Sábado, 3 Maio de 2025

A alcaldesa visita o Xadrez nas Aulas no CEIP Pena de Francia

Un ano máis volta o xadrez ás aulas de Mos, este curso 2023-2024, como novidade, faino durante o primeiro trimestre de cara a que os escolares que se interesen pola actividade poidan pasar a formar parte do Club Xadrez Mos, entidade deportiva mosense encargada de impartir o taller nos 5 colexios mosenses.

Onte achegouse a compartir un rato da actividade co alumnado de 2º curso de Primaria do Colexio Pena de Francia a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira de Educación, Julia Loureiro; quenes departiron coa cativada e felicitaron a Brais Otero Nogueira, adestrador do clube e encargado de impartir o Xadrez nas Aulas, pola década de vida do Club Xadrez Mos. Xa que coincide que o vindeiro ano 2024 o Club Xadrez Mos cumpre o seu 10º aniversario, cunha década de traballo tras de si, que trouxo un crecemento meteórico e exponencial do clube mosense, que o levou a converterse nun dos mellores de Galicia, tanto en cantidade como en calidade de xogadores. Crecemento motivado tamén, en parte, por esta actividade que se desenvolve nos CEIPs do municipio, promovida e financiada polo Concello de Mos, dentro do Programa de Actividades durante o Horario Lectivo que desenvolve a concellería de Educación mosense. E é que, durante esta década de traxectoria, a entidade deportiva impartiu 8 edicións de ‘Xadrez nas Aulas’, iniciativa promovida e financiada polo Concello, da que saíron moitos dos xogadores do clube, e algúns deles converténdose en campións facendo podios a nivel autonómico e nacional.

“Trátase dunha actividade pioneira e exclusiva entre os concellos da área, e probablemente de Galicia”, tal e como apuntan dende a directiva do Club Xadrez Mos.

Os obradoiros desta 8ª edición de Xadrez nas Aulas lévanse a cabo dende o pasado 2 de novembro e rematarán o vindeiro 5 de decembro, e cada curso realizará 4 sesións. Benefícianse desta actividade todos os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de educación primaria dos 5 colexios públicos do municipio: CEIP de Atín-Cela, CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Mestre Valverde Maio, CEIP Pena de Francia e CEIP de Petelos.

O Concello de Mos leva o xadrez ás aulas co obxectivo de optimizar os procesos de aprendizaxe do alumnado, entre outros beneficios.

Esta actividade organízase por oitavo ano consecutivo. E nela, ao longo dun mes, os alumnos/ as de primeiro e segundo de Primaria reciben 4 sesións de introdución ao xadrez. Nelas descobren o taboleiro, as pezas e os seus movementos, así como a normativa básica para poder gozar dunha partida de xadrez.

O encargado de impartir a actividade, Brais Otero Nogueira, adestrador do Club Xadrez Mos, declara sobre a mesma que “é para min un pracer inmenso escoitar a eses nenos e nenas cada semana: xoguei unha partida coa miña nai, co meu avó, co meu amigo, coa miña veciña! É de moito agrado ver a ilusión coa que acollen a nosa paixón. Seguro, na gran maioría de fogares do noso Concello hai un taboleiro escondido nalgún recuncho, e grazas á ilusión destes novos xadrecistas, todos eses taboleiros recuperáronse. Sen dúbida, é a maneira de arraigar o xadrez no noso Concello, espertando o interese dos máis pequenos. Por iso, para o Club Xadrez Mos é un orgullo realizar esta actividade cada ano. É a mellor maneira de sementar a semente da nosa paixón, o xadrez, entre os veciños e veciñas de Mos. Agradecer infinitamente ao Concello e Centros Educativos a súa predisposición e total apoio para realizar levar a cabo a actividade. E por suposto, a eses futuros xadrecistas pola súa ilusión, que sen dúbida nos recarga as pilas para seguir traballando e promocionando o xadrez no noso Concello”.

O xadrez, grazas as súas características lúdicas e intelectuais, é un recurso pedagóxico apropiado para axudar a que nenos e nenas desenvolvan múltiples habilidades mentais que, sen dúbida, optimizarán os seus procesos de aprendizaxe: analizar e sintetizar, concentrarse, memorizar, solucionar e tomar decisións baixo presión, desenvolver a creatividade e a imaxinación, razoar dunha forma lóxica-matemática, e programar. Tamén se lles ensina a revaliar o seu plan cando novas realidades cambian a situación orixinal.

Estes beneficios, foron apoiados por diferentes investigacións educativas. Realizáronse estudios en varias localidades de Estados Unidos e Canadá, que mostran que o xadrez consegue incrementar a puntuación de exames estándar tanto enlinguacoma en matemáticas. Os estudos realizados en Estados Unidos, mostraron que o xadrez consegue maiores puntuacións nos tests “Watson Glaser” para a avaliación do pensamento crítico e no test de “Torrance” para o pensamento creativo.

Ademais dos beneficios relacionados co “mundo científico”, nas escolas, o xadrez axuda a construír lazos de amizade e ensina deportividade: como gañar con elegancia e a non virse abaixo ao afrontarse á derrota.

Para os nenos con problemas de axuste emocional, hai moitos exemplos onde a xadrez consigue aumentar a motivación, mellorar o carácter, a propia imaxe, e incluso a capacidade de atención. Para os nenos e nenas con TDAH, aumenta o grado de concentración e memoria, e favorece o adestramento en atención para aqueles nenos e nenas diagnosticados.

Soamente, esta calidade comprobada do xadrez, xustifica o intento de engadilo dentro da aula e facelo accesible a todos e todas os alumnos e as alumnas a partir dos primeiros anos.

Poñer o xadrez ao servizo da educación non só ten a finalidade de desenvolver a arte de pensar, senón tamén cultivar valores. Existe un estudio piloto sobre os beneficios do xadrez na escola como recurso educativo, demostrando que favorece a optimización dos procesos mentais (atención, memoria e procesamentos) implicados no aprendizaxe.