Martes, 13 Maio de 2025

A atención sobre violencia machista aumenta en Baiona

A concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, fai balance anual da súa área e destaca que “dende o seu departamento este ano xestionáronse subvencións para o funcionamento do CIM, contratación de vítimas de violencia de xénero e para o desenvolvemento de actuacións de sensibilización no eido da promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero , que deron como resultado a obtención de subvencións por importe  de 117.679 €”.

En referencia ao centro municipal da muller, adscrito a súa área,  en total realizáronse  986 consultas  individuais con mulleres, o que supón un incremento dun 24,44 % respecto ao ano 2021. Das consultas e intervencións  realizadas, 506 centráronse na  violencia de xénero o que indica que o 51,32 % do total de consultas realizadas este ano foron directamente relacionadas coa atención a vítimas de violencia de xénero. Se consideramos as consultas específicas de violencia de xénero do ano 2021, no ano 2022 as consultas incrementáronse neste ámbito un 38,5 %.

Os datos  recollidos en “xestión cim” durante este ano son os seguintes: 265 atencións de asesoramento xurídico, 118 de atención psicolóxica, 506 de atención a vítimas de violencia de xénero, e  97 consultas relacionadas con emprego, información de cursos, de recursos , e outra información.

Se consideramos o perfil de mulleres usuarias do CIM neste ano: o 67,19 % das usuarias tiña entre 25 e 54 anos, o 10,94 % entre 55 e 64 anos, o 10,16 % 65 anos e máis e o 7,81 % entre 15 e 24 anos e un 3,90 % non constan datos por ser atendidas como anónimas. O 52,14 % das mulleres atendidas residen na parroquia de Baiona e o 47,86 % acoden dende as outras parroquias (Baíña, Belesar, Baredo e Sabarís).

As consultas máis demandadas no centro teñen que ver con aspectos xurídicos: violencia de xénero, dereito de familia, xustiza de balde, dereito administrativo, seguridade social  e procesos de incapacitación. No servizo de atención psicolóxica, na  meirande parte dos casos, as demandas detectadas teñen relación coas diversas manifestacións da violencia de xénero: violencia verbal, social, emocional, económica e patrimonial, ambiental, sexual e física.

O CIM atendeu este ano 24 vítimas de violencia machista ás que ademais de prestarlle asesoramento xurídico e atención psicolóxica, se lles tramitaron segundo o caso,  diferentes recursos para cubrir as súas necesidades: teleasistencia móbil, prestacións de axuda periódica ,do pago único,  bono alugueiro etc.

A atención integral que fai o Centro de Información ás Mulleres é básico para garantir a protección das vítimas e axudar a que a súa situación de vulnerabilidade se solvente. Por iso é fundamental incrementar o orzamento destinado a este servizo dende as institucións das que depende. Tamén é imprescindible salientar todo o traballo que se ten feito dende a área de igualdade grazas ás decisións políticas e o traballo técnico da directora do CIM, Elena Otero Rodríguez.