Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz aposta pola dinamización da lectura con diversas actividades

Raquel Queizás, Lorena Pinheiro, Anxo Fariña e Os Quinquilláns presentarán os seus espectáculos narrativos e teatrais na biblioteca pública municipal

A Biblioteca Pública Municipal «Xoán Xosé Pérez Labaca» de Mondariz acolle estas semanas varias actividades de dinamización da lectura, encadradas dentro do programa «Ler Conta Moito 2019» da Xunta de Galicia.

As actividades comezaban xa o mares 1 de outubro co espectáculo narrativo «Somos iguais. Contos pola igualdade» que Raquel Queixás ofreceu a un público formado polo estudantado de educación infantil e primaria.

Maña xoves, 3 de outubro, visitará a biblioteca Lorena Pinheiro, autora de «Seica», un faladoiro dirixido ao alumnado de educación secundaria e persoas usuarias do Centro de Día.

A tarde do sábado, 5 de outubro, a biblioteca organizará outra actividade lúdica orientada a rapaces e rapazas de entre 9 e 16 anos: «Escape room. Atrapados en Alicia». Os participantes estarán recluídos nun espazo decorado con temas do famoso libro «Alicia no país das marabillas» e terán que resolver enigmas para poder saír e volver ao mundo real.

Aínda que esta é unha actividade gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas, require inscrición previa porque as prazas son limitadas. Para anotarse, hai que contactar coa Biblioteca Pública Municipal de Mondariz antes do 3 de outubro a través de teléfono (986 664 333) ou correo electrónico ([email protected]).

Os eventos do programa «Ler Conta Moito 2019» continuarán a próxima semana, con actividades programadas para o 8 e o 11 de outubro. O martes da próxima semana, Anxo Fariña presentará o seu espectáculo narrativo «A cidade violeta» ante nenos e nenas de educación primaria. O venres, Os Quinquilláns representarán a obra «A pluma viva de Rosalía» a partir das 21:00 horas, con entrada libre até completar aforo.

Estas actividades súmanse a outras xa realizadas no marco deste programa durante os meses de verán, como a actuación do músico Paco Pakolas durante a festa de inchables do 1 de setembro, co seu espectáculo infantil «Contos, cores e rock’n’roll».