Sábado, 3 Maio de 2025

A gran demanda obriga a ampliar o número de prazas do «II Trail Orixes» de Mondariz

A poucas horas de pechar o prazo de inscricións para a segunda edición do «Trail Orixes», case todas as prazas cubertas. A gran demanda que esperta este Trail, fixo que a organización decidira ampliar en 30 o número de prazas na modalidade de MiniTrail que pasa dos 200 a 230 participantes. O «Trail Orixes» ten tres modadlidades: Maratón de 46 quilómetros; Trail de 26 quilómetros e, finalmente, MiniTrail de 14 quilómetros.

A ampliación do número de prazas na distancia de 14 quilómetros busca, tal e como sinala a organización, “que todos os corredores e corredoras poidan vir a correr a Mondariz”

No resto de modalidades hai poucas prazas dispoñibles e así este ano, a pesar de ter que adiantar un día por motivo da celebración das eleccións a participación viuse incrementada, chegando a case 400 participantes.

Dende a organización quixeron agradecer “a todas e todos os participantes inscritos por facer que este trail crezca non so en número de participantes senón tamén en calidade tanto técnica coma humana, e ver como corredores repiten un ano máis”

A Asociación Deportiva Mondariz, organizadores deste Trail, tamén quixo agradecer “o apoio e traballo a todos os colaboradores, patrocinadores e voluntarios que fan posible que se celebre este II Trail Orixes”.

A AD Mondariz subliña a importancia desta iniciativa para “potenciar non so o deporte no noso concello senón pór en valor o noso monte e entorno, dalo a coñecer as persoas que se achegan para participar no trail así como a moitos veciños que ven como ese día o seu entorno forma parte da experiencia vivida polos corredores”.