Martes, 13 Maio de 2025

A ministra de Industria e Turismo destaca a aposta de Baiona polo turismo sostible

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, elixiu Baiona para pasar uns días de descanso neste Nadal e mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Carlos Gómez Prado.

Maroto destacou o modelo de vila e turismo sostible polo que aposta o alcalde e o concello, o que motivou que fose o primeiro concello do Val Miñor en obter fondos Next Generation da UE para humanizar a contorna de Santa Liberata, entre outras actuacións.

“Quero felicitar ao alcalde e ao concello por aproveitar os fondos europeos para impulsar en Baiona un turismo sostible, dixital e inclusivo, que atrae a turistas de todo o mundo”, manifestou a ministra, unhas declaracións que deixou tamén por escrito no Libro de Honra do Concello de Baiona.

“Podes contar co meu apoio e o do Goberno de España para continuar xerando riqueza e emprego nesta vila”, engadiu Reyes Maroto.

Pola súa parte, o alcalde, Carlos Gómez Prado, agradeceu “a receptividade do Goberno de España ás demandas do Concello de Baiona”, co exemplo recente “do investimento de case sete millóns de euros nas zonas visitables do Parador e o alumeado exterior da muralla da fortaleza”.