Martes, 13 Maio de 2025

Zona Franca e concellos do Baixo Miño traballan no impulso do sector hortifrutícola da comarca

O Consorcio da Zona Franca traballa na elaboración dun informe estratéxico sobre a actividade hortofrutícola na Comarca do Baixo Miño

Dentro do marco das reunións periódicas que veñen mantendo o Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo coas alcaldesas de Tomiño, Sandra González e O Rosal, Ánxela Fernández Callís e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, esta mañá mantiveron unha nova reunión na que concretaron as liñas de traballo a desenvolver no informe estratéxico sobre a actividade hortofrutícola en Baixo Miño, cuxo obxectivo será favorecer o impulso dunha das actividades da comarca con maior relevancia e potencial, pero tamén, con grandes retos e desafíos #ante a novo paradigma económico.

O estudo incluirá un diagnóstico da situación real, unha análise das oportunidades e ameazas da contorna económica actual e futuro, así como as debilidades e fortalezas do sector. Analizaranse exhaustivamente casos de éxito noutras rexións do mundo que poidan resultar inspiradores e, finalmente, concretaranse liñas de acción para o impulso definitivo do sector.

Colaborarán neste estudo, que se poñerá en marcha de maneira inmediata, AcuBam, asociación que aglutina ás empresas da comarca que traballan no agro, ( hortícolas, produtoras de flor cortada e viveiros, empresas auxiliares e transporte) e técnicos do Consorcio.

Os alcaldes do Baixo Miño puxeron de manifesto o excelente punto de partida para o estudo. E é que os concellos, produtores e outras empresas da cadea de valor apoian de forma unánime o proxecto e están decididamente implicados no esforzo conxunto.

Pola súa banda, Zona Franca destaca a necesidade de levar a cabo acciones e programas de calado, que teñan un impacto real no desenvolvemento económico e social das comarcas e que proporcionen aos habitantes do rural un medio de vida digno que permita ás xeracións presentes e futuras seguir crecendo no seu territorio.