Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela concéntrase na Praza do Concello en memoria de Beatriz Lijó Gesteira, vítima do asasinato machista en Baiona

Veciñas e veciños de Redondela concentráronse onte martes, 7 de febreiro na Praza do Concello de Redondela, respondendo ao chamamento realizado polo Concello redondela, para expresar a sua maís fonda repulsa ao asasinato de Beatriz Lijó Gesteira, a última vítima da violencia machista. Desta forma, Redondela reafirma o compromiso social na loita contra as violencias machistas.

O acto comezou cun minuto de silencio, despois a concelleira de igualdade, Iria Vilaboa, dixo unhas palabras de apoio ás vítimas e deu paso ao micrófono aberto no que participou a Asamblea Feminista Paxaretas e a Federación de Anpas de Redondela. Por último a alcaldesa, Digna Rivas  pechou o acto lembrando a tódalas mulleres vítimas de violencia machista comezando por Beatriz Lijó que “convértese na oitaba víctima en España no que vai de ano, 1190 mulleres asasinadas dende 2003. É unha necesidade aumentar en recursos e educación para frear esta lacra”.

Rivas, asegurou “ser incapaz de expresar  a rabia e indignación que me produce o terrible suceso de Baiona”. Rivas foi clara ao afirmar que a sociedade ten que loitar “unida e sen fisuras” contra a barbarie que supón a violencia machista, “unha violencia –engadiu á rexedora local– fronte á que non caben medias tintas nin ambigüidades e aqueles que negan a existencia deste violencia machista, son complices da mesma”.

A rexidora asegura que estes feitos “son un golpe moi duro para aquelas e aqueles que cremos e loitamos pola igualdade, pero que a ninguén teña a menor dúbida que seguiremos nesta pelexa ata conseguir poñer fin aos asasinatos machistas que supoñen unha auténtica lacra social”.