Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas inicia as obras dun novo parque na rúa Sarmiento Rivera

As obras do novo parque, situado na rúa Sarmiento Rivera, iniciáronse esta semana cos traballos de roce e selección do arborado, así como co baleirado da construción que será obxecto de rehabilitación para uso público.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; o primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, visitaron as obras do futuro parque, que terá preto de 3.000 metros cadrados. A rexedora salientou que esta actuación “é un exemplo da planificación e rigor co que actúa o goberno municipal. Anunciamos o pasado ano que se faría o parque e xa están as obras en marcha para finalizalas en aproximadamente dous meses”. A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote salientou que “as obras non teñen ningún custo para o Concello grazas á aprobación do PXOM, que logramos tras 20 anos de parálise”.

A creación do parque irá acompañada da humanización da rúa Curuxeira que une a rúa Sarmiento Rivera coa rúa Redondela.

O parque contará con moito arborado de gran porte, ao aproveitarse unha parte importante das árbores xa existentes. Segundo explica o goberno municipal do BNG-PSOE, realizouse un completo informe técnico forestal que determinou que árbores se podían conservar polo seu estado ou interese e cales debían cortarse polo seu mal estado, perigosidade ou exceso de densidade. Ademais, determinouse tamén o transplante dalgúns exemplares situados fóra do ámbito do parque e a plantación de novas árbores.