O Goberno municipal de Ponteareas desminte categoricamente os “bulos calumniosos” que dende última hora de onte difundíronse nun medio de comunicación e en redes sociais responsabilizando ao Concello dunha morte por infarto ocorrida nunha vivenda da rúa da Esperanza.
O Concello explica que, de acordo co informe da Policía local, ás 13:42 horas a patrulla da Policía Local recibiu unha alerta do 112 por infarto na rúa da Esperanza. De inmediato a Oficial da Policía e un axente acudiron ao domicilio do afectado, equipo ao que logo se uniron bombeiros municipais. Todos eles comezaron as manobras de reanimación, que duraron 30 minutos aproximadamente.
De acordo co informe policial, os servizos sanitarios non chegaron ao lugar até media hora despois do aviso. Á súa chegada, indicaron aos axentes que cesaran nos intentos de reanimación por resultar xa innecesarios e se limitaron a certificar o falecemento da persoa. A profesional sanitaria que acudiu á vivenda aclarou diante dos axentes que o retraso se debera a non dispoñer antes dunha ambulancia, o que provocou a reacción da parella do falecido e a intervención da Policía para rebaixar a tensión. A médico que interviu fai constar no seu propio informe, xa unido ao atestado policial, que “tardamos en llegar ya que no había ambulancia”.
Fronte a estes feitos, un medio de comunicación e diferentes usuarios de redes sociais atribuíron ao Concello a responsabilidade do falecemento a través de tres falsidades. Por unha banda, afirmando que “los servicios de emergencia no pudieron atenderle al no poder acceder a la zona por culpa de las obras que se están acometiendo en todo el centro de la villa”. En segundo lugar se relacionaba a morte coas peonalizacións de rúas afirmando que “la muerte de esta persona se produjo en la Rúa Esperanza donde se han instalado bancos en medio y medio de la calle”. E, por último, afirmábase xenericamente: “los servicios de emergencia indignados ante un hecho que se repite (…) tras haber avisado en repetidas ocasiones al gobierno local ante la imposibilidad de acceder al casco urbano debido a las obras y los obstáculos instalados en las calles como bancos y maceteros”.
“
A profesional sanitaria que acudiu á vivenda aclarou diante dos axentes que o retraso se debera a non dispoñer antes dunha ambulancia. […] A médico que interviu fai constar no seu propio informe, xa unido ao atestado policial, que “tardamos en llegar ya que no había ambulancia”
O propio informe médico desminte estas acusacións e revela a extrema gravidade das calumnias vertidas contra o Concello, motivo polo que o Goberno local anuncia que adoptará de inmediato medidas no plano xudicial, mediático e institucional para que condutas intolerábeis nun estado de Dereito non queden impunes.
Obras
As únicas obras en execución en rúas do centro urbano estanse realizando en Avenida de Galicia, Paseo Matutino e Trobador Xoán García. Ningunha desas rúas está cortada ao tráfico. Pero ademais, ningunha delas é acceso á rúa da Esperanza, á que se pode chegar até por cinco itinerarios diferentes. O propio informe policial sinala que a ambulancia estacionou na entrada do edificio onde se produciu o falecemento.
Bancos e xardineiras
Os bancos e xardineiras da rúa da Esperanza, como os das demais rúas peonís, permiten o paso de todo tipo de vehículos, incluído un camión de bombeiros. Trátase dunha rúa pola que circula o tráfico autorizado, tamén furgóns de reparto e de venda ambulante.
Supostos avisos
É falso que os servizos de emerxencia teñan avisado ao Concello da imposibilidade de acceder ao centro urbano. E é falso porque, ademais de non constar ningún aviso, non existe ningunha imposibilidade.
Helicóptero
A falta de ambulancia obrigou ao 112 a requirir un helicóptero con base en Ourense e os bombeiros comunicaron ao 112 como lugar de aterraxe as fincas a carón do Centro de Saúde ou o campo de fútbol do CEIP Nosa Señora dos Remedios. A Policía local, á vista da ausencia da ambulancia, engadiu como posibilidade máis próxima o espazo peonil situado diante do Concello, que actualmente dispón de moito máis espazo libre pola ausencia de vehículos. Ao estar rodeado de edificios e de cables, o helicóptero, para maior seguridade, aterrou nun amplo solar a só 150 metros da Casa do Concello. Porén, o paciente xa falecera antes da chegada do helicóptero e, en calquera caso, a ausencia de ambulancia para trasladalo até o helicóptero facía inútil a súa intervención.
O Goberno cualifica de “delirante” atribuír ás peonalizacións dificultades para a intervención de helicópteros e lembra que os centros urbanos non son heliportos para que un helicóptero aterre diante dunha vivenda pola ausencia dunha ambulancia.