Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Oia e a Xunta colaboran para mellorar o saneamento de Pedornes

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou nun recente encontro coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, que a Xunta avanza na colaboración co Concello coa redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento  de Pedornes.

A entidade hidráulica da Xunta, Augas de Galicia, está a ultimar o estudo previo de alternativas para a mellora da depuración na franxa costeira do municipio pontevedrés, cun investimento de 17.400 euros.

Deste xeito, durante o encontro mantido coa responsable municipal, Vázquez Mourelle confirmoulle que sobre a base dese estudo previo, a alternativa que se considera máis acaída para a mellora do saneamento do municipio propón a redución dos bombeos existentes, a excepción do de Matogueira Lanuxe, situado ao sur da depuradora de Pedornes, para o que se deseña un tanque de tormentas de 16 m³.

O conxunto das actuacións previstas na alternativa elixida están dimensionadas para atender as necesidades dunha poboación de 8.037 habitantes no ano 2047.

Con todo, o ambicioso plan de actuacións propostas anticipan a necesidade de acometer as distintas intervencións por fases.

Tal e como confirmou a titular de Infraestruturas e Mobilidade no encontro, comezarase polo proxecto correspondente para substituír a depuradora de tipo SMA de Pedornes, no que se contemplará tamén a mellora do bombeo que está a carón da praia de Mosteiro e a posibilidade de incluír tanque para o baleirado de fosas.

A rede actual de saneamento ten 3 estacións depuradoras de augas residuais compactas tipo SMA, que son infraestruturas de carácter modular que actualmente sofren forte aportación de pluviais que provocan verteduras.

Ao tempo que se avanza na redacción do proxecto construtivo da depuradora de Pedornes, a Xunta e o Concello de Oia traballarán de modo paralelo no convenio de colaboración para impulsar as actuacións recollidas no estudo de alternativas e na solución elixida, que se desenvolverán por fases, ademais de avanzando no estudo das alternativas para o saneamento interior.