Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra de Miño adhirese ao «Pacto dos alcaldes sobre o Clima e a Enerxía»

Nas súas primeiras accións solicita a RENFE un incremento das paradas na estación de Salvaterra nas liñas existentes para potenciar o uso do transporte colectivo

O Concello de Salvaterra de Miño ven de aprobar en pleno a adhesión ao Pacto dos alcaldes sobre o clima e enerxía, compromenténdose a reducir as emisión de CO2 e aumentar a súa resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.

Nesta liña e no mesmo Pleno, o Grupo de Goberno solicitou a RENFE “un aumento das liñas que paran na estación de Salvaterra de Miño”, co fin de potenciar o uso do transporte colectivo e menos contaminante fronte o uso dos vehículos particulares que contaminan moito máis.

Para fomentar o uso do tren o Equipo de Goberno solicitou a parada na estación de Salvaterra de Miño de catro liñas de tren xa existentes, tanto dirección  Vigo–Ourense como Ourense–Vigo e a realización dun estudio “para crear novas liñas, en ambas direccións, que faciliten os horarios laborais dos veciños e veciñas para desprazarse aos seus traballos”.

A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos Alcaldes, unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea.

O Pacto consiste no compromiso das cidades asinantes en ir máis alá dos obxectivos adoptados para o ano 2020 pola UE para reducir as emisións a través de medidas de eficiencia enerxética, de accións relacionadas coa promoción das enerxías renovables e da mobilidade urbana sostible.