O vindeiro sábado, día 1 de abril ás 20 horas, o Concello das Neves realizará o acto formal de cambio de nome do Auditorio Municipal, ata o de agora Auditorio Víctor Vázquez Portomeñe, que pasará a chamarse ‘José Gil’ (As Neves 1870-Vigo 1937). Réndese homenaxe, deste xeito, a este home, considerado ao pai do audiovisual galego.
Este 2023 pode considerarse o ‘Ano José Gil’, tanto pola publicación do libro ‘Nos días encantados de agosto’ (Editorial Galaxia), de Manolo González, como pola homenaxe que lle rende a Deputación de Pontevedra durante estes doce meses, mediante charlas e exposicións, acompañadas dun ‘Cinema Móbil’, por 30 concellos da provincia cos que o cineasta tivo relación, comezando polo que o veu nacer, As Neves, o pasado mes de febreiro –logo da presentación no Museo MARCO de Vigo– seguindo por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín , Vilagarcía, para rematar, no mes de decembro, en Ponteareas.
Camarógrafo, director, productor, documentalista
Camarógrafo, director, produtor e exhibidor, Gil filmou unhas 155 películas de diferentes xéneros nas primeiras décadas do século XX, ademáis o seu traballo, converteo no primeiro documentalista de Galicia, o primeiro reportero gráfico e o primeiro produtor –tivo ata tres empresas produtoras en Vigo, unha delas nun inmoble da rúa Príncipe, onde, nos vindeiros meses situarase unha placa para lembralo–.

Publicista, reportero gráfico ou exhibidor
José Gil, tamén está considerado o precursor do cinema galego de ficción, o iniciador da publicidade audivisual, en especial no eido industrial e o pioneiro do cinema da emigración. Tamén son seus os primeiros ‘noticiarios’ cinematográficos entre eles varias probas deportivas e ata partidos de máxima rivalidade, como Celta-Deportivo- e a realización de filmacións ‘móbiles’, con cámaras situadas sobre vehículos.
Entre as moitas fecetas deste home, que acabou os seus días arruinado, logo de ver morrer, unha tras outra, ás súas tres fillas, está a de reportero gráfico, fotógrafo, sendo un máis que aprezado retratista, e exhibidor: levando proxectores cinematográficos nun camión -automotor- para mostrar películas de Charles Chaplin, Buster Keaton ou Harold Lloyd.