Venres, 2 Maio de 2025

AGADIC trae a Pili Pampín en concerto a Tameiga

A Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, trae a Mos, ao parque de Costoias, o concerto da cantante galega Pili Pampín, enmarcado na programación da Festa de Santa Filomena, que organiza a Asociación Cultural San Martín de Tameiga.

O cartel da celebración presentouse esta mañá en Costoias contando coa presenza do tenente de alcaldesa Camilo Grandal, a concelleira da parroquia de Tameiga Feli Rodríguez, a edil mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, demais membros do equipo de goberno local e membros da directiva da A.C. San Martín.

Santa Filomena celébrase o 13 de agosto no Parque de Costoias de Tameiga a partires das 12:00h. Ademáis dos actos relixiosos, que comezarán ás 12:00h, na Igrexa Parroquial de San Martín de Tameiga coa tradicional Misa, cantada pola Coral O Son dos Cantares, seguida da procesión acompañada pola Banda de Gaitas Os Zoqueiros de O Porriño e ó remate, concerto da mesma; a tarde estará amenizada en Costoias, a partires das 20:00h, pola Banda de Saxos de Redondela e seguida do concerto de Pili Pampín ás 21:30h. A actuación da coral corre a cargo do Concello e as da banda de gaitas e orquestra de saxos finánciaas o Pontegal da Deputación.

A Festa de Santa Filomena será unha gran oportunidade para disfrutar dunha xornada amenizada por grandes formacións musicais. Tratarase dun encontro moi especial no que o público poderá gozar da música co broche da actuación estrela da cantante Pili Pampín.