Domingo, 11 Maio de 2025

O PSOE de Baiona denuncia que o Goberno local “xa perdeu en catro meses dúas subvencións conseguidas polos socialistas”

O portavoz socialista, Carlos Gómez, asegura que "a vila perde investimentos por valor de 236 000 euros"

Carlos Gómez Prado, portavoz socialista no Concello de Baiona, lamenta “a desidia e a falta de xestión” por parte do goberno do Partido Popular de Baiona que “en só catro meses perdeu, por non executalas, dúas subvencións concedidas ao goberno socialista no anterior mandato”.

Unha das subvencións, de 50 000 euros con fondos europeos, estaba destinada a crear unha guía interactiva da vila e, noutra das liñas, á eliminación das plantas invasoras no paseo Monte Boi.

“Perdeuse tamén unha convocatoria de eficiencia enerxética da Xunta para edificios públicos, cunha subvención de 186.000 euros para a instalación de paneis solares na cuberta do pavillón e dun calefactor de pellets, tamén no propio pavillón municipal”, engade o portavoz socialista.

“Os veciños e veciñas son e seguirán sendo testemuñas de que as cousas cambiaron a peor desde as eleccións municipais de maio, cun goberno do señor Almuiña que non xestiona e deixa perder subvencións”, remata Gómez Prado.