veñen de ser inaugurados polo deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, e o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, preto de 110.000 euros para dotar dunhas instalacións dignas a este equipamento, tal e como demandaba a veciñanza. No acto estiveron representantes e xogadoras do Club Balonmán A Cañiza, cuxo equipo feminino sénior xoga na División de Honor Prata e o masculino en Primeira División Nacional.

A actuación consistiu na rehabilitación dos vestiarios, a fin de mellorar as condicións de salubridade e ventilación destes equipamentos, que apenas sufriran modificacións desde a apertura do pavillón no ano 1983 e presentaban desperfectos acumulados ao longo do tempo. Incluíronse entre outras actuacións a renovación das instalacións de electricidade e fontanería, coa instalación de novos aparatos sanitarios, así como a execución de novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e o seu pintado con materiais resistentes á humidade.

As obras completáronse coa dotación dun novo pavimento anti escorregadizo no chan, coa substitución do falso teito de madeira por un de aluminio e con outras intervencións nas zonas de duchas, encamiñadas a garantir a seguridade e ao aforro de auga.

Ponteareas pon a punto varios parques da vila e de centros educativos

O Concello continúa a realizar melloras nos diferentes centros educativos de Ponteareas, “un investimento en ensino que é unha prioridade para o Goberno municipal e que, dentro das nosas competencias, tentamos realizar a miúdo para mellorar aínda máis as instalacións e conseguir un ambiente agradábel para o alumnado”, como explica a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

Neste camiño, o Goberno municipal vén de investir máis de 34.000 euros en diferentes obras, entre elas “a melloras de competencia do Concello como os de recuperación dos elementos da zona de recreo e do material de xogo así como a cobertura  dos distintos parques con lonas para a protección solar de cativos e cativas”.

Así, realizáronse obras de mellora das zonas de recreo das que goza o estudantado de diferentes colexios de Ponteareas, como na zona de xogos das instalacións que ten en Moreira o CRA A Picaraña, unha actuación coa que se procedeu á restauración dos xogos para reforzar a seguridade e estética e se colocou un novo valado perimetral na zona do areeiro. Por outra banda, a Concellaría de Ensino procedeu á reparación da zona de xogos e bambáns do CEIP Fermín Bouza Brey.

Complementando o traballo realizado nos centros escolares, o Concello tamén levou a cabo diferentes accións de mellora do parque Ponteareas Cidade, así como a instalación dun novo parque ao carón da Casa Cultural de Cillarga, na parroquia de Ribadetea.

Estes traballos de mellora súmanse aos que cada ano realiza o Goberno municipal que, como lembra Cristina Fernández, leva oito anos “facendo importantes investimentos nos centros escolares dentro das nosas competencias, xa que só podemos para levar a cabo pequenas reparacións de mantemento nos centros de educación infantil e primaria”. O ano pasado o Concello destinou máis de 700.000 euros nos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, servizos, mantemento e reparacións.

Chega unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón

0

Todo listo para celebrar unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón no Rosal. O vindeiro domingo 5 de marzo arredor de 500 corredores e corredoras daranse cita nun dos lugares máis emblemáticos do concello para participar na sexta edición dunha proba que cada ano supera as súas expectativas.

“É un orgullo ser o escenario que acolle unha proba que aposta pola saúde pero que tamén polo turismo e a natureza nunha contorna con gran valor paisaxístico e patrimonial como son os nosos muíños”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa presenza do responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; do concelleiros de Deportes, Germán Fernández; do director técnico da proba, Serafín Martínez; do presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan da Silva; con representantes da Comunidade de Montes do Rosal e de Julio e Ignacio, dous veciños do Rosal “moi implicados que coñecen o monte e cada ano achegan o seu gran de area para que esta carreira saia adiante con éxito”.

Como na edición anterior, os e as participantes poderán elixir unha das modalidades da carreira, adaptadas a varios tipos de público: unha cun percorrido de 12 km e 450 metros de desnivel e outra de 21 km e 1.000 metros de desnivel positivo. Os dous percorridos, que terán como punto de saída e chegada a Praza do Calvario, percorrerá os muíños do Folón e do Picón, así como diferentes fervenzas e zonas naturais dunha beleza paisaxística e patrimonial incomparables.

Este trail é a segunda proba da Pontevedra Trail League, unha competición que promove a Deputación de Pontevedra e que este ano contará con persoas invitadas sorpresa que darán ambiente á carreira grazas á colaboración da Asociación Galega de Fibrose Quística, que participará no encontro para dar visibilidade a unha enfermidade moi descoñecida pola poboación.

As inscricións estarán abertas ata este mércores e poden facerse de maneira online en www.traildofolon.com ou na seguinte ligazón: https://bit.ly/3RpMpRZ.

Covelo celebra o Día Mundial da Auga cunha limpeza voluntaria dos espazos verdes

0

A asociación Covelo Natural, en colaboración co Concello de Covelo e coa Xunta de Galicia, convida a participar na xornada de voluntariado ambiental para a limpeza de espazos verdes que terá lugar o sábado 18 de marzo.

A organización establece como punto de encontro a praza Mestre Cerviño ás 10:30 horas e as persoas interesadas deberán darse de alta no programa de voluntariado de Covelo antes do 17 de marzo. A inscrición debe facerse no departamento de Servizos Sociais do Concello. No número de teléfono 986 65 00 27/47 poderán obter máis información sobre esta xornada.

As persoas participantes estarán cubertas por un seguro que se tramita no momento da inscrición e non ten custo para as e os participantes. A organización ofrecerá un “picnic” ao remate da actividade que se desenvolverá de 10:30 a 13:00 horas.

Lourdes Enes, concelleira responsable de voluntariado, explica que estas actividades non só supoñen a realización de tarefas de limpeza, “inciden na concienciación e na posta en valor dos nosos espazos naturais e promoven o compromiso colectivo co patrimonio natural”.

Pola súa banda, a asociación Covelo Natural engade que estes encontros, ademais de fomentar o respecto polo medio ambiente e fomentar hábitos de vida saudable, posibilitan un momento para estreitar lazos entre persoas con inquedanzas comúns.

A asociación Covelo Natural vén desenvolvendo actividades de coñecemento e posta en valor do patrimonio natural dende o ano 2000.

O CEIP Carlos Casares planta especies autóctonas no Monte de Santa Cruz

0

O Concello de Nigrán iniciou a semana pasada co alumnado do CEIP Carlos Casares (Vilariño) a plantación de especies autóctonas no coñecido como ‘Monte de Santa Cruz’, unha área forestal municipal que está a ser rexenerada para o goce da veciñanza. En total, trátase de 8.000 m2 situados ao carón do coñecido como Monté Eiró ou Das Agullas (Parada), nunha zona boscosa, composta nun 95 % por pino do país, que ata o ano pasado non estaba nin delimitado.

Nesta fase, 16 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Carlos Casares guiados pola Brigada Forestal Municipal, plantaron en preto de 800 metros cadrados de acceso ao parque 5 acivros e 24 carballos doados pola Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño. Ao rematar o traballo, a arqueóloga da cooperativa Árbore Helena Taboada amosoulles o petroglifo do monte eiró que actualmente están a sinalizar e recuperar para o Concello.

“Queremos poñer este lugar en valor como un atractivo natural máis de Nigrán porque ademais, polas súas caracerísticas, permitirá gañar un gran miradoiro cara a costa”, indica o alcalde, Juan González, quen acudíu a esta xornada.

Segundo recolle o proxecto da enxeñeira forestal municipal, a Brigada Forestal Municipal realizou “clareos”, é dicir, eliminou todos os piñeiros de menos de 7 cm de altura e na zona de entrada abordada onte só se deixaron especies autóctonas sen nada de piñeiros. Na zona de miradoiro natural eliminaranse os piñeiros que impiden as vistas cara a fronte marítima e no seu lugar plantaranse especies autóctonas adaptadas a ese tipo de terreo, como poden ser os madroños.

“Queremos que sea unha zona máis de desfrute da veciñanza, agora é prácticamente inaccesible ao non ter ningún tipo de mantemento, pero pronto será un novo pulmón verde para Nigrán como xa é Monteferro ou os Montes de Camos e Chandebrito”. Neste sentido, o monte de Santa Cruz conta cunha gran pendente con vistas naturais cara a costa de Nigrán e Baiona en moitos puntos.

O Goberno ponteareán desminte os “bulos calumniosos” que responsabilizan ao Concello dunha morte por infarto

O Goberno municipal de Ponteareas desminte categoricamente os “bulos calumniosos” que dende última hora de onte difundíronse nun medio de comunicación e en redes sociais responsabilizando ao Concello dunha morte por infarto ocorrida nunha vivenda da rúa da Esperanza.

O Concello explica que, de acordo co informe da Policía local, ás 13:42 horas a patrulla da Policía Local recibiu unha alerta do 112 por infarto na rúa da Esperanza. De inmediato a Oficial da Policía e un axente acudiron ao domicilio do afectado, equipo ao que logo se uniron bombeiros municipais. Todos eles comezaron as manobras de reanimación, que duraron 30 minutos aproximadamente.

De acordo co informe policial, os servizos sanitarios non chegaron ao lugar até media hora despois do aviso. Á súa chegada, indicaron aos axentes que cesaran nos intentos de reanimación por resultar xa innecesarios e se limitaron a certificar o falecemento da persoa. A profesional sanitaria que acudiu á vivenda aclarou diante dos axentes que o retraso se debera a non dispoñer antes dunha ambulancia, o que provocou a reacción da parella do falecido e a intervención da Policía para rebaixar a tensión. A médico que interviu fai constar no seu propio informe, xa unido ao atestado policial, que “tardamos en llegar ya que no había ambulancia”.

Fronte a estes feitos, un medio de comunicación e diferentes usuarios de redes sociais atribuíron ao Concello a responsabilidade do falecemento a través de tres falsidades. Por unha banda, afirmando que “los servicios de emergencia no pudieron atenderle al no poder acceder a la zona por culpa de las obras que se están acometiendo en todo el centro de la villa”. En segundo lugar se relacionaba a morte coas peonalizacións de rúas afirmando que “la muerte de esta persona se produjo en la Rúa Esperanza donde se han instalado bancos en medio y medio de la calle”. E, por último, afirmábase xenericamente: “los servicios de emergencia indignados ante un hecho que se repite (…) tras haber avisado en repetidas ocasiones al gobierno local ante la imposibilidad de acceder al casco urbano debido a las obras y los obstáculos instalados en las calles como bancos y maceteros”.

A profesional sanitaria que acudiu á vivenda aclarou diante dos axentes que o retraso se debera a non dispoñer antes dunha ambulancia. […] A médico que interviu fai constar no seu propio informe, xa unido ao atestado policial, que “tardamos en llegar ya que no había ambulancia”

O propio informe médico desminte estas acusacións e revela a extrema gravidade das calumnias vertidas contra o Concello, motivo polo que o Goberno local anuncia que adoptará de inmediato medidas no plano xudicial, mediático e institucional para que condutas intolerábeis nun estado de Dereito non queden impunes.

Obras

As únicas obras en execución en rúas do centro urbano estanse realizando en Avenida de Galicia, Paseo Matutino e Trobador Xoán García. Ningunha desas rúas está cortada ao tráfico. Pero ademais, ningunha delas é acceso á rúa da Esperanza, á que se pode chegar até por cinco itinerarios diferentes. O propio informe policial sinala que a ambulancia estacionou na entrada do edificio onde se produciu o falecemento.

Bancos e xardineiras

Os bancos e xardineiras da rúa da Esperanza, como os das demais rúas peonís, permiten o paso de todo tipo de vehículos, incluído un camión de bombeiros. Trátase dunha rúa pola que circula o tráfico autorizado, tamén furgóns de reparto e de venda ambulante.

Supostos avisos

É falso que os servizos de emerxencia teñan avisado ao Concello da imposibilidade de acceder ao centro urbano. E é falso porque, ademais de non constar ningún aviso, non existe ningunha imposibilidade.

Helicóptero

A falta de ambulancia obrigou ao 112 a requirir un helicóptero con base en Ourense e os bombeiros comunicaron ao 112 como lugar de aterraxe as fincas a carón do Centro de Saúde ou o campo de fútbol do CEIP Nosa Señora dos Remedios. A Policía local, á vista da ausencia da ambulancia, engadiu como posibilidade máis próxima o espazo peonil situado diante do Concello, que actualmente dispón de moito máis espazo libre pola ausencia de vehículos. Ao estar rodeado de edificios e de cables, o helicóptero, para maior seguridade, aterrou nun amplo solar a só 150 metros da Casa do Concello. Porén, o paciente xa falecera antes da chegada do helicóptero e, en calquera caso, a ausencia de ambulancia para trasladalo até o helicóptero facía inútil a súa intervención.

O Goberno cualifica de “delirante” atribuír ás peonalizacións dificultades para a intervención de helicópteros e lembra que os centros urbanos non son heliportos para que un helicóptero aterre diante dunha vivenda pola ausencia dunha ambulancia.

O alcalde da Cañiza visita as instalacións de “Acciona Energía”

0

Acompañado por Carlos Garrido, xerente de Noroeste Gestión de Activos; e Jesús Fernández e Julio Ruíz, xestores de Operación; Luis Piña visitou o pasado 22 de febreiro as instalacións de “Acciona Energía” con base e oficinas no Polígono Industrial Ribadil II, na Cañiza.

Ésta é a quinta empresa que visita o rexedor dende que o pasado 16 de xaneiro accedera ás instalacións de Reciclados Plásticos Ribadil S.L., no marco dun programa de promoción e impulso do tecido industrial, empresarial e comercial no concello. Un programa que ten como obxectivo principal dar visibilidade ás empresas que operan no polígono industrial da Cañiza e tamén relanzar a excelente posición e posibilidades da Cañiza para o asentamento de novas empresas.

Nesta ocasión o alcalde tivo a oportunidade de coñecer as instalacións de «Acciona Energía», unha empresa que dende o ano 2001 contribúe no desenvolvemento económico da Cañiza, grazas aos 27 postos de traballo que mantén. “Un traballo de calidade” recalca o xerente de Noroeste Gestión de Activos, Carlos Garrido.

Tamén é de destacar a contribución económica de Acciona ao canon eólico por un importe de 275.000 € ao ano, ademais dos impostos ordinarios.

En palabras do alcalde “a pesares das crises económicas que provocaron o desmantelamento de moitas empresas na Cañiza, asociadas sobre todo ao sector da construcción, aínda son moitos os postos de traballo que manteñen as empresas asentadas no polígono industrial Ribadil I e II e o Parque Empresarial Uceira”.  

“Con todo o Equipo de Goberno sigue traballando para dotar de máis chan industrial, empresarial e comercial ao noso Concello aproveitando as excelentes comunicacións terrestres e que A Cañiza é a porta de entrada á Plisan e a Vigo”.

Ésta é a mensaxe que se quere transmitir dende o Concello: “actuar como catalizador de proxectos empresariais cara a nosa contorna e cara A Cañiza, un territorio con grandes potencialidades e oportunidades industriais”.

Novo maillot do Club Ciclista Ponteareas con Lynalfa como patrocinador oficial

O Club Ciclista Ponteareas e o Grupo Asegurador Lynalfa unen forzas, para as vindeiras catro tempadas, despois do acordo de patrocinio que asinaron o pasado sábado 25 de febreiro en Ponteareas, e ao que acudiron diversas personalidades institucionais, membros do club Ciclista Ponteareas e da Xunta directiva, e o Presidente do Grupo Asegurador Lynlfa. Desta maneira, Grupo Lynalfa converteuse en patrocinador oficial deste club referente en Galicia.

No acto tamén presentouse o maillot oficial do club para as vindeiras tempadas, onde predominan as cores laranxa e negro xunto co azul ceo, cor distintiva do Grupo Asegurador Lynalfa, e tivo lugar unha charla coloquio na que interviñeron José Alfaya, presidente do Grupo Asegurador Lynalfa, Manuel Gregores, presidente do Club Ciclista Ponteareas, Xacob Agra, director técnico do Club e José Pintos, Director Executivo.

Na charla falouse do futuro do club baixo este novo patrocinio, que pretende convertelo nun Club referente a nivel nacional, e da importancia dos patrocinios e financiamento por parte das institucións públicas e privadas para a continuación de clubs como o Club Ciclista Ponteareas. Actualmente o Club Ciclista Ponteareas conta cunha excelente base de nenos con amplas calidades deportivas, e a idea é que nuns anos póidase volver facer un quipo de xuvenís para competir a nivel nacional, xa que Ponteareas foi historicamente e é marca ciclismo, xa que é a única localidade que conta con tres gañadores da Volta a España como son Álvaro Piñeiro e Delio e Emilio Rodríguez.

O Porriño reforza o cadro de persoal municipal

O Concello do Porriño incorporou a 21 traballadores que desenvolverán funcións nos diferentes servizos municipais. 

Trátase concretamente de un oficial de carpintería, un de soldadura, un de albanelería, un tractorista-condutor con guindastre e dous peóns de obra pública para o Departamento de Obras;  oito peóns forestais para o Departamento de Parques, xardíns e limpeza; un auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e seis conserxes para diferentes departamentos municipais.

Estas contratacións efectuáronse con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño fai unha aportación de preto de 50.000 euros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiunos onte para darlles a benvida ao seu novo posto de traballo. “Temos moito que facer e  o voso traballo será esencial para prestar un mellor servizo á veciñanza  así que benvidos a este equipo a todas e todos”, apuntou o alcalde que ademais os animou a “esta oportunidade, non só para adquirir experiencia, tamén para sumar coñecementos que sen dúbida vós serán de axuda na vosa carreira profesional”.

Arbo reparte trampas para a avespa velutina

0

Imaxe de arquivo da entrega de trampas no 2022

O Concello de Arbo, un ano máis, para frear a expansión da avespa asiática pon a disposición dos veciños de Arbo de maneira gratuíta 50 trampas e 150 botes de cebo, nas mesmas condicións que nos dous últimos anos.

 Os interesados que queiran instalar algún destes sistemas de captura en zonas donde se asente esta especie invasora, deberán presentar a correspondente solicitude nas oficinas municipais do Concello de Arbo, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas. As entregas faranse por orde de rexistro de entrada, ata agotar existencias.

Dende o Concello informan que frear a expansión da avespa velutina é unha tarefa prioritaria, xa que este insecto invasor incrementou a súa presenza en Galicia desde o ano 2014.

“Esta é a época para a colocación destas trampas, para evitar a formación de niños e, desde o goberno, estamos a disposición dos veciños da vila para erradicar coa súa colaboración a proliferación desta especie, ubicando as trampas dentro das súas propiedades, desta maneira hai unha coordinación entre o Concello es os voluntarios e voluntarias que queren participar neste proxecto tan importante. O obxectivo é redobrar esforzos e concentrar os recursos”, informa o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil.

A entrega de trampas velutinas polos concellos e a súa colocación e control coa colaboración de veciños e veciñas voluntarios e voluntarias , é unha practica moi usada que se esta adoptando nos últimos meses por moitos concellos de Galicia e que esta acadando un bo resultado.

A Xunta desprega tres Polos Creativos en centros escolares de Tomiño

0

A Xunta de Galicia impulsa tres Polos Creativos en Tomiño, nos colexios Plurilingüe de Tebra e de Sobrada e no instituto IES Antón Alonso Ríos. O xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, puxo en valor esta nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, con motivo dunha visita ao Polo Creativo do centro escolar de Tebra, que alberga tamén a radio escolar.

Os de Tomiño forman parte do total de 225 Polos Creativos implantados por primeira vez no presente curso (218 en colexios e institutos e sete nos Centros de Formación do Profesorado das catro provincias), aos que o Goberno galego destina un orzamento de 8 M€.

Están concibidos como espazos de innovación educativa nos que se traballan as  competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemática), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Para ilo habilítase un espazo espazo físico específico, unha organización didáctica e a dotación de equipamento especializado para configurar, en cada colexio ou instituto, un centro de actividades que busca incrementar as competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.

A Xunta de Galicia dota estes centros de robots, equipamento audiovisual de última xeración, tabletas, materiais para corte, escaneado e impresión 3D e mobiliario específico, o que favorece o desenvolvemento de proxectos que pretenden fomentar a creatividade, a superación de retos e problemas e o deseño de prototipos e actividades a través dunha aprendizaxe conxunta e colaborativa que inclúe prácticas e investigacións cun importante apoio das novas tecnoloxías.

Prado Surf Escola recibe o Premio ao Mellor Club Galego

0

Cada ano a Federación Galega de Surf celebra unha gala para recoñecer aos mellores surfeiros das diferentes ligas do 2022 e tamén aos mellores clubs. E unha vez máis Prado Surf Escola fíxose co premio ao Mellor Club Gallego e con esta xa son 13 veces as que o club consegue este recoñecemento. Recolleron o premio Derick Rey Stahl e Pedro Acebal ante a mirada de varios integrantes do equipo.

Un dos adestradores do club, Derick Rey Stahl, quixo sinalar que “este ano traballamos duro e preparámonos forte, este premio é un recoñecemento a todo ese traballo, pero, sobre todo, este premio é por e para os rapaces sen eles isto non sería posible”.

Por outra banda, Pedro Acebal, tamén adestrador da Prado Surf Escola, aproveitou para “agradecer aos rapaces o seu gran esforzo e traballar tan duro, agora só queda seguir traballando igual para conseguir bos resultados este ano”.

Ademais, varios integrantes do Prado Surf Club proclamáronse campións nas súas diferentes categorías Teo García Cajide “Campión Gallego Sub 12”, Daniela Alonso “Campioa Galega Sub 14” e Mara San Marco “Subcampioa Galega Sub 16 e Sub 21”. Ademais Derick Rey Stahl, adestrador do club, proclamouse “Campión Gallego Master”.

Prado Surf Escola leva máis de 20 anos ensinando surf a varias xeracións de surfeiras e aposta polo Club para crear unha canteira de mozos e mozas que poidan demostrar a nivel rexional e nacional o potencial dos surfeiros galegos. Á fronte do Prado Surf Club atópase un equipo técnico formado por 4 adestradores que adestran semanalmente a 24 rapaces, o máis pequeno acaba de cumprir 10 anos. Desde o Club esperan seguir recollendo éxitos este 2023 e seguir formando canteira.

A Guarda acolle este xoves unha Charla informativa sobre a factura da luz

0

Este xoves, día 2 de marzo ás 20:00 h, o Salón de Plenos da Casa dos Alonso da Guarda acolle unha charla informativa sobre a factura da luz que contará cos ponentes David Portela Andura, Enxeñeiro Industrial en Electricidade e Santiago González Veiga, Avogado especialista no sector eléctrico.

Nesta charla informativa, os participantes poderán ampliar información sobre a nova normativa en materia de electricidade, explicarase o novo formato de cálculo para os prezos da enerxía, as expectativas existentes no mercado do gas e da electricidade así coma unha presentación do Top 3 de prezos de mercado actuais para posibles cambios de comercializadoras. Ao remate desta charla haberá un momento para rogos e preguntas para que todo aquel interesado/a poda resolver as súas dúbidas e indicar as cuestións que consideren.

Esta charla está enmarcada no Plan Rehabita, unha iniciativa posta en marcha dende o Concello da Guarda dende o pasado ano 2022 para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e vivendas particulares da nosa vila e que desta volta pecha unha serie de reunións e sesións informativas que se celebraron en diferentes parroquias da localidade.

O Plan Rehabita é un proxecto que ten como finalidade informar aos veciños sobre como rehabilitar as súas vivendas. Os propietarios dispoñen de información para saber que melloras deben acometer nos inmobles para aproveitar as líñas de subvencións que as administracións poñen a súa disposición.

Con este plan o Concello crea unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas de A Guarda, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade.

Trátase dunha iniciativa que ven a materializar na Guarda o compromiso do PACES(Pacto dos Alcaldes e Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible) e que pretende achegar os obxectivos enerxéticos marcados pola Unión Europea aos municipios, co compromiso da redución dun 40% dos gases de efecto invernadoiro ata o 2030, adoptando as medidas conxuntas precisas para a atenuación do cambio climático, tendo en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, informando aos cidadáns das accións a levar a cabo na busca dunha maior eficiencia para reducir a pobreza enerxética dos fogares e das familias.

Mos apoia a instalación de ascensores en San Eleuterio para facilitar a accesibilidade á vivenda

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Urbanismo, José Areal, e técnicos municipais reuníronse coa veciñanza de San Eleuterio, no local da Asociación de Veciños, para informar ás comunidades de veciños das axudas autonómicas existentes para dotar de ascensor aos edificios da urbanización que carecen del.

Pola súa banda, desde o Concello de Mos, tenderon a man aos veciños de San Eleuterio para colaborar desde a administración local mosense en labores de asesoramento e resolución de dúbidas, e na tramitación da documentación necesaria para a solicitude de axudas de cara á acometida das obras pertinentes para a instalación de servizo de ascensor nos bloques que decidan implantalo.

A idea é que as comunidades de veciños de San Eleuterio que o desexen poidan beneficiarse, cando sala a convocatoria de 2023, das axudas do Programa de Mellora da Accesibilidade en e ás Vivendas do Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Este programa autonómico de axudas para a mellora da accesibilidade en e ás vivendas, está orientado, a facilitar non só o seu uso ás persoas con distintas capacidades, senón tamén como vía para facilitar a súa integración social.

As Neves transfórmase con Plan ReacPon

0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este luns acompañada do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, as grandes obras de recuperación do espazo público financiadas no centro urbano do Concello a través dos plans extraordinarios da Deputación: a transformación da rúa Rosalía de Castro, a praza de Santo Agostiño e contorna, na que se investiron 255.000 € con cargo ao Plan DepoRemse, e a humanización da Travesía Eira da Liñaza cun investimento de 400.000 euros a través do ReacPon. Na visita tamén se anunciaron as inminentes obras que se realizarán na estrada da estación, EP-4204, para a mellora da mobilidade peonil do primeiro treito desta infraestrutura viaria, nas que se investirán 177.000 €. Estas tres actuacións, situadas en continuo, conforman o que a presidenta Carmela Silva cualificou como “o gran circuíto peonil que está construíndo As Neves”.

A presidenta, que asegurou que “neste percorrido pódese ver unha vila que agora é outra”, sinalou que os tres proxectos “falan de progreso e de permitir que a cidadanía teña unha excelente calidade de vida ao recuperar o seu espazo e a beleza deste concello que foi moi maltratado por accións urbanas que non eran acordes”. Carmela Silva sinalou que fronte a este modelo, con beirarrúas estreitas ou vías que estaban pensadas só para os vehículos, “a Deputación posibilita un cambio transcendental e único, centrado nas persoas, e iso fainos moi felices porque a política ten que servir para mellorar a vida da xente”.

De feito, grazas ás obras acometidas, “as nenas e os nenos xogan na rúa, as persoas maiores camiñan con seguridade e conviven e relaciónanse con outras, e a xente con dificultades de mobilidade móvese sen temor ás inseguridades que producían os modelos anteriores. Toda a veciñanza goza do espazo público e iso fai que As Neves sexa un lugar onde merece moito a pena vivir”. Por iso, a presidenta deu os parabéns ao goberno local e puxo o foco na forma de actuar da Deputación fronte a administracións como a Xunta de Galicia, que “nin inviste nin ten a ben que as nosas obras poidan ter continuidade. Non se pode consentir que só haxa investimentos en período preelectoral e só en concellos gobernados polo Partido Popular”.

Pola súa banda, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, puxo o foco na “boa relación entre Concello e Deputación nestes oito anos desde o actual goberno”, e asegurou que “non é difícil levarse ben porque a capacidade de entendemento foi espectacular, non só por vontade senón por convicción”. Con esta visita o alcalde celebrou “que a través da Deputación transformamos un espazo excepcional que estaba degradado e que agora se constrúe nunha simbiose entre estrutura urbana e estrutura natural” co obxectivo de que “a xente estea a gusto”. E lembrou que a Deputación “inviste con obxectividade en todos os concellos, o que garante unha actitude política positiva e construtiva, fronte a unha destrutiva, a da Xunta, que só ten en conta quen pertence a que partido”. Por iso, asegurou, “temos que conseguir que a política sexa capaz de superar as barreiras e que os proxectos non paren porque alguén teña ou non unha ideoloxía”, en alusión a un treito de menos de 100 metros da estrada autonómica PO-415 (entre Santo Agostiño e Eira da Liñaza) onde a Xunta impide actuar, o que provoca unha fenda entre as actuacións do DepoRemse e do ReacPon e unha ausencia de cohesión na trama urbana da vila.

Tres proxectos con fondos provinciais para mudar a panorámica urbana das Neves

As obras da humanización da Travesía Eira da Liñaza financiadas co ReacPon tiveron un investimento de 400:000 euros: 360.000 € da Deputación e 40.000 do Concello das Neves no marco dunha aposta compartida por ambas administracións para a recuperación do espazo público para as persoas e a convivencia de usos peonís e rodados. Esta actuación contribúe á mellora da seguridade e mobilidade alternativa nun ámbito atravesado por infraestruturas pensadas para o tráfico rodado e busca o grande obxectivo de facer das Neves un lugar atractivo para vivir. Para iso, as obras contemplaron a dotación de prioridade peonil para xerar un espazo de convivencia, a limitación das zonas de aparcamento, o estabelecemento de franxas verdes para dar un aspecto máis amable que fomente a mobilidade peonil, a execución dun miradoiro con vistas ao Río Miño e á súa orografía, a instalación de puntos adicionais de alumeado público e o acondicionamento das redes de servizo.

En canto ao proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-4204, a estrada das Neves á estación de ferrocarril, a administración provincial e o Concello investirán 177.000 euros (80% Deputación e 20 % Concello) nun treito de 550 metros co fin de crear itinerarios peonís e seguros para as persoas. Na actualidade a vía carece de itinerarios peonís, polo que a xente camiña pola calzada en condicións de escasa seguridade. Con estas obras, que teñen un prazo de execución de 5 meses, construirase unha senda peonil de 125 metros na marxe dereita da estrada e ampliarase a marxe esquerda da calzada para que os carrís teñan 2,75 metros de ancho. Tamén se creará unha zona de convivencia con preferencia peonil, de 25 metros de lonxitude, no cruce entre a estrada e a Travesía Eira da Liñaza. A partir deste punto e ata o final da actuación ampliarase a plataforma de firme na marxe esquerda, renovarase a capa de rodaxe e realizarase o seu fresado. Ademais, renovarase a rede de pluviais, a de alumeado público soterrada, a sinalización e o mobiliario urbano.

No marco do DepoRemse investíronse 255.000 € (o 90 % pola Deputación e o 10% polo Concello) para transformar a contorna do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de Santo Agostiño a través da rúa Rosalía de Castro. Este espazo pasou de estar invadido por vehículos a ser reordenado cunha plataforma única de pedra, seguindo a estética empregada no centro urbano das Neves. Na contorna do colexio reordenouse o aparcamento cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos e identificación mediante marcas viarias dos destinos dos autobuses. Tamén se retirou unha torre de electricidade, unha gran demanda da comunidade escolar. Por último, na rúa Rosalía de Castro creouse un itinerario peonil, accesible e seguro, ampliouse unha das beirarrúas e dispuxéronse pasos peonís sobre a calzada reforzados con luminarias no chan para dotar ao espazo dunha mellor visibilidade.

A chegada de “O Gran Camiño” ao Trega pon A Guarda no mapa do ciclismo de competición

0

A Volta a Galicia foi unha carreira por etapas que se disputou polo territorio galego dende 1933 (ano da súa primeira edición) e que foise sucedendo durante os anos (aínda que non de xeito continuado) ata o 2000, sendo a partires de 2002 relegada a categoría amateur.

Aínda así, existe unha grandísima lista de campións que disputaron ou conseguiron o triunfo nesta carreira. Nomes históricos no mundo do ciclismo como Miguel Induráin, Marino Lejarreta, Abraham Olano, Marco Pantani, Laurent Jalabert, Claudio Chiapucci, Frank Vandenbroucke ou Álvaro Pino formaron parte (ou gañaron) nalgunha das súas edicións. Unha proba que sempre atraía a grandes estrelas que contaban coa simpatía dos mellores equipos do mundo, e que cadraban os seus calendarios para dar o mellor dos espectáculos na ronda galega.

Con O Gran Camiño, búscase revitalizar esta carreira, coa imaxe e a posta en escena actualizadas e acorde aos tempos que corren, para retomala do xeito máis vangardista posible. Tentando que dende o primeiro momento esta proba conte co nivel, a repercusión e a fama que no seu día tivo a Volta a Galicia, atraendo ás grandes figuras mundiais do momento.

O ciclismo evoluciona, os equipos evolucionan, as retransmisións evolucionan… e todas as carreiras teñen que evolucionar e adaptar o produto ás novas tendencias mediáticas, para explotar ao máximo o potencial e as posibilidades que este deporte ofrece. A través desta singular carreira, ilustrouse ao mundo que Galicia e o gran destino, O Camiño dos Camiños, O Gran Camiño. Deste xeito A Guarda foi un dos lugares nos que O Gran Camiño destacou, coas fermosas paisaxes do Monte Santa Trega e un final de etapa inesquecible protagonizado polo ciclista Jonas Vingegaard, quen despois de 184,30km de percorrido e 2577m. de desnivel acumulado, rematou no cumio do Monte Santa Trega en primeira posición, gañando o maillot amarelo desta segunda etapa.

O vixente campión do tour de Francia Jonas Vingegaard, protagonizou unha subida ao Monte Santa Trega de espectáculo, co paso polo Via Crucis, un dos momentos máis peculiares e atractivos desta segunda etapa e que numerosos fotógrafos e cámaras encargáronse de inmortalizar. A pouco máis de dous quilómetros de chegar á meta, e entre os Castros dos primeiros moradores de Galicia, Vingegaard acadou a meta.

Para A Guarda foi un día histórico, porque foi a primeira vez que unha etapa da Volta Ciclista chega á vila,  trátase dun espectáculo deportivo de primeiro nivel que se desenvolveu nun marco incomparable como é o  monte Trega. Os medios deportivos máis importantes a nivel nacional e internacional fixéronse eco desta proba deportiva, o que propiciou unha importante promoción da Guarda e dos seus atractivos naturais, patrimoniais e paisaxísticos.

Medios nacionais coma Marca, Eurosport, As, ou internacionais coma Hln, Lequipe ou Oasport fixéronse eco da chegada desta segunda etapa ao Monte Santa Trega da Guarda da mán de Jonas Vingegaard.

A Xunta mellora os firmes da PO-339, entre Salvaterra e Salceda, e PO-552 en Oia

A Xunta está a ultimar as obras de mellora de firme das estradas PO-399, entre Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e PO-552 en Oia, que suporán un investimento de preto de 223.000 euros.

No caso da estrada PO-399, os traballos están practicamente rematados, restando só reperfilar a cuneta e instalar a sinalización horizontal.

En relación ás obras na PO-552 en Oia, xa se estendeu o firme e só faltan os traballos de drenaxe, cunetas e disposición de sinalización, polo que se prevén finalizar nas vindeiras semanas.

PO-552

As intervencións nas dúas vías consisten na rehabilitación da capa de rodadura naqueles puntos nos que o firme presente deterioros.

Os traballos inclúen o fresado da capa de formigón existente para posteriormente proceder á rega de adherencia con emulsión termoadherente e ao estendido da capa de rodadura formada por 5 cm de formigón bituminoso.

As actuacións tamén abranguen a construción de cunetas revestidas, a instalación de drens para recoller a auga que poida acumularse baixo o firme e a disposición de sinalización.

Estes proxectos teñen como obxectivo garantir a conservación das estradas autonómicas, reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.

A Xunta continúa intensificando a aposta pola conservación e a mellora da rede viaria, materia á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, para desenvolver medidas como o Plan de reforzos de firme, entre outras.

A Deputación mellorará a estrada provincial entre Gondomar e O Porriño

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitaron no lugar de Prado (Gondomar) as obras de mellora da seguridade viaria da EP-2403 que transcorre entre Mosende (O Porriño) e Morgadáns. A Deputación financia integramente esta actuación, que tamén afecta a EP-2404 de acceso a Chenlo (unha pequena vía de menos de 800 metros que transcorre paralela á EP-2403). As obras teñen un orzamento superior a 1,2 millóns de euros e están divididas en dúas fases, a primeira delas xa está en execución e a segunda será licitada nun prazo de arredor de dous meses.

Carmela Silva cualificou de “cambio transcendental” a actuación nesta estrada provincial de 11,5 quilómetros, xa que “o firme desta vía necesitaba un proxecto ambicioso e este o é”. A presidenta provincial remarcou que na actualidade están en execución as obras da primeira fase deste proxecto, cun orzamento de 530.000 euros, “que van permitir dar seguridade viaria a toda esta zona, de moito tránsito pesado”. Tamén adiantou que a Xunta de Goberno xa ten aprobado o proxecto da segunda fase coa que se investirán outros máis de 600.000 euros “para que poidamos rematar a actuación en todo o trazado: 1,2 millóns de euros” e que a transformación sexa unha realidade en arredor de oito meses.

A presidenta lembrou que “somos a administración da provincia con máis quilómetros de estradas, máis que a suma das estradas autonómicas e estatais, polo que cómpre entender o enorme esforzo que está a facer a Deputación por telas nas mellores condicións”. De feito, asegurou de forma rotunda, “non hai outra administración que faga un esforzo maior nas súas estradas”. Pola contra, Carmela Silva fixo un chamamento á Xunta de Galicia “para que teña en boas condicións as súas infraestruturas viarias na provincia e concretamente en Gondomar, porque están moi abandonadas”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, puxo en valor a visita como “unha proba máis de que a Deputación está continuamente investindo e inaugurando obras en todos os concellos”, e asegurou que as estradas provinciais de Gondomar “están practicamente todas en óptimas condicións de reparación ou pintado”. Grazas aos investimentos da institución provincial, asegurou Ferreira, “estamos investindo tanto no centro urbano como nas parroquias, actuando nos 75 km2 de Gondomar para facer unha transformación brutal e total do territorio que sen a administración provincial, con programas como o Plan Concellos ou as obras en infraestruturas, sería imposible”. “O antes e o despois é obvio e é brutal”, concluíu o alcalde, “e a cidadanía así o detecta e sabe aprecialo”.

As obras de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e EP-2404 de acceso a Chenlo consisten no fresado e reposición do firme das estradas, na disposición de nova sinalización horizontal e vertical, na mellora da drenaxe e na instalación de sistemas de contención de vehículos, para o que se optou pola solución de barreiras metálicas. As obras de primeira fase abranguen desde o punto inicial da EP-2403 ata o quilómetro 6 e o total da EP-2404, mentres que as da segunda fase contemplarán a transformación entre os puntos quilométricos 6 e 11,5 da EP-2403, o final da vía. Con estes traballos, a Deputación inviste 1,2 millóns de euros na transformación destas estradas en Gondomar para adaptalas aos criterios de mobilidade amable, accesible, segura e sostible das infraestruturas provinciais.

Tui encherase de maxia este venres

0

Este venres volve a actividade ao teatro municipal de Tui con ‘Magia en la manga’ e o seu espectáculo “A igualdade non ten truco”, unha función que avoga pola igualdade entre homes e mulleres no mundo da maxia.

Carlos Tomico Pérez e Sara Rodríguez Martínez conforman o elenco deste espectáculo de ilusionismo que busca promover a igualdade de xénero a través das vivencias de mulleres magas. Con diversión e maxia, “A igualdade non ten truco” transmite unha mensaxe esencial para a sociedade actual nunha función para todos os públicos.

A obra está recomendada a partir de 5 anos e ten unha duración de 60 minutos. As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 4 e 3 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.

Toda a información desta programación teatral en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal

Aventura na neve na Semana Branca do Porriño

Os nenos dos colexios do Porriño pasarán un días na neve no marco da Semana Branca.

Este ano os escolares viaxarán á Estación de Esquí Valle Laciana-Leitariegos, unha pequena e familiar estación de esquí situada na provincia de León, na bisbarra de Laciana que é Reserva da Biosfera e no límite co Principado de Asturias. Alí pasarán tres días nos que vivirán unha experiencia de neve na que convivirán cos seus compañeiros, aprenderán nocións básicas do esquí, participarán en xornadas multideporte e tamén nunha xincana deportiva-cultural na que coñecerán os diferentes costumes da comarca leonesa.

Na excursión participarán todos os centros de primaria do municipio que sairán de maneira escalonada. Hoxe foi a quenda do CEIP Plurilingüe de Atios e do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, mércores partirán os nenos e nenas do CPR Santo Tomás e CPR Hermanos Quiroga e o vindeiro luns 6 de marzo o farán os do CEIP Xosé Fernández López, CEIP Cruz Budiño e CEIP da Ribeira.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, despediron hoxe ao primeiro grupo de nenos e nenas, aos que pediron que disfrutaran ao máximo destes días xuntos e de todas as actividades e aventuras que lles esperan.

Esta actividade, organizada pola Asociación Semana Branca en colaboración co Concello do Porriño que aporta 15.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Asociación Xornadas Brancas constituída por todos os centros educativos de primaria do municipio.

Iniciadas na Avenida de Galicia as obras do paso elevado do camiño escolar seguro

As obras do camiño escolar seguro entran na súa fase final co inicio das obras do paso de peóns sobreelevado na Avenida de Galicia, entre os Xardíns da Xiralda e a rúa Trobador Xoán García. Esta actuación consiste na prolongación da plataforma única da rúa Trobador até os xardíns situados na parte posterior da Casa do Concello, unindo dese xeito este espazo e toda a área peonil central da vila co camiño escolar seguro que dende a rúa Trobador vai até o CEIP Ramiro Sabell case un quilómetro e até a entrada aos IES Val do Tea e Pedra da Auga.

Ademais, esta actuación pretende contribuír ao calmado do tráfico neste tramo da Avenida de Galicia, con gran volume de circulación de vehículos e de persoas que a atravesan no paso de peóns situado detrás da Casa do Concello. A plataforma dará prioridade ás e aos peóns e o seu sistema de ramplas de subida e baixada obrigará ás persoas condutoras a minorar a velocidade.

Por outra banda, o Concello adxudicou a execución dun novo tramo de camiño escolar na rúa Forno Telleiro. Trátase do tramo que discorre a carón do parque Ferro Ucha e que une a rúa Trobador Xoán García de Guillade coa rúa Nardos e a través desta co Paseo Matutino. A obra, que consiste en prolongar a plataforma única e retirar o peche do parque adxudicouse por un importe total de 47.341 euros e está financiada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a través das axudas do Ministerio de Sanidade con cargo aos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) . O prazo de execución será de 4 semanas.

Milleiros de persoas gozaron do desfile de entroido na Guarda

0

O Concello da Guarda pechou este pasado domingo día 27 de febreiro o Entroido 2023 cun gran Desfile que congregou a numeroso público entre a “Esquina Famosa” e a Alameda da Guarda.

Despois de varias xornadas de entroido no que non faltaron actividades e programación para todo tipo de gustos e idades, con música, humor, deporte, propostas infantís e moito máis.

Malia que o Desfile de Entroido adoita celebrarse o martes, debido a situación meteorolóxica desfavorable, este ano foi adiado ata a xornada do domingo, onde milleiros de persoas puideron gozar deste colorido e animado desfile.

A batucada viguesa “Bate no Cobre” foi a encargada de abrir o Desfile de Entroido na Guarda 2023, seguida dos diferentes grupos, carrozas e comparsas participantes, así coma tamén algún participante individual.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, valorou moi positivamente a participación neste desfile de Entroido, tanto de participantes coma de espectadores, que encheron as rúas da vila nun multitudinario e visual desfile.

Rafa Álvarez, Concelleiro de Festas e Festexos Populares, indicou que a programación deste Entroido na Guarda foi unha programación moi completa, pensada para gozar do Entroido por todos os veciños, agradecendo a implicación e alta participación nas diferentes actividades realizadas.

Continúa a posta en valor do parque forestal de Monte Castelo en Salvaterra

O Concello de Salvaterra de Miño, o equipo directivo do obradoiro de emprego “Salvaterra Emprega II” e a Comunidade de Montes de Pesqueiras reúnense para seguir avanzando no plan de traballo de posta en valor do parque forestal Monte Castelo.

Dentro das diferentes liñas de acción do obradoiro de emprego, e do convenio asinado entre o Concello e a Comunidade de Montes co fin de seguir mellorando o patrimonio municipal e reforzar un recurso turístico moi importante para Salvaterra como é o Monte Castelo, realizouse a primeira reunión de traballo para definir as liñas de actuación nos próximos meses.

Os alumnos do obradoiro realizarán labores de preparación do terreo para a plantación de 100 frondosas autóctonas o día da árbore, a selección de rebrotes de castiñeiro e carballo afectados polos lumes de 2017, iniciaran os traballos de eliminación das árbores invasoras presentes no parque forestal, maioritariamente Acacia negra (Acacia melonoxylon) e Pau espiño (Robinia pseudoacacia). Realizarán tarefas de clareo e saneamento de Eucaliptos para diminuír o risco de incendios, poda alta das árbores que afectan o tránsito pola estrada, apeo e derribo das árbores mortas, enferma ou con perigo de caída, acondicionamento da contorna da capela e a poda sanitaria do carballo da Capela

Reunión en Arbo para informar das medidas fronte á flavescencia dourada na vide

0

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o subdirector de Explotacións Agrarias e o xefe Territorial de Medio Rural reuniranse cos viticultores de Arbo o 8 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio do centro multiusos para informar das medidas fronte a flavescencia dourada da vide.

Provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus), detectouse a súa presenza en plantas illadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 quilómetros con respecto á fronteira con Portugal, onde se detectara a doenza con anterioridade. Con todo, a zona demarcada onde se adoptan medidas en Galicia esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

Medidas

Así, dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas.

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.