Domingo, 4 Maio de 2025

Mos traballa no convenio coa Asociación Psicoanalítica de Galicia para reforzar o servizo de apoio psicolóxico municipal

Trátase da primeira iniciativa do Plan Local de Impulso á Saúde Mental

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, reuníronse na sede do departamento no Edificio Multiusos das Pozas, acompañadas pola psicóloga municipal, Elena Bastos, co presidente da Asociación Psicoanalítica de Galicia, psicólogo de profesión e veciño da mosense parroquia de Dornelas, Antonio Muñoz Gallego, para abordar a primeira das accións do Plan Local de Impulso á Saúde Mental, que foi unha das propostas que a rexedora Arévalo presentara no seu último programa electoral no capítulo adicado ao ‘Mos das persoas’.

Da xuntanza extraeuse a vontade de inicio dun marco de colaboración para a vindeira sinatura dun convenio polo que a Asociación presidida por Muñoz Gallego ofrece ao Concello sesións de terapia gratuítas con pacientes tanto maiores como menores de idade que se deriven desde os departamentos municipais de Política Social (entre as familias usuarias dos Servizos Sociais Comunitarios), Centro de Información á Muller, CIM, e Educación (alumnado da comunidade educativa mosense: colexios e instituto).

Deste xeito verase reforzado o servizo de atención psicolóxica municipal, dotado de dúas psicólogas, unha en Servizos Sociais e outra no CIM. O reforzo virá dotado dun psicoanalista da Asociación Psicoanalítica de Galicia que ofrecerá terapia a varias persoas usuarias, a razón dunha sesión semanal que terá lugar nas propias dependencias municipais do departamento de Política Social no Multiusos das Pozas.

Desde o Concello de Mos faise este anuncio coincidindo coa recente celebración do Día Internacional para a prevención do suicidio, o pasado domingo 10 de setembro; e como primeiro paso do Plan Local de Impulso á Saúde Mental que o goberno local ideou como xeito de implementar o coidado dunha saúde, a mental, tan importante no aspecto tanto físico como psicolóxico do ser humano, que históricamente ten sido tan esquecida e que está a ser visibilizada nos últimos anos en aras de erradicar a estigmatización das enfermidades mentais.

Así mesmo esta iniciativa pretende ser un bo acompañamento para persoas do municipio que estean a atravesar unha crise por un suceso traumático, unha experiencia especialmente dura ou difícil, etc.