Venres, 9 Maio de 2025

O roteiro musical Sons do Casco chega a Baiona o 17 e 18 de xuño

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá o sábado e o domingo, 17 e 18 de xuño,  leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán 11 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando, a Praza Fonte de Zeta e este ano introdúcese como novidade a Praza de San Xoan. Outra das novidades desta edición e o pasarrúas nocturno a cargo dunha fanfarria que  ambientará as rúas do Casco Vello desde ás 22:30 ata a medianoite do sábado.

Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona,   declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio  en 1993.

Con iniciativas como estas quérese participar na reactivación económica do municipio.  Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses.  Con esta  atractiva programación  quérese seguir atraendo xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta.

O roteiro musical Sons de Casco dará o pistoletazo de saída á axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofrecerá todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o goce os veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade.