Venres, 9 Maio de 2025

Volve, un ano máis, o Rallye Recalvi Rías Baixas ao Porriño

O Concello do Porriño acolleu hoxe a presentación da 56 edición do Ralllye Recalvi Rías Baixas. O acto, que presidiu o alcalde, Alejandro Lorenzo, contou coa participación de Fernando Mouriño, presidente da Escudería Rías Baixas, José Vicente Medina, vicepresidente da RFEA, Abel Estévez, concelleiro de Deportes e José Manuel Freire, coordinador de Deportes da Xunta de Galicia.

Tal e como explicou o presidente da Escudería Rías Baixas, a inscrición este ano volveu sorprender e serán 104 os pilotos que disputen a proba. Mouriño destacou unha vez máis a vinculación do Rías Baixas co Porriño que “vén de moi lonxe, xa que a primeira clasificación que se pasou a ordenador do Camionato de España de Rallyes fíxose aquí, no Porriño. Foi no ano 1967 en Zeltia, algo que demostra a estreita vinculación do Concello con este rallye”. “No Porriño sentímonos como na casa”, incidiu.

Pola súa banda, José Vicente Medina, destacou o “incrible esforzo que está a facer a Escudería que ano tras ano traballa para mellorar e respectar escrupulosamente os regulamentos” e tamén agradeceu o apoio das administracións que o fan posible e en especial o “do Concello do Porriño que pon á nosa disposición non só medios económicos, senón loxísticos e de persoal”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu felicitando á escudería Rías Baixas polo seu aniversario “medio século de vida só se cumpren con moito traballo e moita adicación” e  convidou a todo o mundo a “vir ao Porriño e disfrutar da gran festa do motor, ademais das nosas paisaxes, hostalería e da nosa vila que vos recibirá cos brazos abertos”.