Xoves, 8 Maio de 2025

Baiona, capital da vela galega co Trofeo Príncipe de Asturias

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do 38º Trofeo Príncipe de Asturias que tamén porá en liza a 27ª Gestilar Ladies Cup, o Trofeo Presidente Xunta e o  Trofeo Conde de Barcelona cunha totalidade de 80 barcos competindo de oito clases diferentes do 1 ao 3 de setembro. O Trofeo Príncipe de Asturias conta co apoio da Xunta de Galicia e destacará polos trinta J80 de diferentes partes de España no que será un preámbulo para o Mundial de J80 que terá lugar en setembro en Baiona.

O impulsor destas tres prestixiosas citas náuticas, que traerán á comunidade galega a miles de regatistas de diferentes puntos do mundo, é o Monte Real Club de Iates de Baiona, que con este triplete de eventos, apenas un ano despois de albergar as 52 SUPER SERIES, volve demostrar unha vez máis o seu gran potencial organizativo.

Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a grande importancia de Baiona na vela galega e internacional, primeiro, coa chegada da Pinta coa noticia do descubrimento de América en 1492; más tarde coa importancia concedida por Felipe II pola súa fortaleza naval e marítima; e por último, por ser berce de grandes deportistas como Jorge Maciel, que foi o primeiro regatista galego en estar presente en dúas citas olímpicas: Atlanta 96 e Sidney 00.

Lete Lasa destacou a importancia dunha proba que xa vai pola súa trixésimo oitava edición dende 1986 e que, organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona e a Escola Naval de Marín, tomou este nome pola estadía naquel ano do herdeiro á coroa Felipe de Borbón na Escola Naval e que participou na regata nos anos 19886, 1987, 1988, 1991, 1998 e 2005, gañando o trofeo na edición de 1998.

O presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, destacaba na presentación do evento a amálgama que supón esta cita, “que se caracteriza por fusionar con mestría diferentes ámbitos da actividade humana”, dixo. “O deporte, a natureza, o turismo, a economía, o feminismo ou a inclusión social converxen nun evento que é, tamén, unha oportunidade única para o lecer e a diversión nunha contorna única como son as Rías Baixas”.

O secretario xeral para o Deporte gabou o nivel da vela galega que conta con once deportistas que competiron nuns Xogos Olímpicos e destacou a importancia nestes éxitos de eventos como o Trofeo Príncipe de Asturias que se conciben como competicións para todos e para todas. Deste xeito destacou a vixésimo sétima edición da Gestilar Ladies Cup, na que participarán seis embarcacións femininas de distintos puntos de España ou a participación dunha embarcación da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares, co obxectivo de abrir á competición á navegación adaptada como leva facendo o MRCYB mediante actividades para persoas con diversas discapacidades físicas, cognitivas e sensoriais, así como para nenos con dificultades conductuais ou mulleres que sufriron violencia de xénero, grazas a un convenio coa Xunta de Galicia.