13.9 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Illa de San Simón acolleu o debate sobre a situación do...

    A Illa de San Simón acolleu o debate sobre a situación do cinema no norte de Portugal

    André Guiomar, presidente de APNEIA (Associação de Produtores Nortenhos e Empresários Independentes de Audiovisual), Luís Costa, membro de APNEIA e produtor de Olhar de Ulisses, e Mafalda Rebelo, de Cimabilo Filmes, debateron onte pola tarde na Illa de San Simón sobre a situación do cinema no norte de Portugal e as posibilidades de coprodución e colaboración entre Galicia e o país luso. Fixérono dentro do Encontro Arraiano, celebrado ao abeiro do laboratorio creativo Conecta Lab, promovido pola Deputación e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Next Generation.

    No encontro, a e os cineastas lusos centráronse en facer unha radiografía da situación da rexión norte de Portugal no relativo ao cinema e ao audiovisual e como foi cambiando e evolucionando ao longo dos últimos anos, nos que veu gañando peso no panorama internacional, con proxectos premiados en diferentes festivais. Ademais, fixeron un repaso das produtoras cinematográficas que abriron na rexión nos últimos tempos, que foron precisamente as que propiciaron este salto cualitativo do cinema portugués. Por outra banda, falaron das consecuencias que tivo para a zona norte do país veciño ter contado con dúas capitais europeas da cultura neste século: Porto, en 2001, e Guimarães, en 2012, e a pegada que deixaron na promoción destas áreas do territorio. Finalmente, André Guiomar, Luís Costa e Malfada Rebelo aproveitaron para repasar as oportunidades de asociación que existen no presente e que poden chegar nun futuro próximo entre cineastas galegos e do norte de Portugal.

    O broche de ouro do Encontro Arraiano, veu da man da proxección especial en exclusiva da película “Fogo Fátuo”, do director portugués João Pedro Rodrigues, estreada na pasada edición da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes e gañadora do Gran Premio do Xurado no Festival de Sevilla. O filme é unha comedia musical romántica na que Alfredo, o príncipe herdeiro dun Portugal ficticio no ano 2069, regresa no seu leito de morte a afastados recordos de xuventude e á época na que soñaba con ser bombeiro, cando viviu unha intensa historia de amor co seu instrutor Afonso que abriu un novo capítulo na vida dos mozos. Trala proxección da película, os e as participantes tiveron a posibilidade de participar nun coloquio co seu director.

    Tras dez días de intenso traballo e cunha ampla programación, este xoves, 20 de abril, chega ao seu fin Conecta Lab, o laboratorio audiovisual de ideas no que as/os creadoras/es galegas/os Iria Sobrado (co proxecto “Aquagym”), Alexandre Cancelo (“Grimsey”), Nacho Ozores (“La idea de un hijo”), Lidia Fraga e Jacobo Díaz (“Normal”), Irene Pin (“Terás que saltar”), Dani Viqueira (“Invisibles”) e Rafa de los Arcos, como proxecto invitado con “O pesadelo das vacas”, traballaron nos seus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos distintos aspectos artísticos e narrativos

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.