Sábado, 3 Maio de 2025

O Goberno local da Cañiza desminte que se lle negara información ao Grupo Popular

Para o grupo socialista "o PP de Domínguez segue enredando con mentiras e manipulacións" e acusa ao candidato popular de "seguir montando o circo con novos falsos argumentos"

O Grupo Socialista do Concello da Cañiza denuncia o que cualifica como “mentiras e manipulacións” nas redes sociais do PP que, segundo as e os socialistas cañicenses “mostran dous decretos da alcaldía para seguir argumentando falsamente que o Alcalde lle prohibiu o acceso á documentación a Domínguez (portavoz do PP).

A falsidade destes argumentos, sinalan fontes socialistas, veñen demostradas polo feito de que “un decreto ratificaba, de maneira redundante, o acceso; e o segundo anula o primeiro, por ser innecesario”. O certo, subliñan, é que “en ningún deses decretos se prohibe o acceso á documentación, pois dito acceso está concedido automaticamente ao non existir denegación por escrito nos 5 días seguintes á petición. ROF Art. 14: “La petición de aceso a las informaciones se entenderá concedida por silencio administrativo(…) en el término de cinco días a contar desde la fecha de solicitud…”

Polo tanto queda demostrado, afirman, que nunca se denegou ó acceso á documentación. “O PP de Domínguez usa esta denuncia, falsa, a menos de 2 meses dunhas eleccións, para atacar ao alcalde socialista Luis Piña, xa que carece de argumentos de ningún outro tipo para poder facelo”.

Por outra banda, a Secretaria Municipal certifica que o alcalde xamais denegou o acceso a un expediente a ningún concelleiro ou concelleira. Para que exista o delito que acusa o PP de Domínguez, engade o PSOE cañicense, “tería que existir un decreto negando acceso a documentación, cousa que en ningún caso existe tal como acredita un certificado emitido pola secretaria municipal”.

As dilixencias previas iniciadas nun xulgado son un paso normal ante unha querella. O que non é tan normal, aseguran, “é presentar documentación manipulando a realidade: un decreto anula o outro decreto, pero o acceso xa o tiña dende antes por silencio administrativo”.

“Ao afirmar que se lle prohibe o acceso á documentación o PP da Cañiza minte”, conclúe o PSdeG da Cañiza .