Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas remata as obras de acondicionamento da casa de autopsias

A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, Rosa Covelo e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, visitaron as obras de acondicionamento da casa de autopsias do cemiterio municipal, financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que supuxeron un investimento de 38.216,05 € (IVE incluído).

Os traballos permitiron a substitución das carpinterías exteriores e o encintado e tratado exterior das paredes. Amais, tal e como explicou Chus Garrote, tamén se actuou nos terreos do cemiterio revisando e subsanando a rede de abastecemento e a recollida de auga coa instalación de tomas na área das sepulturas “permitindo mellorar os puntos nos que as usuarias e usuarios recollen auga e a canalización das augas sobrantes destes puntos”.

Este edificio que data de finais do século XIX, segundo datos do catastro do ano 1900, servía antigamente como casa de autopsias, velatorio e almacén. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, adianta que “pasará a ser de uso do persoal municipal do seu departamento para que dispoñan dun espazo no que poder cambiarse e deixar as súas pertenzas na xornada laboral coa colocación de taquillas e bancos”.

Covelo e Garrote explican que eran unhas obras moi necesarias nun edificio municipal podéndolle dar agora un mellor aproveitamento.