11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaO Cross de Pedornes volve o 13 de maio como carreira infantil

    O Cross de Pedornes volve o 13 de maio como carreira infantil

    O Cross de Pedornes volve tras un parón de 27 anos sen celebrarse, cunha nova edición dirixida especificamente aos máis pequenos e pequenas do Baixo Miño e Val Miñor. Esta carreira pedestre infantil celebrarase o próximo 13 de maio con un total de 6 categorías para nenos nados entre o 2010 e o 2022.

    O Cross de Pedornes foi unha tradicional carreira creada grazas á dedicación e o traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, Chicho, e que se celebrou nesta parroquia durante algo máis dunha década e congregando a varios centos de participantes nas súas edicións. A primeira foi en 1985 e, tras 11 convocatorias, celebrouse por última vez en 1996. Agora a competición volve e desenvolverá a súa XII edición baixo a denominación Cross Escolar de Pedornes e coa organización do Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes.

    A participación é gratuíta, sendo necesaria unha autorización asinada polo pai/nai/titor do menor. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse a través da ligazón https://acortar.link/kHlluG. O prazo remata o 9 de maio. Para máis información pódese chamar ao Concello ao teléfono 986362125.

    O día 13 de maio as carreiras sairán do Eirado de Pedornes ás 17.00 horas, se ben os dorsais poderán recollerse a partir das 15.30 horas. Haberá un total de 6 categorías, con distancias que van desde os 100 metros para os “minipulgas” (nenos nados nos anos 2020, 2021 e 2022) ata os 1.750 metros para os participantes inscritos na categoría “infantil” (nados nos anos 2010 e 2011). Haberá un pequeno agasallo para todos aqueles que participen e os vencedores serán premiados cun trofeo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.